O Concello quintuplica a capacidade de atención a usuarios e a usuarias do programa “Xantar na Casa”. Deste xeito, a administración local aumenta o número de persoas beneficiarias deste servizo ata as 50 fronte as 10 de anos anteriores. O convenio asinárono esta mañá a alcaldesa, Nava Castro e o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, no Salón de Plenos.
Co obxectivo de atender a un maior número de persoas maiores e dependentes do municipio, a rexedora solicitou estenovo acordo e, tras o visto e prace do Consorcio, garantirase unha alimentación equilibrada a medio cento de usuarios e usuarias que así o precisan. Son os técnicos municipais dos Servizos Sociais quen, logo da correspondente avaliación, achegan a relación dos beneficiarios.
No acto de sinatura do convenio, a alcaldesa, Nava Castro, apuntou que “con este acordo chegamos a un maior número de persoas que precisan dos servizos municipais. Medio cento de usuarios e usuarias terán garantida unha alimentación equilibrada, de calidade e adaptada aos seus gustos e hábitos”. Agradeceu a implicación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar da Consellería de Política Social e puxo en valor “os bos resultados que acadamos cando as administracións traballan de maneira conxunta”.

A edil de Benestar, Raquel Plana, indicou que “os nosos maiores merecen toda a nosa atención como a administración local que lle podemos facilitar o seu día a día. O novo convenio resulta de vital importancia para continuar ao lado das persoas que nos necesitan”.
O acordo co Concello, que ten unha duración de catro anos prorrogables a outros catro anos, inclúe a supervisión por parte de persoas técnicas especializadas en nutrición e a realización dunha enquisa de calidade con carácter periódico. Ademais, o Consorcio garante ás persoas beneficiarias do programa a entrega de, cando menos, unha vez á semana no domicilio indicado do xantar para os sete días da semana durante o período en que se atopen de alta do servizo.
O programa de “Xantar na Casa” da Xunta de Galicia consiste nun servizo de comida a domicilio co que se pretende facilitar e garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades das persoas maiores ou dependentes que, por diversas razóns, non poden valerse por si mesmas para cubrir as súas necesidades básicas relacionadas coa compra ou a elaboración dos menús.