14.1 C
Pontevedra
Domingo, 28 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasBará, “O 18F hai que escoller entre Rueda ou o goberno da...

    Bará, “O 18F hai que escoller entre Rueda ou o goberno da ilusión, o de Ana Pontón, capaz de poñer en marcha a mellor Galiza”

    “O 18F só hai dúas alternativas: un goberno cun presidente gris como Rueda, que deixa un país en retroceso tras 14 anos de desleixo, ou o goberno da ilusión, dunha presidenta do BNG, Ana Pontón, capaz de poñer en marcha a mellor Galiza”. Esa foi a escolla que o cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, deixou clara no seu mitin de campaña onte en Ponteareas.

    Acompañado das tamén candidatas pola comarca Cristina Fernández e Rocío Barreiro, así como do concelleiro Miguel Bouzó, o nacionalista fixo unha chamada á participación e á concentración “das ganas de cambio” na papeleta do Bloque, dúas claves necesarias para facer historia o 18-F.

    Salientou que as sensacións cara o BNG son moi boas na rúa e nas enquisas, sobre todo despois do debate da TVG no que Ana Pontón saíu reforzada, pero subliñou que non hai nada feito. Advertiu que “o cambio galego é imparable e está ao alcance das nosas mans, pero só se non se perde ningún voto”, lembrando que a única forza con posibilidades de arrebatar a Presidencia ao PP é o Bloque.

    Explicou Bará que as eleccións do 18-F “van de Galiza, de ter unha presidenta coas mans libres para defender os intereses dos galegos e das galegas, ao servizo da xente do país, e non das empresas do IBEX e as portas xiratorias coas que agora goberna en coalición o Partido Popular”. Destacou que con Ana Pontón á fronte da Xunta daráselle pulo a proxectos estratéxicos para a comarca do Condado e para Ponteareas que ata agora están aparcados e sen atención por parte do PP.

    Mellora do saneamento, promovendo a ampliación da rede ás parroquias que non teñen servizo; instalacións deportivas dignas cun novo pavillón que responda ás necesidades; instalación educativas en condicións, amplidando os centros de ensino que a día de hoxe non teñen ximnasio ou comedor; e garantir unha vellez activa ás persoas maiores cunha residencia e un centro de día no rural, así como a posta en marcha dunha nova escola infantil, foron algúns dos compromisos que puxo sobre a mesa con Ponteareas a facer realidade tras o 18F.

    Fixo fincapé Bará en que as eleccións do 18F, igual que a manifestación do pasado domingo, tamén son para defender unha sanidade de calidade, “na que se entre con esta tarxeta, coa tarxeta do SERGAS, e non con esta, a tarxeta de crédito”, dixo sacándo ambas da carteira.

    Pola súa banda, Cristina Fernández, afirmou que todas as persoas que escollan a papeleta do BNG “terán unha oportunidade para conseguir que cada unha de nós teña as máximas oportunidades na nosa terra cunha presidenta que ten a cabeza e o corazón postos no país, Ana Pontón”.

    Subliñou que “cando necesitamos a Ana, atopámola reivindicando o feminismo e a igualdade, ao carón das persoas máis vulnerables, apoiando ás traballadoras de empresas en perigo… Unha Ana Pontón cunha especial sensibilidade cara ás profesionais do ensino e da sanidade pública, ou en defensa das nosas costas para reclamar os nosos dereitos como país ante unha autopista mariña internacional que usa a Galiza como vertedoiro. E por suposto… Atopámola na mellora dos coidados das persoas e colectivos máis vulnerables”, salientou.

    Destacou que o BNG é garantía de prosperidade nos gobernos dende os que traballa e lembrou como mudou a fisionomía de Ponteareas en oito anos e como en tan só seis meses o PP está a rebentar todos os avances conseguidos. “Desembarcaron o 19 de xuño pasado nunha vila vangardista, sostible e lugar de encontro amable, para voltar a estar invadida polos vehículos deixando as persoas recluídas nas súas casas. Nunca o PP priorizou as necesidades das veciñas e veciños”, criticou.

    A tamén candidata Rocío Barreiro, pola súa banda, fixo fincapé en que o BNG ten previsto mobilizar máis 100.000 hectáreas de terra agraria de cara a 2030, apoiar a innovación industrial en procesos e produtos para aumentar o seu valor engadido e pechar o ciclo produtivo no país, así como mellorar os transportes, poñendo en marcha unha tarifa plana de transporte intermodal de 30 euros ao mes para bus, tren, barco ou taxi rural a demanda, entre outras melloras.

    O concelleiro Miguel Bouzó, finalmente, destacou que Ponteareas non recibiu da Xunta nos últimos anos ningunha nova infraestrutura nin servizo que solucione as principais necesidades das veciñas e veciños, nin sequera aquelas da súa competencia. “Temos aulas nas que chove dentro e nas que as nenas e nenos pasan frío porque o PP se negou a acometer obras de rehabilitación a pesar de que o goberno do BNG tiña o proxecto e lograra unha subvención para executalo. O PP negouse a aportar 70.000 euros e impediu que o concello fixera a obra. Nin fan, nin deixan facer”, criticou.´

    Puxo tamén de relevo a odisea que ten que vivir calquera persoa que, co transporte, teña que chegar á Universidade de Vigo ou ao Cunqueiro fola falta de frecuencias e de conexións de autobuses. En materia sanitaria, Bouzó afeou ao PP que estea a utilizar como cortina de fume a construción do novo centro de saúde para ocultar a súa política de desmantelamento da sanidade pública.

    “Prefiren seguir mantendo en condicións precarias o centro de saúde actual mentres apuran para beneficiar coa localización dos novos terreos a unha concelleira do seu partido que figura na candidatura ás eleccións galegas”, denunciou, explicando que as novas instalacións construirase nun espazo con vínculos familiares coa concelleira do PP Raquel Plana, en lugar de facelos nos que o Concello comprara na contorna dunha clínica privada coa que ela garda relación. “A desvergoña do PP non ten límites”, dixo

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.