Luns, 7 Xullo de 2025

Nigrán inicia as obras dunha nova praza pública que conectará a ponte románica da Ramallosa e a Avenida de Portugal

0

O Concello de Nigrán iniciou esta semanas as obras para crear unha praza pública de 371 mpara a convivencia e a relaxación no espazo que comunica a Ponte Románica da Ramallosa e a Avenida de Portugal (PO- 340), aos pés do Río Miñor. O obxectivo é dar un xiro radical nesta contorna de gran valor patrimonial, natural e etnolóxica para que pase a ser unha zona senlleira de pausa e descanso no Camiño. Con este fin, o Concello ven de emprender os traballos adxudicados a Xestión Ambiental de Contratas cun orzamento de 114.726 € a cargo do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra. 

​”Pese a tratarse dun enclave estratéxico con altísimo valor patrimonial, cultural e ambiental, sempre foi un espazo residual cunha imaxe moi descoidada porque aparcan vehículos e transitan peóns sen orde algún. A tramitación deste proxecto foi especialmente costosa porque estaba moi afectada por Patrimonio e foi preciso agardar por todas as autorizacións”, explica o alcalde, Juan González, quen busca “devolver ao lugar a entidade que merece” ao situarse aos pés da Foz do Miñor (red Natura 2000, catalogado LIC), da ponte medieval, e no propio Camiño Portugués pola Costa. 

[su_image_carousel source=”media: 81742,81740,81741″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

​Neste lugar,  os pavimentos existentes estaban moi deteriorados e sen regularidade, xerándose charcos e problemas de salubridade; igualmente, a mestura indiscriminada de peóns e vehículos supuña un risco de seguridade viaria; a iluminación resultaba deficiente e, como suma de todo elo, o espazo non trasladaba sensibilidade algunha pola traza do Camiño. Por este motivo, o proxecto de Ángel Santorio Arquitectos contempla devolverlle a calidade ambiental recuperándoo como lugar para o paseo e a estancia e a relaxación de veciños e peregrinos, tendo en conta ademais que se atopa nunha cota inferior (de embarque) que a afasta do gran tráfico urbano da contorna. Así, a actuación, cunha duración prevista de 3 meses, mellorará o pavimento térreo existente e creará unha zona empedrada únicamente para o acceso dos vehículos aos garaxes actuais. O resto do lugar destinarase únicamente para os peóns, que contarán tamén cun itineario de adoquinado en granito moreno acompañado de mobiliario urbano de deseño sinxelo que se integrará na praza de xeito amable (banco, papeleira e maceteiro realizados en pedra ou madeira). A meta é crear un espazo diáfano e despexado cuxo uso resulte o máis flexible posible. Ademais, plantaranse bosquetes estratéxicos con especies autóctonas de árbores que propicien puntos de sombra. Finalmente, unificarase a sinaléctica existente e dotarase á zona dunha nova iluminación. 

​”Son unha serie de actuacións sinxelas, que non implican un gran investimento, pero que suporán un cambio radical nesta contorna pasando de ser unha zona de tránsito a un lugar privilexiado de desconexión e senlleiro no Camiño Portugués pola Costa”, resume o rexedor.

Ponteareas incentiva a creatividade da mocidade co concurso ‘Talento Xove’

O Concello de Ponteareas incentiva a creatividade entre os mozos e as mozas da vila mediante o concurso ‘Talento xove’, certame que pon en marcha a Concellería de Xuventude, dirixida polo edil Cristian Montes, co obxectivo de estimular ás persoas novas do municipio e actuar como canle de difusión das súas inquedanzas artísticas. O prazo de presentación finaliza o 15 de marzo. 

Poden participar veciños e veciñas de ata 30 anos nas modalidades de arte plástica, banda deseñada, cociña, danza moderna, arte urbana, fotografía, música, novela curta, moda e poesía. Ademais, establécense as categorías de infantil, cadete e xuvenil. 

A inscrición deberá realizarse cubrindo a ficha na oficina da OMIX situada na biblioteca municipal ou mediante o envío dun correo electrónico ao enderezo [email protected]. Tamén é posible nos centros escolares. 

Toda vez que finalice o prazo, o xurado, que estará formado expertos nas diferentes disciplinas, terá en conta que as temáticas elixidas teñan que ver coa vila. As bases están dispoñibles na páxina web do Concello. 

O edil de Xuventude, Cristian Montes, apunta que “somos conscientes da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a actividade artística individual e colectiva dos mozos e das mozas, por iso poñemos en marcha este certame no que poden dar renda solta a súa creatividade desde diferentes disciplinas”. 

O Serán dos Namorados de Mondariz quece o forno para bater, un ano máis, récord de participación

0

A primeira fornada de pan de millo xa está lista para recibir a vixésimo oitava edición do afamado Serán dos Namorados en Toutón, Mondariz, así no lo adianta Lucinda Barcia que xunto a súa filla Montse e a Evangelina encabeza a organización deste evento que reúne a milleiros de persoas amantes dos sons tradicionais.

Este sábado día 18 o torreiro de Santa Marta volverá ser o punto de encontro de público, músicos e bailaríns amantes dos sons das pandeiretas, gaitas, percusión e todo tipo de instrumentos que renden homenaxe á sabedoría do folclore popular.

Os sinais de identidade da aldea galega volverán converterse en notas de música, en pasos de baile, en gastronomía e, en definitiva, en encontro festivo. O Concello de Mondariz, a través da súa alcaldesa en funcións, Elena Naveira, salienta a importancia do traballo realizado por estas mulleres de Mondariz que colocan no mapa non só á parroquia e a vila, tamén a cultura popular enxalzándoa e contribuíndo a que non caia no esquecemento.

Estas tres mulleres levan meses traballando para que o sábado os milleiros de persoas que se van achegar ata Toutón poidan bailar, cantar, cear e compartir. Lucinda xa preparou a primeira fornada e ponse mans á obra coa segunda fornada dun exquisito pan de millo feito seguindo os coñecementos herdados de súa nai. O xamón asado, os chourizos, a bebida e moitas outras viandas completarán o menú e saciarán o apetito daqueles que vaian consumindo calorías ao son da música.

O ano pasado foron máis de corenta os grupos que actuaron dende as sete da tarde ás seis da madrugada, En Toutón a música e a festa chega ata o mencer e así será este ano no que ás 19 horas abrirá o encontro Xisco Feijoó coas pandereteiras de Toutón. As máis veteranas do grupo lembran como aprenderon tocar nos seráns da aldea cun prato de porcelana, “as pandeiretas daquela eran un artigo de luxo”, lembra Lucinda.

O Serán dos Namorados suma adeptos dende o seu inicio no ano 1996, tanto que conseguíu atraer o interese do rapeiro, compositor, cantautor, filósofo e actor C Tangana na pasada edición. Leilía, Carlos Núñez, Mercedes Peón, Os Carunchos e grupos chegados de toda Galicia participan do culto á música da terra dende os seus comezos.

O Serán dos Namorados recuperou o antigo Serán de Toutón que se deixara de facer arredor do ano 1965, “aínda conservo aquela pandeireta que merquei de adolescente, segue a sonar moi ben. O serán de Touto xa era moi coñecido daquela pero non metía a xente de hoxe. Antes unhas tocabamos e outras bailabamos, así era como aprendíamos, non había cartos para músicos nin para instrumentos”. A falta de estrada non era impedimento e a veciñanza da comarca desprazábase a pé para acudir ao serán de Toutón. Hoxe fano en coche e en autobuses.

Aínda que este ano, como outros moitos anos ao longo da súa historia, o serán cadra co entroido non será impedimento para encher de ganas a carpa do torreiro. “Lembro a primeira edición con Mercedes Peón, unha edición que naceu animada por Leilía “que se interesou pola nosa tradición pandereteira e nos convenceu para recuperar o serán”, engade Lucinda con ton agradecido polo apoio deste incondicional grupo.

A organización xa non terá que dispor de candís nin a luz de carburo alumeará os cobertos, nin se traballará en preparar tellados de colmo improvisados cada ano nun lugar diferente para repartir gastos. Os tempos son outros e a carpa xa agarda ao público e aos grupos que farán festa dende o solpor ata o mencer.

Alfonso Rueda subliña a súa ilusión por seguir acompañando aos galegos no camiño cara a Galicia da próxima década

0

O presidente e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, subliñou onte a súa ilusión por seguir acompañando aos galegos no camiño cara a Galicia da próxima década reivindicando que ama e respecta a nosa Comunidade tal e como é, sen necesidade de cambiala por nada. O líder dos populares aposta por unha vitoria que permita a Galicia ter un goberno que merece: con ilusión, con experiencia e ao servizo de todos os galegos sen excepción.

De aí que afirmase que o 18 de febreiro todos os galegos deben ter claro que o que se escolle é o camiño para os próximos entre, chamándoos a escoller a papeleta do PPdeG e con ela a da unidade, as solucións e a experiencia fronte á ruptura, as liortas, o partidismo e os nacionalismos.

Animou así aos seus a afrontar estes últimos días de campaña pedindo ata o último voto con confianza pero sen confiarse, con optimismo, con orgullo polo feito e coa esperanza polo que queda por facer para que Galicia siga funcionando.

