Mércores, 12 Febreiro de 2025

O Concello de Ponteareas culpa ao anterior goberno da perda dunha subvención para un vehículo da policía local

O tenente de alcalde, Juan Carlos González, explica que “pese aos atrancos que nos atopamos, continuaremos apostando polo fortalecemento deste servizo”

O Concello vén de dar conta da perda dunha subvención de algo máis de 33.000 euros para un vehículo da policía local, polo que cualifican de “nefasta xestión do anterior goberno”. Segundo o goberno que preside Nava Castro “a ineficacia e a falta de compromiso coas arcas municipais dos últimos mandatos fan agora que a administración local teña que asumir esta contía coa que se renovou o parque móbil da Policía Local”.

Co obxectivo de que os axentes realizaran o seu labor de vixilancia e protección dunha maneira máis eficiente, o goberno galego cofinanciaba as cotas do sistema “renting” dun vehículo híbrido dentro da liña de axudas do Fondo de Compensación Ambiental. O compromiso que adquiriu a administración local, liderada entón polo BNG, para recibir esta subvención foi o de adxudicar o contrato para a adquisición do coche antes do 31 de decembro do 2022. Con todo, o contrato non se adxudicou ata o 11 de xaneiro e non se formalizou ata o día 17 de xaneiro de 2023.

Deste xeito, por mor do incumprimento dos prazos que recollía a liña de axudas da Xunta de Galicia, a través de Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, o Concello perde esta achega de 33.600 euros coa que se adquiriu un vehículo híbrido que empregan os axentes da Policía Local e deberá asumir agora a totalidade da contía.

Neste sentido, o tenente de alcalde, Juan Carlos González, indica que “a nefasta xestión do anterior goberno, fai que o Concello perda unha subvención necesaria para fortalecer os servizos que se ofrecen á cidadanía” e apunta que “temos que asumir un novo gasto por mor da ineficacia do anterior executivo local”. Con todo, insiste en que “malia os atrancos que nos atopamos, derivados da nula capacidade de traballo dos anteriores mandatarios, continuaremos apostando polo fortalecemento da Policía Local xa que a dotaremos de novos axentes e recursos que se sitúen á altura das necesidades dos veciños e das veciñas”.