A oferta de instalacións deportivas municipais amplíase cun novo parque de calistenia en Chapela. O primeiro abriuse en Redondela, na zona da Marisma en 2021 atendendo as peticións da mocidade. Desde a súa posta en marcha na zona da Marisma son moitos os rapaces e tamén adultos os que utilizan estas instalacións a diario. Agora xa está en funcionamento o segundo parque destas características do municipio en Chapela, no paseo marítimo, a escasos metros do Centro de Deportes Acuáticos.
O concelleiro de Deportes, Iván Valles, constata que este novo parque “está a ter tamén moi boa acollida entre a veciñanza e é moi frecuentado por mozos e adultos que practican deporte”. A proximidade do parque de calistenia coas instalacións do club de remo de Chapela permitirá tamén aos rapaces e rapazas do club completar alí os seus adestramentos.
Elementos de exercicio inclusivos
As novas instalacións contan con todos os elementos requiridos para a práctica da calistenia cun total de nove elemento, dous deles adaptados para persoas con mobilidade reducida. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que ao igual que no parque da Marisma para o goberno local era “fundamental que parte dos elementos destas instalacións fosen inclusivos, para que poidan utilizalos persoas con mobilidade reducida”.
O parque conta con espaleira, escaleira horizontal, mesas de lumbares, dominadas, anellas, barra fixa, paralelas, monkey e snake bar. Nunha zona con solo adaptado e accesible están a escaleira horizontal inclinada de integración de 1500 a 900 mm e paralelas simples inclinadas de integración.
O recito conta tamén con paneis informativos coas de recomendación de uso na zona de xogos. Con este novo parque de calistenia a oferta de instalacións deportivas municipais amplíase para toda á veciñanza, e en especial á mocidade, “de lugares de ocio nos que desenvolver actividades deportivas ao aire libre”. O orzamento destas instalacións ascendeu a 17.923 euros financiados polo Plan Concellos.