E nesa Galicia que funciona xoga e seguirá xogando un papel moi importante o concello de Mos, xa que contará co complexo sociosanitario do Rebullón e cun dos primeiros centros públicos de coidados intermedios. Comprometeuse ademais a atraer novos investimentos que creen riqueza e emprego, como a Factoría do Deporte Galego, e a apostar pola vivenda pública con 20 novas que se van construír en San Eleuterio.

[su_image_carousel source=”media: 81715,81716,81714″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Do mesmo xeito, Rueda quere seguir vertebrando o territorio e neste sentido amosouse contrario a que a AP-9 non siga sendo a autoestrada de titularidade estatal máis cara de España, xunto coa AP-53.

Concluíu facendo un chamamento a que este domingo os galegos aposten pola Galicia orgullosa de si mesma e do que é dentro de España, a Galicia unida con sitio para todos, a Galicia próspera e con oportunidades. A Galicia, en definitiva, que funciona e que debe seguir funcionando.

Arévalo, “Mos ten que devolver a Rueda o apoio que sempre nos deu”

Pola súa banda, a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, agradeceu a “gran afluencia de persoas e o gran traballo que sempre desenvolve para que así sexa o equipo do comité local dos populares de Mos”. Destacou, así mesmo, a importancia de “que Alfonso Rueda siga a ser o presidente da Xunta, para continuar cun presidente libre que prima e promove o modelo Galicia fronte ás minorías e chantaxes do modelo Sánchez. Un ‘modelo Galicia’ que que nos fai punteiros en sanidade, educación, transformación e sentidiño”.

A rexedora puxo en valor “a transformación e o cambio” que experimentou Mos nos últimos tempos “grazas aos elevados investimentos” impulsados polo PP desde a Xunta. “No 2005 atopei en Feijóo o mellor aliado para defender Mos e aí xa estaba Alfonso Rueda. En 2009 desaloxamos o bipartidismo de Galicia e de Mos, e o noso concello comezou o despegue para converterse no territorio de oportunidades que hoxe é, cun PXOM aprobado en 2017, co macrocentro sociosanitario do Rebullón que será pioneiro en España en desenvolvemento e tantos outros proxectos de presente e de futuro”.

“Por iso mediante o voto útil, o voto para Mos, debemos devolverlle a Alfonso Rueda todo o apoio que lle outorgou ao noso concello. Porque en fronte só hai mentira e oportunismo. Porque Galicia perde cos nacionalistas e os socialistas, sen embargo sabemos que con Rueda Galicia funciona”, concluíu Arévalo, poñendo en valor tamén á candidata mosense Feli Rodríguez, da parroquia de Tameiga, que é tamén concelleira do equipo de goberno local e que “xa demostrou nesta lexislatura a súa defensa de Mos por riba de todo como deputada autonómica”.

Patxi López pon a Ponteareas como exemplo das políticas do Estado, “un gran concello da provincia esquecido por Rueda”

“Todas as grandes infraestruturas de Ponteareas levan a firma do Estado. Esa é unha realidade que o PP e a Xunta de Rueda non pode agochar por moitas falsidades e propaganda nesta campaña”. Así se pronunciou o portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López, nun almorzo con cargos da comarca e militantes de Ponteareas, Mondariz, Covelo, Crecente, Salvaterra e As Neves.

O portavoz no Congreso alentou “a un voto masivo a Besteiro para rematar cun PP esgotado. A xente non pode quedar na casa este domingo porque o cambio na Xunta é posible e o PSOE é o único partido que pode dar a Galicia un goberno útil”. López subliñou que “volvo a Galicia e as cousas xa cambiaron. A semana pasada agochaban ao candidato Rueda e Feijoo paseábase por aquí decidindo que na campaña non se falaba de Galicia, que do que falaría sería da amnistía e Puigdemont”. “¿E agora que?, preguntou, pois se atragoaron coa súa gran mentira e obra magna de hipocrisía porque todo o liderado de Feijoo está baseado sobre unha gran mentira”.

Xunto a Paloma Castro, número 3 da lista do PSdeG-PSOE e Delfín Domínguez, número 8 e secretario xeral en Ponteareas, Patxi López coñeceu os detalles de dous dos grandes proxectos do Estado en Ponteareas: a ampliación da EDAR da Moscadeira, onde xa comezaron as obras para unha infraestrutura longamente esperada pola veciñanza e que supón un investimento de máis de 14 millóns de euros. Co proxecto do Ministerio de Transición Ecolóxica, ao través da sociedade pública Acuaes, por fin se garante o saneamento integral a todo o concello, cunha poboación de máis de 20.000 habitantes, o que ata agora era imposible pola falta de capacidade da depuradora.

Patxi López tamén foi informado do avance do proxecto para a reforma da N-120, entre o núcleo urbano de Ponteareas e O Confurco, unha grande aposta pola seguridade viaria do Ministerio de Transportes cun investimento de 3,3 millóns de euros, con oito novas rotondas nos cruces, ampliación de sendas peonís, reordenación dos accesos á vía e nova capa de rodadura e sinalización “e todo elo en diálogo coa veciñanza”.

Movemento Salceda, con Ana Pontón

Movemento Salceda, formación independente que na actualidade goberna en Salceda de Caselas, vén de facer un chamamento a simpatizantes e persoas afiliadas para que apoien “o cambio en Galiza o vindeiro domingo, facendo que Ana Pontón se converta na próxima Presidenta da Xunta” ao considerar “chave” un cambio de protagonistas no goberno da Xunta “que impulse as moitas demandas pendentes coa nosa veciñanza”.

Lembra MS que as necesidades en sanidade, nomeadamente no tocante a pediatría, “seguen desatendidas pola Xunta” e que nos 15 anos de goberno, o Partido Popular “non atendeu proxectos tan necesarios como o saneamento en Soutelo e Entenza, o novo enlace da PO-510 na Lagoela ou a necesaria segunda Galiña Azul”.

Por todo isto, fan un chamamento á veciñanza “a exercer o seu dereito ó voto pensando en clave de País, pero tamén pensando no futuro da nosa vila”. “ Considera MS que é preciso “unha nova aposta pola vida no rural e unha administración que, de feito, traballe por uns servizos de calidade nas innumerables vilas de Galicia e, por extensión, en Salceda” e que a alternativa viable “é a que ofrece Ana Pontón, unha muller coa forza e preparación necesaria, que dará un novo pulo ó xeito de facer da política un servizo para a cidadanía”.

Unha alta participación será chave o vindeiro domingo, “cada persoa que quede na casa fomentará a continuidade do proxecto totalmente esgotado e clientelar do Partido Popular”, conclúe Movemento Salceda.

O ministro Jordi Hereu visita o Concello de Redondela

0

 O ministro de Industria e Turismo, Jordi Hereu, e o delegado do Goberno, Pedro Blanco, desprazáronse esta mañá ao Concello de Redondela (Pontevedra) en visita institucional, onde foron recibidos pola alcaldesa, Digna Rivas.

Tras asinar no Libro de Ouro do Concello, o ministro coñeceu os proxectos que a rexedora de Redondela desenvolve en materia de sostibilidade turística e cos que está a colaborar o Goberno.

Na reunión tamén analizaron os proxectos en materia de promoción empresarial e industrial que promove Zona Franca de Vigo e que teñen como espazo de implantación o Concello de Redondela. Neste encontro tamén participou a concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez

A diversidade e exuberancia vexetal dun xardín en Caldas de Reis, gañadora dos IV Premios Xardín Galego

0

Grandísimo nivel de participación na cuarta edición dos Premios Xardín Galego que cada ano conceden a Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (AGAEXAR) para recoñecer e difundir actuacións exemplares en traballos de xardinería pública e privada, poñendo en valor o sector, promovendo a innovación e promocionando o sector da xardinería.

Un xardín privado en Caldas de Reis deseñado por Ángel Otero foi elixido polo xurado como gañador desta cuarta edición pola súa aposta firme e decidida pola diversidade vexetal. Deste xeito, Otero revalida o título de gañador que xa obtivera o ano pasado pola “resolución brillante de deseño e de composición baseada na exuberancia das plantas e das súas floracións, facendo unha excelente lectura potencial das terrazas para albergar unha colección botánica máis que interesante”. Os membros do xurado destacaron que a proposta “roza a perfección” e que no deseño domina o elemento vexetal e a cor, creando espazos interesantes visualmente nos que o cambio estacional recreará escenarios diferentes.

[su_image_carousel source=”media: 81689,81690,81687″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Martín Toimil, de LaND30, obtivo o segundo posto con ‘Mourelos’, unha proposta na que destaca a “marabillosa selección de especies e a súa combinación nun mixed border interesante. Diversidade vexetal en estado puro e fomento da biodiversidade cun bo xogo de texturas e cores, equilibrio e harmonía”. Os cinco expertas e expertos membros do xurado destacaron a boa elección de especies para crear un ambiente singular e un xardín paisaxista naturalista.

