Domingo, 9 Febreiro de 2025

Covelo abre o prazo de inscrición dos primeiros cursos do Plan de Formación 2024

O Concello de Covelo da un paso máis na calidade dos contidos dos cursos e incluirá un módulo de igualdade en cada un deles

A concelleira de Formación e Emprego, Lourdes Enes, informa a todas e todos os interesados que xa está aberto o prazo para inscribirse nos primeiros cursos de formación do VIII Programa Municipal de Formación 2024 Concello de Covelo. Os cursos, deseñados e programados logo dun proceso de participación e consenso, buscan mellorar a inserción laboral das persoas participantes.

Así, logo de analizar o mercado laboral con empresas de formación, oficinas de emprego e veciñanza o Concello lanza os tres primeiros cursos do 2024.

Nestes intres e ata o 15 de febreiro está aberta a inscrición para o curso de “Inglés xeral, comercio e turismo” que se impartirá do 20 de febreiro ao 11 de xuño cunha duración total de 64 horas. Ata o 19 de febreiro as persoas empadroadas poderán inscribirse no de procura activa de emprego que terá lugar o 22, 23, 26 e 27 de febreiro cun total de 20 horas de formación. Tamén se oferta o curso de almacén e picking programado para os días 1, 4, 5, 6 e 7 de marzo que manterá o prazo de inscrición aberto ata o 23 de febreiro.

“Comezamos o plan de formación con tres cursos moi demandados non só no mercado laboral tamén polo propio tecido da hostalaría que ten a necesidade de aprender idiomas para dar un bo servizo á clientela que, cada vez máis, elixe Covelo para gozar de experiencias vacacionais vencelladas á saúde e ao contacto coa natureza”, explica a concelleira.

Módulo de Igualdade (ODS 5)

Doutra banda cómpre subliñar que o Concello de Covelo da un paso máis na calidade dos contidos dos cursos e inclúe un módulo de igualdade en cada un deles avanzando así no seu compromiso cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) –concretamente co ODS 5 Igualdade de Xénero– promovendo o acceso en igualdade de condicións e oportunidade a un traballo digno.

Segundo explica a concelleira de Igualdade, María José Valiñas, os contidos que se tratarán forman parte do material de sensibilización para a corresponsabilidade e novas masculinidades dos proxectos realizados polo Concello de Covelo en materia de igualdade, neste caso con financiamento a través do Plan Corresponsables.