Mércores, 11 Decembro de 2024

Galicia presenta un total de 117 praias como candidatas a optar á Bandeira Azul en 2024

A directora xeral de Patrimonio Natural participou onte na reunión do xurado nacional que concederá estes galardóns á calidade ambiental, á accesibilidade e aos servizos

Galicia propuxo este ano un total de 117 praias –40 pertencentes á provincia da Coruña, 16 á de Lugo e 61 á de Pontevedra– como candidatas a optar á Bandeira Azul 2024, a mesma cifra que as que xa presentara na edición anterior. Así o avanzou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, tras participar onte en Madrid na reunión do xurado nacional encargado de conceder uns distintivos cos que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos, entre outros.

Tal e como explicou a directora xeral, con 117 praias propostas, Galicia é a terceira autonomía que formalizou máis candidaturas este ano, só por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía, que presentaron 154 e 152 praias, respectivamente.

Neste sentido e aínda que haberá que agardar ata mediados do mes de maio para coñecer a listaxe definitiva de areais galardoados, Belén do Campo amosou a súa confianza en que Galicia volva estar en 2024 entre as comunidades ao fronte da clasificación das bandeiras azuis, que son, dixo, un “reclamo turístico innegable” xa que permiten facer das costas un destino atractivo ao tempo que dinamizan a economía e o emprego en todos os sectores vencellados ao turismo.

Por iso, aproveitou a súa intervención para poñer en valor o esforzo realizado polas administracións locais para participar cada ano neste programa de recoñecemento internacional e poñer a punto as súas praias co obxectivo de poder lucir o maior número de distintivos azuis posible.

Nese sentido, a representante da Xunta desexou que os 35 concellos galegos que este ano presentaron algunha candidatura –15 da provincia da Coruña, 8 da de Lugo e 12 da de Pontevedra– se vexa recompensado cun distintivo para o 100 % das súas praias, que deberán acreditar unha calidade das augas excelente, unhas boas condicións de seguridade, servizos e accesibilidade, así como unha atinada xestión medioambiental.