Domingo, 16 Marzo de 2025

O PSdeG chama en Redondela a un voto masivo “porque con Besteiro a Avenida Mendiño será unha realidade despois de 5 anos de enganos do PP”

A candidatura ás Eleccións do 18F insta a unha ampla participación para evitar que a Xunta de Rueda siga discriminando á cuarta cidade da provincia

A candidatura socialista con Carlos Font, número 2 da lista, e Leticia Gallego, número 5, acompañados da alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e militantes da Agrupación Local visitaron onte a feira onde animaron á cidadanía “a votar de forma clara a José Ramón Gómez Besteiro para rematar dunha vez coa permanente discriminación da Xunta do PP a Redondela”.

“Falamos da cuarta cidade da provincia de Pontevedra que desde que o PP non ten a Alcaldía se ve sometida a unha continua marxinación por parte da Xunta de Rueda”, dixo Carlos Font. O candidato cualificou de “vergoñento” o trato destes anos á veciñanza da vila “que se ve continuamente discriminada, con incumprimentos sostidos pola Xunta desde que o PP perdeu o goberno local”. Font citou o caso “aberrante” do proxecto da Avenida Mendiño, que foi comprometido e presentado “a bombo e platillo” pola consellería de Infraestruturas co anterior alcalde en 2019 e que 5 anos despois aínda seguen sen comezar as obras. “Non poder haber concellos de primeira e de segunda dependendo de si gobernan eles ou non. Están castigando á xente de Redondela e iso ten pouco que ver cunha actitude democrática e decente. Con Besteiro na Xunta a Avenida Mendiño será unha realidade”, subliñou.

Neste senso, a alcaldesa Digna Rivas sinalou que “a veciñanza de Redondela merece un respecto que a Xunta non lle ten” e cualificou de “deslealdade institucional o esquecemento do proxecto nun tramo urbano dun vial de titularidade autonómica, que presenta un absoluto deterioro, de enorme intensidade de tráfico e circulación de persoas, principal acceso á praia de Cesantes e que conecta o pobo con zonas de servizos como o centro de saúde, centros educativos, ou instalacións deportivas”.

“Non pode ser, dixo a alcaldesa, que un proxecto que incluso foi presentado pola Xunta a todo trapo cando gobernaban Redondela fai cinco anos, siga agora parado e sen que movan unha pedra. De feito, engadeu, incluso rexeitaron incluílo nos orzamentos o pasado ano”. “Ese é o PP de Rueda, subliñou, pero este tamén é o momento en que a veciñanza ten nas súas mans, co seu voto, devolver a decencia á Xunta de Galicia e que con Besteiro proxectos de seguridade viaria coas persoas no centro como o de Mendiño sexan por fin unha realidade”.

Rivas recordou que o Concello “fixo todos os seus deberes” e incluso actualizou a memoria do proxecto que entregaron á conselleira no pasado novembro, “cando por fin se dignou a recibirnos. Desde entón seguimos esperando unha resposta que continua sen chegar”.