14.1 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasO Concello de Ponteareas felicita á Banda de Música Unión de Guláns...

    O Concello de Ponteareas felicita á Banda de Música Unión de Guláns polo seu premio da Cultura Galega 2023 na categoría de música

    O certame destacouna como unha das formacións máis antigas de Galicia e da que xurdiron recoñecidos talentos como Rogelio Groba. A agrupación recibiu o recoñecemento da man do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nun acto que tivo lugar no Convento de Santa Clara

    O Concello felicita á Banda de Música Unión de Guláns polo seu recente premio da Cultura Galega na categoría de música. O mércores os diferentes integrantes da agrupación recibiron o recoñecemento da man do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nun acto que tivo lugar no Convento de Santa Clara, en Pontevedra.

    Desta maneira, a lonxevidade da Banda de Música Unión de Guláns acadou un dos maiores recoñecementos do eido da cultura da comunidade ao cumprirse 150 anos desde o seu nacemento. A Xunta destacou a súa escola propia coa que conta desde hai máis de 100 anos. Un dato que a sitúa como unha das formacións máis antigas de Galicia e da que xurdiron recoñecidos talentos a nivel instrumentista como directores e compositores con nomes tan destacados como Rogelio Groba.

    Neste sentido, o tenente de alcalde e edil da área, Juan Carlos González, apuntou que “é un orgullo que a Banda de Música Unión de Guláns reciba un recoñecemento de tanta importancia como o Premio da Cultura Galega” e que “somos conscientes que espalla o nome da vila por todos os recunchos polo que desde a concellería de Cultura seguiremos apoiando a súa actividade”.

    A Banda de Música Unión de Guláns foi un dos protagonistas na gala de entrega de premios xunto cos demais premiados como a escritora Yolanda Castaño, o Museo do Gravado á Estampa Dixital, PistaCatro, a produtora Portocabo, o programa Ponte…nas Ondas! e no eido do Patrimonio Cultural e proxección exterior, Eduardo Pardo de Guevara e os Cursos de verán Galego sen fronteiras, respectivamente.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.