Pola súa banda, o terceiro premio desta nova edición dos galardóns de acuBam e AGAEXAR recaeu en Ángel Romero, de ARomero Paisaxismo, polo seu proxecto de paisaxismo no Palacio da Oliva de Vigo. O xurado destacou que se trata dunha proposta na que o xardín está “moi ben adaptado á arquitectura, cunha boa selección de especies e coa colocación de plantas en espazos verticais que dotan ao conxunto de máis verde”. Unha actuación “sobria e elegante” que harmoniza coa contorna “sen quitarlle protagonismo, cunha boa combinación de materiais inertes e vexetación” que dan lugar a un xardín de baixo mantemento.

O xurado quixo agradecer expresamente a todas e todos os candidatos o esforzo para presentar os seus traballos a esta nova edición dos premios, que contou tamén coas propostas de xardín aberto ao mar de Magda Jandová (Viveiros Adoa), a mellora paisaxística dun xardín en Celanoda de R. Aricia Rodríguez, rotondas no Porriño a cargo de Sinda Davila, o proxecto ‘10×7’ de José Souto (Innova Paisaxes) en Boiro, a Praza do Calvario no Rosal de Víctor Mario Pérez (Píntega Xardíns) e o reacondicionamento do xardín Charo obra de Marina Muñoz (Brivegmar).

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a presidenta de acuBam, Mariví Álvarez; o presidente de AGAEXAR, Víctor Pérez; autoras e autores das propostas gañadoras así como o resto de empresas e persoas autónomas participantes no certame estiveron na gala de entrega de premios que se celebrou no salón de plenos do Concello de Tomiño. A entrega arrancou con varias charlas abertas tamén ao público, na que se afondou sobre programadores de rega orientados a viveiros de produción e xardinería, sobre os desafíos fitopatolóxicos na planta ornamental ou a presentación de produtos a cargo de Suministros e Instalacións Río Verde.

O PSOE pon á Cañiza como exemplo de cambio con Luis Piña na alcaldía e anima á veciñanza “a cambiar tamén a Xunta con Besteiro”

0

Elena Espinosa, número 1 da candidatura, e Carlos Font, número 2 da lista, insistiron na necesidade de “ir a votar o domingo porque o xiro é posible sempre que a xente non se quede na casa”. A cabeza de lista sinalou que “a mellor proba de que as cousas melloran radicalmente cando o PSOE goberna é o profundo cambio que está experimentando A Cañiza desde a chegada de Luis Piña á Alcaldía”.

“Galicia merece un goberno de Besteiro que faga políticas para ás persoas, que garanta dereitos e servizos, dixo Espinosa, e non o desinterese, a fartura e a incapacidade do PP de Rueda que despois de 15 anos deixa a sanidade pública abandonada, que non ten proxecto para a educación e que esqueceu ao rural e á xente maior, sen apoio á dependencia e incapaz de construír unha soa residencia pública en Galicia”.

A Xunta súmase a celebración do ano Palacios con roteiros, xornadas, visitas e exposicións

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe no Porriño na presentación das actividades impulsadas polo Concello do Porriño para celebrar o Ano Palacios, unha efeméride á que se suma a Xunta de Galicia e que inclúe xornadas, roteiros e visitas culturais a localidades onde o arquitecto traballou e conservan o seu legado. 

Así, a axenda presentada hoxe nun acto co alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, está dirixida a conmemorar dúas datas significativas na historia do arquitecto Antonio Palacios. A primeira delas é o 150 aniversario do seu nacemento,celebrado o 8 de xaneiro, mentres que a segunda é o centenario da Casa Consistorial, obra do autor. 

O responsable autonómico de Cultura referiuse a Antonio Palacios como o “máis importante arquitecto e urbanista da nosa historia recente”. “A súa creatividade única permitiulle deixar unha pegada imborrable no imaxinario arquitectónico de Galicia”, destacou o conselleiro Román Rodríguez, quenengadiu que aínda hoxe “algúns dos seus traballos son unha referencia técnica e plástica para os profesionais do sector”. 

Tal e como explicou, a importancia da súa obra fai que sexa fundamental “transmitir a magnitude do seu legado” ás novas xeracións con iniciativas como as impulsadas agora para conmemorar o Ano Palacios. En concreto, a programación presentada hoxe inclúe accións para involucrar a toda a vila do Porriño nesta celebración con actividades nos centros educativos, visitas guiadas e trens turísticos seguindo as principais obras do arquitecto, excursións a outras localidadesonde hai obras súas, exposicións e instalacións artísticas, entre outras. 

Ademais, tamén está prevista a rehabilitación do Templete de San Luis, cuxos traballos de restauración están actualmente en fase de licitación por parte da Xunta de Galicia. Trátase dunha actuación que conta cun prazo de execución de cinco meses e coa que se pretende resolver as diversas patoloxías que afectan ao estado da estrutura e adecuar o contorno para mellorar a súa presenza no lugar.

Case 200 obras de Castelao para desfrutar da obra e pensamento dun dos creadores galegos máis singulares

0

A evolución da obra artística de Castelao chega a Tomiño. O Mercado Municipal de Tomiño acolle dende o vindeiro 16 de febreiro ata o 17 de marzo a exposición ‘Castelao grafista (facsímile)’, unha mostra realizada en colaboración con Afundaciónque reúne unha ampla selección das múltiples facetas do rianxeiro. 

Un proxecto de difusión internacional coa que divulgar a obra e o pensamento dun dos creadores galegos máis singulares e permitirá a tomiñeses e tomiñesas “coñecer e desfrutar dalgunhas das súas creacións e das súas inmensas achegas á historia máis recente de Galicia”, como sinalou a alcaldesa, Sandra González. 

Caricaturista, debuxante, ilustrador, columnista, escritor, pintor, escenógrafo, ensaísta, historiador, etnógrafo, teórico, político… Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi un dos máis importantes intelectuais galegos, un verdadeiro humanista e un referente de loita, amor e traballo por Galicia. A mostra reúne 19 facsímiles da Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum ‘Cousas da vida’ de Castelo, dos que 49 pertencen á Colección de Arte ABANCA, xunto con obras procedentes doutras institucións, galerías e particulares. Ademais, o público poderá desfrutar de 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas, ler o texto orixinal do álbum Nós e contemplar 2 manuscritos de Castelao, 18 portadas das primeiras edicións dos seus libros, 3 páxinas interiores, 14 portadas de libros ilustradas por Castelao e 3 debuxos.

O Concello de Tomiño colabora con este proxecto expositivo organizado por Afundación Obra Social ABANCA, a Fundación Gonzalo Torrente Ballester, a Real Academia Galega de Belas Artes e a Xunta de Galicia. A mostra estará aberta ao público de martes a domingo de 09.00 h a 14.00 h e de 19.00 h a 22.00 horas e contará cun acto de inauguración oficial o mércores 21 de febreiro ás 19.00 horas que estará aberto ao público.

A mostra trae ademais aparellada a acción social denominada ‘CulturaxAlimentos’, unha iniciativa de recollida de alimentos non perecedoiros. Dende o Concello anímase a todas as persoas asistentes á exposición a colaborar con esta campaña achegando alimentos que logo serán repartidos no municipio a través do servizo de Benestar Social do Concello de Tomiño.

O Concello de Oia contratará 7 persoas ao abeiro do Plan +Provincia 2024 da Deputación

0

O Concello de Oia contratará un total de 7 persoas ao abeiro do Plan +Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra (liña 3, de activación do emprego). Os perfís que se solicitan son de condutor de maquinaria forestal (1 praza), albanel (2 prazas) e peón forestal (4 prazas), e en todos os casos se trata de contratos a xornada completa.

Poderán beneficiarse desta iniciativa as persoas desempregadas inscritas na oficina de Emprego de Baiona, que fará a preselección de candidaturas. Posteriormente, o Concello encargarase da selección definitiva.

No seguinte cadro resúmese o número de prazas para cada posto, o perfil solicitado (xunto co código correspondente no que deberán inscribirse na oficina de emprego as persoas interesadas) e máis a duración de cada contrato:

PRAZASPERFIL/OCUPACIÓNPERÍODO CONTRATO
1Condutor/Operador de maquinaria forestal (CNO. 83221013)1/03/2024 a 31/12/2024 (10 meses)
2Albaneis(CNO. 71211015)1/04/2024 a 31/10/2024(7 meses)
   
 4Peón Forestal(CNO. 65431028)01/03/2024 a 31/10/2024 (8 meses)

Concello de Oia

O PP celebra en Ponteareas un acto sectorial de Urbanismo coa presenza da conselleira Ángeles Vázquez

O traballo a contra reloxo do Partido Popular ao fronte do goberno municipal conseguiu reverter a situación de caos en materia de urbanismo na vila. Así o aseverou a edil da área, Silvia Fernández, nun acto sectorial que tivo lugar no Centro Artístico Sportivo no que tamén interveu a alcaldesa, Nava Castro e a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez.

No evento, que se celebrou no marco das eleccións autonómicas, Fernández apuntou que “o actual goberno, co Partido Popular ao fronte, traballou a contra reloxo para que os veciños e as veciñas da vila non perderan 2 millóns de euros que o anterior executivo liderado polo BNG comprometera”. Insistiu en que “non o dicimos nós, se non que foron os propios técnicos do Ministerio de Facenda os que confirmaron este caos absoluto dos nacionalistas”.

