A inexistencia de residencias públicas para a terceira idade ou o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), son exemplos significativos do desinterese da Xunta de Galicia polas políticas sociais na comarca da Paradanta, onde son os concellos os que manteñen en pé o precario modelo de atención ás persoas. Foi a denuncia onte na Cañiza da candidata ás eleccións do 18F Elena Espinosa, número 1 na lista do PSdeG-PSOE na provincia. Acompañada do alcalde Luis Piña e integrantes da Agrupación Local socialista, Espinosa cualificou de “desastrosa a política social do PP, que non puxo en marcha unha soa residencia pública en 15 anos de goberno na Xunta o que é especialmente grave nas comarcas do interior da provincia cun elevado grao de envellecemento da poboación”.
“Cantas familias poden pagar máis de 1500 euros ao mes cando unha persoa maior e dependente xa non pode ser atendida na casa?”, preguntou a candidata. “É indecente que isto estea ocorrendo e que o PP mire cara ao outro lado. Destas cousas é do que vai votar o vindeiro día 18”. Espinosa animou á veciñanza a “apostar de forma clara e masiva a Besteiro que xa se comprometeu coas persoas maiores como unha das súas grandes prioridades cando chegue á Xunta”.
Pola súa banda, Luis Piña cualificou como unha “unha sangría económica” o que supón o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para os concellos, “un verdadeiro regalo envelenado da Xunta, como dixo recentemente un alcalde do propio PP como o da Estrada”. O alcalde da Cañiza lembrou tamén a alta porcentaxe de poboación que nesta comarca está por enriba da idade de xubilación e o elevado número de persoas dependentes. A atención a este colectivo faise fundamentalmente a través dun SAF “que se mantén en pé gracias aos concellos”. Piña recordou que o custo por hora deste servizo na Cañiza supera os 21 euros e a Xunta só está achegando 12 euros por hora. E, por enriba, engadeu, “é unha ganga para eles, porque dos 12 euros que achega só pon en realidade en torno a 6, porque o resto son transferencias do Estado”.
“O SAF, dixo o alcalde da Cañiza, é o exemplo máis claro de desidia da Xunta de Galicia, pois é o servizo clave na atención á Dependencia e trátase dunha competencia autonómica que estamos a pagar os concellos. É un servizo especialmente valioso pero é a Xunta quen debe asumir a xestión, ou financialo ao 100%”. Piña rematou pedindo o apoio á candidatura do PSDG- PSOE, con Besteiro, porque o que si está perfectamente acreditado é que o PP é o partido dos recortes nos servizos públicos esenciais e o partido que abandonou ás persoas maiores”.