Os alcaldes de Arbo, Horacio Gil; Crecente, Julio César García-Luengo Pérez e As Neves, José Manuel Alfonso González, mantiveron a pasada semana unha xuntanza co xefe do Servizo de Emerxencias da Xunta, Miguel Ángel Pérez Dubois, e outros axentes do servizo, de cara a axilizar a posta en marcha da Agrupación de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil ‘Ribeira do Miño’ que dará cobertura aos tres concellos e que se espera que estea plenamente operativa neste 2024.
A nova Agrupación denominarase Agrupación de Voluntarios/as de Protección Civil de Ribeira do Miño e actuará indistintamente no territorio dos tres concellos, para colaboración desinteresada na protección das persoas, os bens e o medio ambiente en situacións de risco e de emerxencias.
É fundamental que Arbo, Crecente e As Neves, conten cunha agrupación de Protección Civil, cuxo fin é axudar aos veciños, especialmente nas circunstancias máis difíciles –manifestan os tres alcaldes dos municipios– e agradecen a disposición e colaboración da Xunta para a posta en marcha da Agrupación e aseguran que os tres Concellos e a Xunta irán da man para que se dispoña canto antes de este servizo e dotalo dos mellores medios para atender aos cidadáns, concluíron os rexedores.