Sábado, 22 Marzo de 2025

Musica e luces para un Entroido do Porriño que arranca hoxe mércores

19 comparsas con máis de 1700 participantes desfilarán o sábado e o martes

No Porriño xa está todo listo para dar a benvida ao Entroido e desta vez dunha maneira moi especial: co acendido das primeiras Luces de Entroido que dará paso a unha semana de festas con propostas para todas as idades, música, animación moita cor e ritmo. Será hoxe ás 19 h na praza Arquitecto Antonio Palacios e os encargados de premer o botón que acenderá a vila serán os nenos e nenas gañadores do III Concurso de Carteis de Nadal, Carmen –a autora do cartel do Entroido 24–, Lucas, Xiana, Mara, Carla, Naira, Xabier, Johan e Icía. Mara, en nome de todos os seus compañeiros e compañeiras convidou a “todo o mundo a acompañarnos neste momento e dar benvida xuntos ao Entroido do Porriño”.

O fixo no acto de presentación da programación de Entroido que tivo lugar esta mañá no Concello e no que tamén estiveron presentes o alcalde, Alejandro Lorenzo, concelleiros e concelleiras, os nenos e nenas gañadores do concurso de carteis, hostaleiros, comerciantes, asociacións e como non podía ser doutra maneira, os pregoeiros e pregoeiras destas festas: os usuarios e usuarias de AFAGA no Porriño. Como xa anunciamos, subirán ao balcón da casa consistorial a dar o inicio oficial do Entroido do Porriño o sábado 10 ás 12 h. “Para nós é unha honra e fainos moita ilusión e unha forma fantástica de festexar o noso 30 aniversario”, explicou Jesús María Andrea, terapeuta ocupacional da unidade de AFAGA no Porriño, “O Entroido é unha festa atemporal, na que non hai idades e na que nenos e maiores ilusionámonos e celebramos xuntos”.

Na mesma liña se manifestou o alcalde, Alejandro Lorenzo, confesando sentirse “especialmente emocionado porque todos e todas, dende os máis pequenos aos maiores, disfrutemos xuntos da nosa vila e da vida, enchendo de cor O Porriño”. “Para min é unha honra que os nenos e nenas poñan a luz e os maiores queden para sempre na historia do Porriño e na nosa memoria”, concluíu o rexedor.

Lorenzo destacou que este ano volvemos facer historia cunha participación masiva nas actividades. “Serán 19 comparsas e máis de 1700 participantes os que desfilen polas rúas do Porriño o sábado –ás 18 h– e o martes –19 h–, ás so nos queda pedir que a choiva nos respete e nos deixe vivir a tope este momento”, engadiu concluíndo coa expresión que xa non pode faltar en ningún acto secundada por todos os presentes: “VIVA O PORRIÑO, VIVA O ENTROIDO DO PORRIÑO”.

Na programación atópase tamén o tradicional Xogo da Ola, que este ano chega á súa 80 edición, o velorio e enterro da Sardiña que pechará como cada ano o pasarrúas “Lume” de Troula, animación de rúa, festas e obradoiros infantís, concertos de La Patrulla, Gin Toni´s, Orquestra América, Dj´s… entre outras.