16.1 C
Pontevedra
Luns, 15 de Xullo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaXunta de Galicia e Concello da Guarda asinan un convenio para construir...

    Xunta de Galicia e Concello da Guarda asinan un convenio para construir o novo Centro Integral de Saúde nas Coutadas

    O acordo sobre os terreos, próximos á base do GES, dá resposta á solicitude dunha parcela para este fin demandada pola Xunta ao Concello en novembro de 2021

    O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde da Guarda, Roberto Álvarez Carrero, acompañados do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, asinaron hoxe un protocolo de colaboración para a execución das obras de construción do novo Centro Integral de Saúde (CIS) da Guarda, contemplado na fase 1 do Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria aprobado pola Xunta en novembro de 2021.

    De xeito inmediato á aprobación do Plan, a Xunta remitiu a todos os concellos presentes no mesmo unha solicitude de parcelas para iniciar os trámites de construción nestes centros. O Concello da Guarda remitiu a súa proposta este mes de xaneiro tras varias reunións técnicas do actual equipo de goberno local con persoal do Sergas nos últimos meses, que validaron finalmente a proposta elixida polo Concello: uns terreos na zona das Coutadas, próximos á base do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES).

    Coa sinatura deste protocolo, o Concello da Guarda comprométese a modificar o plan urbanístico e a realizar os trámites oportunos para a transmisión en pleno dominio e libre de cargas e gravames das parcelas necesaria para a construción do Centro Integral de Saúde coa cualificación urbanística idónea. Pola súa parte, o Servizo Galego de Saúde levará a cabo os trámites necesarios e as obras do novo Centro Integral de Saúde do concello. Neste momento, a sinatura deste protocolo dará cobertura ao goberno local para iniciar o proceso de adquisición do terreo e os trámites urbanísticos para poñer a disposición do Sergas a parcela coa cualificación necesaria.

    Centro Integral de Saúde de referencia para o Baixo Miño

    Os centros integrais de saúde son un modelo de centro sanitario que o Servizo Galego de Saúde quere promover para integrar atención primaria ordinaria (en todas as súas categorías), a atención urxente e distintos servizos especializados. É un modelo que está a desenvolverse en cidades como Lugo ou Vigo, pero que tamén se estendeu a comarcas como a do Deza, coa construción en marcha do CIS de Lalín.

    O Plan de Infraestruturas aprobado esta lexislatura permitiu, a través dun estudo elaborado polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta, localizar os puntos que, concentrando máis poboación, estaban a máis distancia do seu hospital de referencia para valorar a construción dun CIS. Segundo os datos do Instituto, identificouse a comarca de Baixo Miño como unha zona óptima para un centro destas características e a Xunta elixiu A Guarda para a súa localización, dada a necesidade deste concello de renovar a súa infraestrutura sanitaria, cun centro que conta con máis de 30 anos de antigüidade e que necesita espazos para poder integrar servizos como fisioterapia ou saúde bucodental, actualmente separados do centro e localizados na Casa do Mar.

    Deste xeito, o novo Centro Integral de Saúde suporá duplicar a superficie respecto ao actual, ao pasar de 1.904 m2 a máis de 4.156 m2 do novo, o que permitirá integrar os servizos de fisioterapia e de saúde bucodental ou a base do 061.

    Plan funcional

    Así, o plan funcional que a Xunta compromete desenvolver neste novo centro inclúe 16 consultas de adultos, 1 consulta de farmacia, área bucodental, despacho de traballo social, área de infecciosos, 6 salas polivalentes, sala de toma de mostras, área pediátrica con 8 consultas, área da muller con 1 consulta, área de fisioterapia, sala de educación sanitaria, 2 despachos de coordinación e área de radiodiagnóstico.

    Tamén se desenvolverá a área de urxencias, onde se instalará o PAC con 2 consultas de medicina, 2 de enfermaría, sala de reanimación, sala de observación e dormitorios e vestiarios para o persoal; así como a base o 061.

    Finalmente, haberá unha área de especialistas con 4 consultas para que profesionais da área sanitaria de Vigo se poidan desprazar para dar atención máis próxima á veciñanza da comarca do Baixo Miño.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.