Luns, 10 Febreiro de 2025

A Plataforma en defensa da sanidade pública da Guarda reclama que se dea cumprimento ás demandas da veciñanza

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda vén de lembrarlle ao goberno local e á Consellería de Sanidade que a veciñanza guardesa “leva anos esixindo a cobertura de todas as vacantes e baixas do centro de saúde, a dupla equipa de urxencias no PAC e unha ambulancia medicalizada no Baixo Miño”.

Desta xeito a Plataforma sae ao paso das declaracións de ambas institucións arredor da construción dun novo CIS na Guarda. “Sabendo da necesidade de adecuar as instalacións e a infraestrutura sanitaria do noso concello, remarcamos que a máis imperante das urxencias é a dotación de persoal das mesmas” asegura a Plataforma polo que consideran “este anuncio do PP como unha manobra desesperada de electoralismo, nada máis que fume, como é habitual en datas de campaña electoral”.

Lembra a Plataforma que na actualidade existen dous cupos médicos na Guarda sen médico asignado, que seguen a ter unha soa equipa no PAC e a ambulancia medicalizada máis próxima, no concello de Mos.

“Se o Partido Popular quere de verdade fortalecer a dotación sanitaria na comarca do Baixo Miño, ten na súa man cumprir coas medidas que a Plataforma leva anos demandando. Tomen nota do manifestado pola cidadanía galega o pasado 4 de Febreiro en Santiago de Compostela”, conclúe.