A deputada de Turismo, Nava Castro, visitou esta tarde en Pontevedra a mostra itinerante “A camelia, flor das galegas e dos galegos” que durante dez días encherá de cor a Praza de Santa María. Trátase dunha exposición que, tralo seu paso por Pontevedra, percorrerá os concellos da provincia nos que se organizan mostras sobre a camelia para “achegar a toda a cidadanía información sobre esta flor, dende a súa historia ata os seus coidados; a economía que xira a carón dela; a súa relación coas artes, a gastronomía ou a moda; os produtos da camelia ou a ruta que se pode realizar pola nosa xeografía arredor desta flor”, asegurou a deputada provincial.

“Trátase dunha experiencia 100%Rías Baixas” remarcou Nava Castro xa que a camelia é “un símbolo para as galegas e galegos, algo que nos identifica e co que tamén nós nos sentimos moi identificados”. Tamén detallou a deputada o poder da camelia como “revulsivo turístico cunha capacidade desestacionalizadora moi importante” e a súa amplitude de usos ao “aproveitarse todo dela. Desde aceite para cociñar ata para a pel, produtos para o pelo, tés das súas follas, a súa madeira…. na Estación Fitopatolóxica Areeiro traballan arreo para sacarlle partido a esta marabillosa flor que está chea de sorpresas”, subliñou.
“A camelia, flor das galegas e dos galegos”, impulsada pola Sociedade Española da Camelia en colaboración coa Deputación de Pontevedra”, conta con 14 tótems nos que se recollen os segredos e curiosidades desta flor a través dun percorrido ao aire libre ameno e visualmente atractivo. Os paneis presentan información sobre a historia e as variedades de camelia, os xardíns destacados desta flor en Galicia, os nomes das camelias, os seus coidados, a economía desta flor e os seus derivados, a aplicación da camelia na gastronomía tanto a través de aceite como de marmeladas, vermú ou galletas, a relación da flor coas artes e as figuras destacadas relacionadas coa camelia, con fotografías de persoas de diferentes ámbitos que teñen relación coa flor.