Deste xeito, a edil salientou o traballo levado a cabo polo Partido Popular ao poñer toda a maquinaria a funcionar co obxectivo de salvar a subvención pertencente á EDUSI e apuntou que “fomos capaces de facelo en seis meses cando o BNG non foi quen en oito anos”.

[su_image_carousel source=”media: 81659,81661,81657″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Ademais, lembrou que o Partido Popular cumpriu cunha demanda histórica ao iniciar a redacción do Plan Parcial de A Lomba, un documento que permite outorgar seguridade xurídica ás empresas e indicou que “é unha mostra do que caracteriza ao PP, xestión, estabilidade, e optar por poñerse a traballar e non por crear barullo”.

Pola súa banda, a alcaldesa, Nava Castro, explicou que “situámonos ao carón dos servizos públicos, puxemos a disposición da Consellería de Sanidade os terreos necesarios para que a veciñanza poida contar cun novo centro de saúde e construiremos unha nova ludoteca para a cativada da vila. Isto é o que caracteriza ao Partido Popular, traballo e compromiso fronte ás liortas e o desleixo”.

A Conselleira Ánxeles Vázquez, felicitou o traballo do goberno local que lidera Nava Castro, ao conseguir que Ponteareas sexa o primeiro municipio dos 33 concellos de Galicia que sacaron lineas de axudas ARI “áreas de rehabilitación integral” para a rehabilitación da zona vella de Ponteareas. Ánxeles Vázquez tamén informou da preocupación do goberno autonómico polos mozos que a pesar de ter un traballo fixo, ben sexa funcionario, camareiro ou outra profesión e queren comprar unha vivenda e acoden ao banco pero non teñen un aval ao 100%, a Xunta de Galicia decidiu que lles pon un aval do 20% para chegar ao aval necesario, unha medida pioneira que foi copiada polo goberno central.

Finalmente, sinalaron que, en materia de urbanismo, “o actual equipo de goberno construímos unha Ponteareas que funciona para todos e para todas. Todos e todas son igual de importantes, tanto as persoas que viven no centro urbano como as que teñen a súa vivenda no rural”.

Contacontos na Biblioteca Municipal Valle-Inclán de Redondela

0

O próximo venres, 16 de febreiro, chega á Biblioteca Municipal de Redondela, da man da Fundación Filomena Rivero Alonso, “Pepa Martín, mariscadora de contos”. Pepa é narradora, dinamizadora da lectura e contadora desde hai máis de 20 anos, e tamén unha gran viaxeira, sempre contando e escoitando historias!

As letras servirán de punto de partida para as historias dinámicas que vai compartir connosco no seu Alfabeto dos Contos.

A actividade terá lugar na Sala Infantil-Xuvenil da Biblioteca Municipal Valle-Inclán de Redondela a partir das 18 horas e está dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 5 e 10 anos e público familiar.

O contacontos çe totalmente de balde aínda que precísase inscrición previa na Biblioteca Municipal de Redondela ou no teléfono 986 40 15 61.

O 22 de febreiro péchase o prazo para que os concellos de menos de 20.000 habitantes soliciten axudas para impulsar políticas sociais

A Deputación de Pontevedra ten aberto ata o xoves 22 de febreiro o prazo para que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia poidan solicitar axudas provinciais para impulsar políticas sociais nos seus termos municipais. Trátanse de recursos enmarcados no Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarias e das Axudas Básicas de Emerxencia que, este 2024, ascenden a 3,7 millóns de euros.

No relativo ao Plan de Cofinanciamento dos Servizos Sociais Comunitarios a Deputación pon a disposición dos concellos preto de 3,1 millóns de euros. Destes recursos, 1,2 millóns estarán destinados a sufragar a prestación directa do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), un servizo que atende a persoas maiores e con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato, e 1,9 millóns estarán destinados a cubrir os custos do persoal dos servizos sociais comunitarios municipais. Cada un dos 51 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes terá á súa disposición unha achega máxima que vai desde os 24.000 aos 120.000 euros.

A través deste plan, a institución provincial pretende mellorar a calidade de vida das persoas; posibilitar a súa permanencia no seu contorno de convivencia habitual; favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio; manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social; previr situacións de dependencia ou exclusión social; retardar ou evitar a institucionalización, e reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.

No que respecta ás Axudas Básicas de Emerxencia (ABE), o goberno provincial mobiliza 600.000 euros para que os concellos poidan atender as demandas da cidadanía que se atope en situación ou risco de exclusión social, con especial atención a quen teña menores ao seu cargo. Destes recursos, 393.000 euros van destinados a gasto corrente e os 207.000 restantes serán para investimentos.

A través desta liña de axudas a Deputación contribúe a sufragar gastos de alimentación, vivenda, subministracións básicas, produtos e servizos de hixiene e limpeza, produtos farmacéuticos, a adquisición de electrodomésticos básicos, o pagamento de desprazamentos ou de reparación e mantemento de vehículos, así como de lentes, lentes de contacto e audiófonos, gastos derivados de tratamentos de odontoloxía, produtos de apoio, atencións de carácter complementario, roupa, calzado, ou gastos relacionados co estudo e apoio á infancia. Neste caso, a contía máxima para cada concello vai desde os 7.800 aos 14.050 euros, en función da súa poboación, índice de dependencia global, taxa de desemprego e renda dispoñible bruta.

O que ten que ser ten moita forza: pois que sexa Agora!

Hai menos dun ano, en vésperas das eleccións municipais, compartía nesta sección a través de dous artigos algunhas reflexións coas que pedía o voto para o BNG en Ponteareas. Dicía entón que non deixaba de sorprenderme a rapidez coa que transcorre o tempo e a vida e a velocidade vertixinosa que acompaña aos acontecementos e procesos sociais e políticos. E botaba man do título do cadro de Paul Gauguin e da letra da coñecida canción de Siniestro Total, “De onde vimos? Quen somos? Onde imos?”, interrogantes filosóficos que, aplicados a un mundano proceso electoral, serven para lembrarnos que os procesos histórico-políticos son dinámicos e, polo tanto, teñen unha xénese no pasado que explica un presente que, a súa vez, condicionará o futuro decorrer dos acontecementos.

Estes mesmos pensamentos asaltáronme nestes días ao ver como posibilidade certa que Ana Pontón sexa a próxima Presidenta dun goberno galego liderado polo BNG.

Coñecín a Ana a comezos da década dos 90 cando Santiago de Compostela, a capital galega e univesitaria, fervía. O movemento ecoloxista, o sindicalismo estudantil nacionalista, as mobilizacións antimilitaristas pola insubmisión ou contra a guerra de Iraque, os movementos culturais e de defensa da lingua como A Mesa, o feminismo da MNG ou o rexeitamento dos fastos do quinto centenario conformaban un ambiente no que, dende a sensación de incesante descubrimento, xurdía o entusiasmo por mudar todo a través dun movemento, o nacionalismo, que nos parecía imparábel. E nas reunións, nas concentracións, nas manifestacións ou nos mítines que compartiamos aquela xeración unha moza sobresaía, e non só pola súa estatura que a facía tan visíbel e inconfundíbel, senón pola súa determinación e firmes conviccións que agora a poden levar á presidencia do noso país.

Nesa xeración con arelas utópicas por cambiar o mundo fomos afortunados. Non estabamos orfos e tiñamos referentes que, en tempos aínda máis difícis, os da clandestinidade e da chamada transición, crearan os alicerces do que hoxe é o nacionalismo galego no senso máis amplo do termo. Con eles aprendemos dos acertos e dos erros e nos convertemos dende moi novos en cadros políticos, unhas, coma Ana, no ámbito galego, e outros, coma min, na vida municipal.

No periplo que nos trouxo até 2024 houbo de todo: éxitos e fracasos, divisións e reconciliacións, amarguras e alegrías, mais, por enriba das coxunturas, botando a vista atrás, podemos sentirnos máis que satisfeitos: o nacionalismo galego, case dende a nada e con todo en contra, en catro décadas foi quen de contribuír á normalización democrática deste país e ao seu pluralismo político, cunha admirábel capacidade de resiliencia que nos levou da marxinalidade a protagonizar a alternancia política e acadar un apoio social maioritario e o poder en lugares que, como Ponteareas, parecían feudos inexpugnábeis da dereita e inalcanzábeis para nós. E se en 2005 vivimos o acontecemento histórico de ser parte do goberno galego, hoxe, apenas 20 anos despois, o nacionalismo está ás portas de lograr o maior fito da súa historia: presidir ese goberno co maior apoio electoral de todos os tempos.

