O Concello de Nigrán aforrará desde este 1 de febreiro máis de 300.000 € ao ano en electricidade tras contratar o subministro a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Concretamente, o Concello adheríuse á Central de Contratación da FEMP para formar parte do Acordo Marco ao respecto, sendo a empresa adxudicataria Iberdrola por un importe anual de 646.468’12 € (a duración do contrato podería ampliarse un ano máis, polo que a redución de custes superaría os 600.000 €).
“É a primeira vez na Historia do Concello de Nigrán que se contrata de xeito global todo o subministro de electricidade de alta e baixa tensión, polo que o aforro será moi importante”, sinala o alcalde, Juan González, quen destaca a facilidade que supuxo facelo a través da FEMP ao tratarse “dun procedemento administrativo especialmente complexo”. Así, o Concello deixará de recibir desde este mes 1.847 facturas individuais correspondentes a cada un dos subministros para abonar só unha que englobará absolutamente todo o consumo municipal e a un prezo máis competitivo do que rexe no mercado xeral.
“
Juan González: “É a primeira vez na historia do Concello de Nigrán que se contrata de xeito global todo o subministro de electricidade de alta e baixa tensión, polo que o aforro será moi importante”
O Concello de Nigrán consume unha media de 3,5 millóns de kWh ao ano que se traduxeron no 2023 en 1 millón de euros en facturas e, tendo en conta a revisión de prezos que supón esta contratación, o importe se rebaixará en máis de 300.000 €.
A maiores, ao corresponder o 81% do consumo enerxético do Concello de Nigrán a alumeado público, a previsión é que se poida reducir aínda máis a factura ao continuar o goberno local co plan para substituír todas as vellas lámpadas de sodio por tecnoloxía LED (os trocos realizados nos últimos 6 anos permitiron pasar dun consumo de 4,8 millóns de kWh/ano aos 3’5 millóns actuais, cuantificándose o aforro en máis de 62.000 €). Neste sentido, compre destacar que o Concello de Nigrán forma parte do ‘Pacto Europeo de Alcaldes polo Clima e a Enerxía’ para acadar unha reducción das emisións de CO2 nun 40% de aquí a 2030 (isto suporá que o municipio deixe de lanzar 23.271 toneladas de CO2 á atmósfera tomando como referencia as cifras do ano 2017).
“Con este paso acadamos un importante aforro económico para as arcas municipais e regularizamos o subministro de electricidade, pero adicionalmente, continuaremos traballando para reducir o consumo e, con elo, minimizar o impacto ambiental dacordo aos propios Obxectivos de Desenvolvemento Sostible”, conclúe González.