O Concello de Covelo abre o prazo para inscribirse na xornada de interpretación astronómica ‘Ceo de inverno. 4 estacións Starlight’. Enmarcada na programación de actividades anuais que oferta o Concello de xeito estable e gratuíto, a actividade desenvolverase no conxunto xeográfico do Faro de Avión o vindeiro venres 16 de febreiro aberta a tódolos públicos incluso para aquelas que teñan mobilidade reducida. O punto e hora de encontro será na contorna da igrexa da Xestosa, na parroquia de San Salvador de Prado, dende 30 minutos antes do ocaso e 1/1,5 horas logo do solpor.
Acompañadas/os do monitor starlight da Fundación Starlight, Julio Eiroa, terán a oportunidade de contemplar as estrelas máis brillantes, aprenderán a orientarse e descubrirán constelacións. Covelo aposta así pola observación do firmamento como parte do seu patrimonio natural, paisaxístico, cultural e científico posionándose como un dos Concellos de referencia para o coñecido “turismo das estrelas”.
Protexido da tensión da contaminación lumínica e caracterizado pola limpeza do seu ceo, o Concello de Covelo recibe a centos de visitantes cada ano que gozan de actividades nas que aprender e tamén deixar voar a imaxinación.
Ceos despexados, excelente claridade e a transparencia do aire son as condicións fundamentais requeridas para as observacións astronómicas e as actividades de turismo estelar que deben contan con ingredientes tan imperceptibles pero fundamentais como o brillo do ceo, a nitidez (seeing), a transparencia e a cobertura de nubes (tempo útil).
As persoas interesadas deberán inscribirse no número de teléfono 654 500 652 ao ser esta unha actividade con prazas limitadas. O grupo gozará tamén dun petisco e a organización infroma que poderá verse aprazada a actividade por cuestións meteorolóxicas.
A programación de actividades de promoción turística e cultural do Concello de Covelo conta co apoio da Deputación de Pontevedra.