Se en 2005 vivimos o acontecemento histórico de ser parte do goberno galego, hoxe, apenas 20 anos despois, o nacionalismo está ás portas de lograr o maior fito da súa historia: presidir ese goberno co maior apoio electoral de todos os tempos

O momento que estamos a vivir non é o resultado dunha coxuntura imprevista, non é o efecto dunha moda, non é froito de ocorrencias ou discursos efectistas, nin dunha operación de marketing sustentada por poderes mediáticos ou fácticos. É o resultado do esforzo e traballo denodado de milleiros de persoas que coa súa entrega dotaron ao nacionalismo duns cimentos a proba de calquera sismo sociopolítico. Ese enraizamento do BNG e do nacionalismo nas súas innumerábeis vertentes do activismo sociopolítico púxose a proba na segunda década deste século: con varias fracturas internas autodestrutivas, acompañadas dun inexplicábel renegacionismo da nosa experiencia na Xunta, abandonouse a estratexia aperturista, interiorizando e aceptando acomplexada e acríticamente o discurso dos adversarios, que si entenderon –e por iso combateron despiadadamente en 2009– o perigo que se lles aveciñaba cun nacionalismo que se sacudía dogmas e estereotipos para ensanchar a súa base social. O BNG vivíu entón unha perda de apoio electoral sen precedentes, agudizada pola aparición de novos inventos e artiluxios políticos efémeros, pero bendicidos tristemente dende visceralidades fratricidas, que o deixaron ao borde do desafiuzamento político. Aspirar hoxe á presidencia da Xunta co liderado de Ana Pontón é a mellor proba de que, por enriba do apoio electoral coxuntural, flutuante e cada vez máis volátil, o nacionalismo está sostido, por debaixo, por un tecido político e social organizado de innumerábeis maneiras, resistente a calquera adversidade e sempre preparado para momentos mellores.

Os tempos son chegados e os benignos astros de Pondal parecen estar aliñados xusto cando o nacionalismo, en plena revolución feminista, se personifica nunha muller como Ana Pontón. A cohesión do BNG, simbolizada nas emotivas reconciliacións internas destes días, o desinflamento daqueles artefactos políticos que se desplomaron polo seu propio peso e o renovado –e recuperado– discurso político, nas formas e no fondo, que representa Ana Pontón e o seu liderado, explican esta onda imparábel que, coma nun maremoto, aumenta a súa potencia e a súa forza conforme se achega á beira dunha costa que se chama 18 de febreiro.

Compartín Executiva Nacional do BNG con Ana Pontón entre 2005 e 2009 e aquelas reunións semanais foron, para min, a escola de aprendizaxe dunha nova cultura política do nacionalismo, concebida entón por Anxo Quintana, que rachaba con paradigmas dos que eramos –ou nos facían– reféns: había que ensanchar a nosa base social, dirixirse a nacionalistas e non nacionalistas, a quen fala galego e a quen non, era necesario aceptar o presidencialismo electoral sen confundilo co denostado personalismo, aparcar estridencias e dar paso ao sosego na mensaxe e todo iso sen renunciar aos nosos postulados ideolóxicos.

Escoito estes días a Ana Pontón, co seu propio estilo e impronta, poñendo en valor esa cultura política. “Hai moitas formas de sentirse galego e todas son necesarias para construir a Galiza en grande que queremos e merecemos”, repite unha e outra vez cun ton de serenidade e respecto que, por contraste coa crispación “madrileña”, a sociedade galega aplaude e agradece. A dereita foi letalmente ferida no seu talón de Aquiles: unha sorte de enterrador inexpresivo, luctuoso e vácuo deixouno claro a pasada semana no atril central do debate no que o seu intenso negro confrontou co branco de Ana Pontón, nunha pugna entre a noite e o día e entre a resignación e a esperanza.

En 2019 o nacionalismo en Ponteareas acadou o mellor resultado da súa historia e moitos e moitas vivímolo coa emoción propia de quen o logra despois de enormes sacrificios e comezando dende a nada, un éxito colectivo tristemente empañado despois co pasamento de Xosé Represas e a perda dun goberno que con el nunca se tería perdido.

Agora tampouco será doado, pero todo está encamiñado para vivir unha nova e emocionante proeza. “Tem de acontecer, porque ten de ser / E o que tem de ser tem muita força / E sei que vai ser, porque tem de ser / Se é para acontecer, pois que seja agora”, canta Deolinda. Nas mans de todos e todas nós está que sexa Agora! e que Ana Pontón se converta na primeira presidenta da nosa historia á fronte do goberno que nos merecemos.


Roberto Mera Covas é avogado e politicólogo

Ethel Vázquez salienta que o PP é o único partido que garante o remate da VAP Tui-A Guarda

Ethel Vázquez explicou que a Xunta está a piques de rematar un novo treito desta autovía, o correspondente coa conexión entre os ramais da A-55 e o novo enlace de Areas, xa que tres destes catro viais xa están servizo e o restante farao en poucas semanas tras un investimento de 30 millóns de euros.

A candidata do PP polaprovincia da Coruña e conselleira de Infraestruturas, Ethe lVázquez, e o presidente provincial do PP de Pontevedra, Luis López, desprazáronse onte ata Tomiño para, xunto á voceira municipal, Lara Meneses, defender que só co Partido Popular está garantido o remate da Vía de Altas Prestacións (VAP) Tui-A Guarda, que beneficiará nun alto grao a mobilidade entre os cinco concellos e os desprazamentos dos seus 50.000 veciños.

Ademais, a candidata coruñesa revelou que xa se está a traballar “con intensidade” nos demais treitos e anunciou que se iniciou a redacción do proxecto construtivo de prolongación da autovía entre Areas e a estrada autonómica PO-350 en Tomiño, que contará cunha estrutura de grandes dimensións para dispoñer dun paso superior sobre a vía de titularidade rexional.

“En contra do que quere facer crer o BNG, ademais de definir tecnicamente o proxecto da autovía entre Areas e a PO-350, tamén duplicaremos o paso inferior de acceso aopolígono, de modo que dea funcionalidade a un enlace completo, tamén en sentido A Guarda”, detallou a conselleira.

Ethel Vázquez concretou tamén que o Goberno galego está a traballar en paralelo no proxecto de trazado cos ramais que completarán o enlace cara Tomiño, unha intervención que precisará de expropiacións e que motiva que os treitos se tramiten de forma separada para axilizar as obras.

A conselleira, que indicou que os orzamentos da Xunta reservan 1,5 millóns de euros este ano para iniciar a actuación e un total de 50 millóns en partidas plurianuais, lembrou tamén que os executivos autonómicos do PP puxeron en marcha 220 quilómetros de autovías libres de peaxe en toda Galicia, entre os que se atopan o primeiro treito da VAP do Baixo Miño, que se corresponde cos 10 quilómetros entre Goián e A Guarda e que comezou a funcionar no ano 2014, malia a crise económica, grazas a un investimento de 60 millóns de euros.

Pola súa banda, Luis López, que agradeceu a visita da candidata e a implicación de Alfonso Rueda e da propia conselleira con esta actuación, lamentou que, ante unha obra de gran complexidade técnica, “atopémonos co BNG de sempre, o da obstrucción e o do non, que se limita a poñer atrancos, en moitos casos desde os concellos nos que gobernano sur da provincia, a pedir tramitacións longas e solucións técnicas imposibles que dan a entender que non queren que se faga esta autovía ou, alomenos, que non a faga unha Xunta do PP, malia que iso prexudique enormemente aos 50.000 veciños do Baixo Miño”.

Nigrán ofrece un curso gratuito de autodefensa para mulleres

0

O Concello de Nigrán, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e en colaboración coa Secretaria Xeral de Igualdade, organiza un curso de autodefensa persoal destinado a mulleres maiores de idade no marco as diferentes accións pola conmemoración do 8 de Marzo, Día da Muller. O curso é gratuíto e desenvolverase os días 5 e 7 de Marzo no Pavillón deportivo de 9:30 h. a 13:30 horas. O prazo de inscrición abre o 14 de febreiro no CIM, no 986 383930 ou no correo [email protected] e terán preferencia as empadronadas no Concello de Nigrán.

Será impartido por persoal técnico como instrutores en Defensa Persoal Feminino, membros/as das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e profesores/as na Academia Galega de Seguridade. O obxectivo é que sexan un instrumento de formación que comprenda un conxunto de coñecementos, actitudes, pautas e técnicas físicas que permitan prever, avaliar e actuar ante situacións de ameazas, riscos ou agresións. As técnicas son sinxelas, pero ao mesmo tempo efectivas para conquerir o obxectivo que se pretende, que é o de protexerse. Ademais, trataranse aspectos legais, psicolóxicos, estratéxicos, físicos e, por suposto, de prevención.

Contrato histórico para os traballos de roza en Redondela con dúas limpezas ao ano en todos os camiños municipais

0

O Concello de Redondela realiza este ano un contrato histórico para os traballos de roza en todos os camiños municipais das súas 13 parroquias. A empresa que se faga cargo do servizo deberá acometer todas as tarefas para manter as estradas e camiños libres de maleza e “en perfecto estado para o seu uso”. Os traballos permitirán tamén cumprir coa normativa de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Por primeira vez os traballos de roza e limpeza faranse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela, cunha primeira fase entres os meses de abril e xuño, aproximadamente, e unha segunda roza entre setembro e novembro. “O obxectivo deste contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano”, explica a alcaldesa Diga Rivas. Trátase dunha “aposta decidida” da rexedora local “pola mellora da calidade de vida nas parroquias” cun servizo de limpeza que se foi ampliando e mellorando nos últimos anos.

O contrato, por dous anos, licítase por un importe máximo de 989.268 euros. O contrato podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual, ata un importe máximo de 1.978.536 euros para os catro anos. As empresas interesadas e presentarse a este concurso público teñen de prazo ata o 4 de marzo.

Os traballos a realizar pola empresa adxudicataria serán todos os necesarios para deixar os camiños e as súas marxes despezados, rozados e limpos. A roza e a limpeza incluirá a maleza, herbas e arbustos tanto nos camiños como nas beiravías e noiros, que deberán quedar no seu estado orixinal. Retirarase todo o lixo acumulado nas beiravías e gabias para permitir unha boa evacuación da auga, e limparanse os caños ou sistemas de drenaxe obstruídos por vexetación ou outros residuos. Isto evitará atascos e facilitará a evacuación da auga da chuvia. Desperdicios como bolsas plásticas, papeis, latas ou botellas que se atopen durante os labores de limpeza deberán ser retirados.

Este novo contrato inclúe a recollida e transporte de todo o material procedente das rozas e limpezas, así como a súa clasificación, xestión e tratamento segundo a normativa medioambiental. O cumprimento destas normas supón tamén que a empresa non poderá realizar ningún tratamento con produtos fitosanitarios. No caso de especies invasoras a empresa debe cumprir co plan de erradicación establecido pola administración.

Contratación de 10 persoas desempregadas

Á marxe da contratación dunha empresa, o Concello “non só manterá senón que ampliarán a contratación de persoas desempregadas para traballos de limpeza e mantemento”. Rivas explica que se aumenta ata 10 o número de operarios cos que contará Redondela a través do Plan +Provincia (antes Plan Concellos) “para servizos que se centrarán na limpeza das parroquias”. Deste xeito tamén se contribúe desde a administración local a dar traballo a veciñas e veciños en situación de desemprego.

Os hostaleiros das Neves alertan, “as baixadas de caudal poñen en risco a reprodución da lamprea”

0

En plena tempada de lamprea dous dos máis recoñecidos restaurantes do Condado Paradanta alertan da escasez da materia prima dun dos pratos máis afamados e aportan vías de solución. Os propietarios dos restaurantes Casa Calviño e O Frenazo, ámbolos dous do Concello das Neves, coinciden en salientar que os cinco últimos anos foron testemuña dun descenso no número de exemplares, sendo o presente ano o que revela peores números.

Aínda que o furtivismo e o exceso de pesca río abaixo contribúen a estes datos, para Laureano Calviño Groba do restaurante Casa Calviño e para Víctor M. Castro do restaurante O Frenazo o problema está na baixada do caudal “como non se tomen medidas a lamprea ten un futuro curto, nos saltos non se ten en conta o ciclo reprodutivo da lamprea e as variacións de caudal fan que quede en seco xusto na época de desove”, sinala Calviño. Unha cuestión que trasladará ao actual presidente en funcións da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, no encontro que manterá o vindeiro luns coa Federación de Hostaleiros de Pontevedra da que é vicepresidente. “Os paros biolóxicos non valen de nada se non se toman outras medidas en relación coa variación da auga. Nos meses de abril, maio e xuño hai que procurar manter o nivel e a partir do 15 de abril xa non permitir pescar”, engade. Para Calviño é indispensable protexer determinadas zonas dos ríos para que sexan auténticos criadeiros de lamprea.

A escasez de produto provoca un aumento de prezo e é aí onde Víctor Castro de O Frenazo pon o foco, “a hostalaría portuguesa de Lisboa e Porto compran grandes cantidades ao igual que o fan os chefs de Madrid e Barcelona alzando o prezo de venda dun produto tradicional e típico da nosa comarca. A lamprea convertiuse nun producto codiciado que está nas cartas de moitos chefs estrela e a súa publicidade espertou un grande interese no público gastronómico en xeral pasando a ser unha delicatessen nalgúns casos ou sinxelamente a formar parte da carta regular en moitos sitios, caso de Portugal”. Protexer e conservar o patrimonio natural dos hábitats do río Miño é fundamental para a supervivencia da lamprea.

Esta crise de precio provoca tensións entre os comensais habituais de maneira que a clientela dos restaurantes se resinte e comenza a desaparecer sobre todo o sector medio que é incapaz de acceder a un prato que ata hai moi pouco formaba parte do seu imaxinario gastronómico, algo que pode supor o declive de moitos restaurantes que trabalan para este perfil.

Distintivo de calidade

Estes dous hostaleiros apostaron pola calidade do servizo e do produto que sirven e da man do GDR Condado Paradanta (Grupo de Desenvolvemento Rural) obtiveron o certificado de calidade SICTED, Precisamente é a calidade o que os diferencia e os posiciona como os hostaleiros de referencia na preparación da lamprea pero tamén doutros manxares como os produtos da caza no caso de O Frenazo ou o cabrito, cochinillo ou callos de Casa Calviño. Defensores da calidade só ofertan a receita da lamprea á bordalesa por unidade e non por ración para evitar así perdas de sabor, textura e frescura. Nos seus restaurantes podemos degustar todo tipo de receitas a base de lamprea. “O noso distintivo é a calidade e a aposta polos produtos locais, viños, horta, requeixo, pan… por iso neste senso non temos competencia”.

Ámbolos dous son o relevo xeracional dos negocios familiares e os 46 anos de experiencia do Frenazo e os 99 de Casa Calviño fanos expertos no sector. Eles coñecen ben a importancia de saber pór en valor os produtos locais e de traballar cos activos da comarca. A súa tempada alta non corresponde co verán e botan en falta infraestruturas e equipos que deseñen, programen e potencien o territorio e tamén a posta en valor do río Miño ao longo de todo ano. “O GDR aporta potencial á comarca, unidade e evolución e ofrece ademais formación e apoio para desenvolver proxectos a través do Leader ou doutros programas”, salienta Víctor Castro que vén de abrir o Xandoneto, un lugar para degustar os mellores viños e bebidas e que pronto contará cun espazo exterior no que poder tamén dar conta dun bo xantar seguindo así os pasos de mellora continua nos servizos ofrecidos á clientela na liña das esixencias SICTED.

En continua evolución e acompañando ás necesidades das e dos clientes o Casa Calviño pecha as súas portas cada verán para renovarse e abrir unha nova tempada coas ilusións renovadas.

Os dous coinciden en salientar que para a lamprea hai clientela para todos os locais que apostan pola calidade e urxen a tomar medidas inmediatas para que o tesouro gastronómico da lamprea, que supón un motor económico para tantas familias, non desapareza.

Federación de ANPAS de Redondela clausura o ‘Taller Pais e Nais Corresponsables’

0

A Federación de ANPAS de Redondela –formada polos 17 centros de ensino público do Concello de Redondela e Pazos– vén de rematar a primeira edición do Taller de Pais e Nais Corresponsables que se celebrou nos últimos meses cunha alta convocatoria de participantes.

A entidade encargada de levar a cabo esta iniciativa pioneira nos centros de secundaria e bacharelato de Redondela foi o Centro de Desenvolvemento da Saúde Comunitaria ‘Marie Langer’, especializado en intervención comunitaria, e atende as necesidades da poboación dende a Metodoloxía ProCC que se centra na vida cotiá como un lugar privilexiado para comprender como se relacionan, se vinculan e conviven os integrantes de cada familia . Ao estudar a vida cotiá descubrimos unha serie de molestias que padecen as persoas e que normalmente non analizan nin cuestionan por consideralas normais. Estes exprésanse en frases como:

“É que a xente nova…”, “Teño unha filla adolescente, teño que aguantar”, “Necesito solucionar o malestar familiar, cada día unha batalla campal” “Non fan nada!”. ,”Gustaríame non usar castigos nin chantaxes… non sei… buscar un método”, “Quero aprender a entendelos, pero sinto que non é doado”, “Que pouco respecto se teñen entre os rapaces e as rapazas”, “Están todo o día co móbil”, “Ao meu pai parece que só lle importa que eu estude”, “Non nos deixan sós”, “Sempre estamos en tensión. “.

Estas incomodidades non se cuestionan, senón que se naturalizan e se pecha toda posibilidade de cambio. Chamámoslle a esta área, Saúde Asumida por Normalidade (NSS).

Por que escolas para nais e pais?

Axudar a crecer a un neno, nena ou adolescente supón toda unha tarefa, unha aventura apaixonante, un reto, unha creación. Non obstante, na vida cotiá, as nais e os pais adoitan estar desconcertados e afrontan a tarefa de axudar a crecer con moitas contradicións.

A crianza e a educación de nenos, nenas e adolescentes empréndese hoxe con ilusión e entusiasmo, pero tamén hai dúbidas. Pais, nais e educadores ás veces séntense desbordados, hai grandes dificultades para xestionar límites e normas; e algunhas situacións cotiás vívense con moito peso, estrés e incerteza.

Este curso para pais, nais e comunidade educativa en xeral ofreceu (ao longo de 8 sesións eminentemente vivenciais levadas a cabo en Redondela) un espazo de reflexión e formación que facilitou aos participantes algunhas ferramentas e criterios para promover unha crianza máis saudable.

O Programa Escola de Pais e Nais ProCC constitúe un modelo de traballo con historia, desenvolvemento e frutíferos resultados que xustifican plenamente a súa implantación. O seu obxectivo é desenvolver alternativas para afrontar os retos actuais da crianza, especialmente a adolescencia neste caso.

O programa foi completado con intervencións nas aulas nas que os adolescentes puideron aprender a xestionar dun xeito máis satisfactorio moitas das situacións cotiás nas que se atopan no seu proceso evolutivo.

Despois desta acollida tan favorable, a Federación de ANPAS está xa a traballar co obxectivo de conseguir fondos que fagan posible unha nova edición para que o conxunto da comunidade dispoña de máis e mellores ferramentas de acompañamento á mocidade nos fogares e nas aulas.

A Guarda contratará a 12 persoas desempregadas a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra

0

Ao abeiro do Plan Máis Provincia, Liña 3: Activación do Emprego, da Deputación de Pontevedra o Concello da Guarda contratará a un total 12 persoas en situación de desemprego como persoal temporal a xornada completa.

A iniciativa está dirixida a persoas desempregadas, empadroadas no Concello da Guarda e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia como demandantes non ocupados en dispoñibles para o emprego. No código CNO que se indica para cada posto que son o 94431016 para o de peóns limpadores e 94311020 para o posto de ordenanza.

Estes requisitos deberán cumprirse tanto no momento da selección coma no da formalización do contrato. Cómpre salientar que para os postos de peóns limpadores non se precisa titulación algunha mentres que para o de ordenanza precísase estar en posesión do título de graduado en ESO ou equivalente.

O Concello de Ponteareas cuplica o orzamento destinado ao parque de bombeiros do municipio

A alcaldesa, Nava Castro e o tenente de alcalde, Juan Carlos González, visitaron xunto ao deputado provincial, Alejandro Lorenzo, o parque de bombeiros logo de que a administración local duplicara o orzamento para este servizo de emerxencias. Na actualidade, destínanse 320.000 euros grazas a un novo convenio entre o Concello, Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia, fronte aos 155.000 euros de anos anteriores.

O novo acordo permite incrementar o número de efectivos ata os 16. Ademais, o persoal reforzarase tamén durante a tempada na que se rexistra un maior risco de sufrir incendios forestais. Deste xeito, o servizo contará con tres profesionais en cada quenda, mellorando a calidade de atención aos veciños e as veciñas e garantido un correcto descanso para os traballadores e traballadoras.

A alcaldesa, Nava Castro, apunta que “este convenio entre as tres administracións é unha nova mostra dos bos resultados que acadamos cando traballamos de forma conxunta co único interese de ofrecer uns mellores servizos municipais” así como que “reforzamos un dos servizos prioritarios para o Concello como é o de Emerxencias, superamos o dobre da contía inicial e dotamos dos recursos necesarios para facer fronte ás situacións de risco”.

O tenente de alcalde e edil de seguridade, Juan Carlos González, indica que “tiñamos claro que era urxente reforzar este servizo que atende non só á veciñanza de Ponteareas se non que tamén á de Salvaterra, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Arbo, Crecente, A Cañiza e Covelo polo que puxémonos a traballar neste novo convenio para materializalo o antes posible”. Deste xeito, “contaremos durante todo ano con 16 profesionais que darán cobertura á veciñanza e na tempada onde existen máis posibilidades de que se produzan incendios forestais aumentarase ata os 17, trátase de estar á altura do que necesita a nosa vila”. Ademais, puxo en valor o traballo dos profesionais do servizo “son os mellores da contorna e tiñan que dispoñer dos mellores dos recursos”.

Luis López incide na importancia do liderado feminino no ámbito científico no Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reuniuse esta semana co presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema, e coa súa vicepresidenta, Alicia Estévez, para tender pontes e abordar vías de colaboración entre ambas institucións. Na xuntanza, e aproveitando a conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o presidente incidiu na importancia de visibilizar o liderado feminino no ámbito científico e na necesidade de achegar ás nenas nomes de mulleres referentes nas STEAM.

“É unha obriga recoñecer o papel clave que desenvolven as mulleres na comunidade científica e tecnolóxica- asegurou o presidente ao presidente e vicepresidenta da Real Academia Galega de Ciencias- e por iso debemos afondar en vías de colaboración conxuntas encamiñadas a eliminar estereotipos de xénero nas STEAM, pero tamén a achegar a ciencia á sociedade e dar a coñecer aos máis cativos o papel que desenvolven as mulleres nestes ámbitos”.

Luis López remarcou o feito de que este ano o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, declarado por Nacións Unidas, xire arredor do papel das mulleres no desenvolvemento sostible e, ao respecto, asegurou que “debemos debater sobre o liderado feminino en tres piares fundamentais para conseguilo: a prosperidade económica, a xustiza social e a integridade medioambiental”.

Luis Planas afirma na Guarda que a mellor aposta polo sector agralimentario en Galicia é Xosé Ramón Gómez Besteiro

0

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, incorporouse á caravana electoral socialista cun mitin no concello da Guarda, onde compartiu cartel coas candidatas Elena Espinosa e Fátima Rodríguez e o secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades.

Planas subliñou que a mellor aposta que pode facer Galicia polo seu sector Primario nestes comicios autonómicos do próximo día 18 é Xosé Ramón Gómez Besteiro, unha persoa que coñece profundamente as necesidades do agro, a gandería e o mar e que vai traballar para que sigan gañando en competitividade, sen perder rendibilidade, nun marco de transición xusta no camiño á sostibilidade ambiental.

Planas reivindicou o papel do Goberno de España defendendo sempre os intereses do sector pesqueiro logrando a mellor cota do século XXI para a merluza sur e incrementos nas de gallo e xurelo de sur. “E sempre defendendo diante da Comisión Europea unha pesca sostible, non só no ambiental senón tamén no económico e no social”.

Luis Planas anunciou a próxima convocatoria dunha liña de axudas dentro do Proxecto Estratéxico (PERTE) Agroalimentario específica para a industria pesqueira que estará dotada, en principio, con 50 millóns de euros. Subliñou que a normativa europea non permitía inicialmente esta convocatoria e España pelexou para facela posible.

Fronte á política do “postureo e o aspaviento do PP”, o Goberno progresista traballa en solucións para dar problemas ao sector agroalimentario. “Non podemos esquecer que foi o PP quen subiu o IVE a tódolos produtos, tamén á carne e ao peixe, que o PP non apoiou a Lei de Cadea Alimentaria e que tamén foi a dereita quen reduciu drasticamente o orzamento público para os seguros agrarios e os investimentos en modernización dos regadíos. O PP mesmo tiña previsto eliminar o sistema de módulos do IRPF para os agricultores e gandeiro e por iso agora, cando pretenden presentarse como os adalides do sector primario, hai que ter algo de memoria”.

Ana Pontón comprométese en Tomiño a impulsar os proxectos estratéxicos para a comarca como a autovía ou o parque industrial

0

A candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, proseguiu a súa campaña electoral nun mitin en Tomiño, onde aproveitou a súa intervención para destacar algunhas das medidas para este concello e o conxunto da comarca que ten previsto desenvolver o Goberno que aspira a presidir.

Pontón avanzou que, se os galegos e as galegas lle dan a súa confianza o próximo 18 de febreiro, Tomiño e o resto dos concellos da comarca van ter un aliado no seu executivo porque “precisan un goberno que reme a favor e non en contra, comprometido co benestar social e que aposte por mellorar os servizos públicos”, a empezar pola sanidade e a Atención Primaria.

A candidata nacionalista tamén subliñou o seu firme compromiso co desenvolvemento económico do Baixo Miño, “porque é a maneira de que medre con máis riqueza e máis emprego”, subliñou, e, fronte a un goberno do PP que paraliza proxectos estratéxicos, para a comarca, avanzou que será un goberno do BNG o que os impulse.

Neste sentido, avanzou a súa aposta por proxectos estruturais fundamentais como a autovía, ou o parque empresarial de Tomiño, así como a ampliación do IES Alonso Ríos porque, segundo recalcou, “hai que aumentar os equipamentos educativos”.

Pontón tampouco quixo esquecer a posición estratéxica do Baixo Miño na fronteira con Portugal, polo que considerou prioritario fortalecer as relacións co país veciño como un dos eixos de desenvolvemento socieconómico da comarca e do conxunto do país.

“Aproveitar a oportunidade da integración económica con Portugal apostando por infraestruturas que vertebren esa relación, como a liña de ferrocarril Vigo-Porto, ou traballando pola cooperación transfronteiriza e a eliminación de barreiras administrativas”, afondou.

Na súa intervención, a líder do BNG apelou á xente que apostou por un Tomiño mellor para volver “facer historia” no conxunto do país. “Iso é exactamente o que quero facer o 18 de febreiro”, indicou, “construír con todos e todas vós unha Galiza mellor, con futuro e en grande”, fronte á Galiza gris e en pequeno que deixa o PP logo de 15 anos de goberno.

Pontón amosou o seu convencemento de que se os galegos e as galegas que queren cambio se mobilizan masivamente o día 18 e acoden ás urnas coa papeleta do BNG na man, o País fará historia dando paso “ao mellor goberno de todos os tempos liderado por unha presidenta coas mans libres para defender os intereses deste País”.

“É o momento de apostalo todo ao BNG”, proclamou para apelar directamente á xente que peor o está pasando e a aqueles que están “angustiados” pola precariedade laboral, pola “desorbitada” suba de prezos ou porque ven como os salarios non dan máis de si e cada día lles custa máis chegar a fin de mes.

“A todas esas persoas quero dicirlles que o 18 de febreiro podemos deixar atrás esta Galiza que vai a menos, e poñer en marcha unha Galiza con futuro”, asegurou, remarcando as dúas claves que son necesarias para o cambio: “unha mobilización masiva nas urnas, que ningún voto se perda, e concentrar todo ese voto de cambio no BNG”.

“Imos estar á altura da súa confianza traballando día a día por mellorar as súa vidas”, destacou a candidata, que comprometeu un goberno que porá ás persoas no centro das súa políticas construíndo unha Galiza con máis oportunidades e pasando páxina a quince anos do nefasto legado que deixa o PP.

“Eu ben sei quen son e a quen me debo, a min ninguén me dará ordes máis que os galegos e as galegas”, afirmou no mitin que protagonizou xunto ao cabeza de lista por Pontevedra, Luís Bará, en Tomiño, onde insistiu en que ante a cita do 18 de febreiro só hai dúas alternativas: “seguir ancorados no pasado co PP e o candidato Rueda ou mirar con ilusión cara ao futuro cunha presidenta que só se debe á xente”.

“Hai momentos en que a historia pode tocarse coas mans”, proseguiu Pontón, que se presentou como a candidata desa maioría social que quere cambio e un futuro mellor, á que se dirixiu para dicirlle que non importa que papeleta colleron noutras eleccións porque hai moitas formas de sentirse galego ou galega e todas son necesarias para construír unha Galiza en grande.

A toda esa cidadanía comprometeu, por último, un goberno que recupere a sanidade pública para que a saúde non dependa da tarxeta bancaria; que coloque a enerxía ao servizo das familias e das empresas; que poña en marcha todo o potencial do País para que a xente moza non teña que facer as maletas.

Mobilización de terras na comarca

Pola súa parte, Luís Bará, cabeza de lista por Pontevedra, afirmou que o BNG “vai co turbo posto” cara o 18 de febreiro para “impulsar non só un cambio de goberno, senón un cambio de época ilusionante, transformador, e que está a mobilizar a esperanza e ilusión de moita xente da man de Ana Pontón”.

Nesta liña, e fronte a un Rueda “gris” á fronte dun goberno do PP apático, indicou que o Bloque ten propostas e alternativas de goberno baseadas en dúas ideas: mellorar a vida da xente e poñer o país a producir porque, segundo recalcou, “queremos xerar riqueza no monte, no mar, no agro e na industria”.

Bará avanzou que un executivo liderado polo Bloque mobilizará terras para potenciar a economía do Baixo Miño, “un verxel” que produce e exporta plantas, flores e froitos grazas ás súas características e que ten moita marxe de crecemento e coincidiu con Pontón na necesidade de apoiar a creación de solo industrial.

Pola súa banda, a candidata da comarca Carme Núñez fixo referencia ao seu labor como médico e exemplificou no centro de saúde de Tomiño o deterioro da sanidade pública do País logo de 15 anos de goberno do PP. Núñez explicou que habitualmente hai dous ou tres profesionais para unha poboación de case 14.000 habitantes e que o consultorio de Goián só foi aberto un mes antes das eleccións, pero sen solucionar o problema de fondo que é a falta de persoal. “Agora abre tres días á semana, ás veces só con enfermeira, unhas veces vai un médico, outras veces hai outro. Un desastre. Non solucionan o problema do ambulatorio de Goián porque non son capaces”, reprochou.

A candidata nacionalista confrontou os recortes do PP co reforzo da sanidade pública que vai desenvolver un goberno liderado polo BNG, poñendo en marcha un plan de rescate da Atención Primaria dotado con 200 millóns, o que permitirá incrementar o número de profesionais en todas as categorías, ambulancia medicalizada, entre outros territorios, para o Baixo Miño, e garantir a asistencia pediátrica para todas as crianzas, independentemente de onde vivan.

Avanzan a bo ritmo as obras que permitirán que Ponteareas conte unha residencia de artistas

Avanzan a bo ritmo as obras que permitirán contar cunha residencia de artistas no municipio. Así o comprobaron a alcaldesa, Nava Castro; a edil de Urbanismo, Silvia Fernández e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, durante unha visita que realizaron no edificio que albergará este novo espazo desde o que se potenciará distintas disciplinas creativas.

A residencia terá unha capacidade para 20 artistas e o obxectivo é que as persoas que se dedican a disciplinas como a literatura, música ou teatro, entre outras, interactúen co talento local. Ademais, o resultado destas sinerxías, como poden ser unha obra de teatro, unha escultura ou mesmo unha peza musical, quedarán no propio municipio.

A alcaldesa, Nava Castro, apuntou que “trátase de potenciar o que nos caracteriza como pobo, a arte, entendida desde diferentes disciplinas como a literatura, a música, o teatro e, por suposto, a escultura, posto que, precisamente, durante este ano lembramos a un dos nosos talentos, a Alfonso Quinteiro”. Lembrou que “a nosa vila viu nacer a artistas que espallaron o nome de Ponteareas desde diferentes ámbitos como é o caso de Alfonso Pexegueiro ou Rogelio Groba, entre outros persoeiros que destacaron nas distintas especialidades”.

O tenente de alcalde, Juan Carlos González, sinalou que “a construción desta residencia de artistas é unha oportunidade para que os profesionais establezan sinerxías co talento local e situar á cultura no centro do municipio. Desde esta residencia, as persoas participantes crearán mostras de teatro, pintura, pezas musicais ou obras literarias coa influencia da nosa tradición”. Insistiu en que “é unha oportunidade única na contorna que deixa clara a nosa aposta pola cultura”.

Pola súa banda, a edil de Urbanismo, Silvia Fernández, indicou que “o desenvolvemento destas obras permitirá recuperar un edificio céntrico no municipio, reconstruílo e acondicionalo ás actuais necesidades da vila e, á vez, ofrecer un novo espazo no que se potenciará a arte coa marca de Ponteareas”.

O Porriño inicia as obras que transformarán a praza de abastos nun centro de referencia do comercio e o ocio

Este luns darán comezo os traballos de mellora e impulso da Praza de Abastos do Porriño, unha intervención moi demandada por praceiros/as e usuarios/as que reimpulsará o que debe ser o centro neurálxico do comercio porriñés.

Praceiros e praceiras, xunto con persoal do Concello ultiman estes días o traslado dos seus postos para abrir a partir da semana que ven na carpa habilitada no exterior na que actividade continuará mentres se desenvolven as obras, que se estima sexa arredor dun mes e medio. Cabe destacar, que dende onte e ata novo aviso está prohibido o estacionamento nos espazos exteriores e só está permitido o acceso a residentes.

“Con este proxecto queremos revitalizar este espazo e convertilo no motor do comercio do Porriño, nun lugar de encontro e lecer que ofrecerá aos consumidores produtos de calidade”, apuntou a edil de Mercados, Antía Carrera.

A mellora, que respectará en todo momento a esencia do edificio de Xosé Bar Boo, inclúe a renovación das instalacións de fontanería e saneamento, da infraestrutura eléctrica, incorporación de iluminación led e sistemas de dixitalización, renovación de todo o pavimento e a ampliación da segunda planta para conseguir máis superficie de uso. Traballarase tamén nos exterior do edificio para subsanar os danos estruturais que presenta.

Nunha segunda fase, intervirase na contorna, mellorando os espazos colindantes, reordando a circulación e habilitando espazos de aparcamento.

“O acondicionamento das instalacións, que era unha das grandes demandas dos praceiros e praceiras dende hai moitos anos polo mal estado no que se atopa, era urxente pero non imos quedarnos aí, realizaremos unha intervención integral que sirva para revitalizar e dinamizar a nosa praza e nos permita conseguir o selo de Mercado Excelente de Galicia”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

O proxecto conta cun orzamento de 231.000 euros financiados no 80 % pola Xunta de Galicia a través da consellería de Economía, Industria e Innovación.

Salvaterra de Miño, parada de avituallamento da ‘Clásica Álvaro Pino’

O domingo 26 de maio Salvaterra de Miño recibirá a visita de máis de 400 ciclistas nunha nova edición da Marcha Cicloturista Sestelo Clásica Ávaro Pino 2024, organizada pola Asociación Cultural e Deportiva Plan C de Ponteareas. Os ciclistas sairán de Ponteareas e pasarán por Salvaterra de Miño onde farán unha parada de avituallamento no recinto amurallado e para voltar novamente en Ponteareas.

A Clásica Ávaro Pino 2024 ten un total de 123,5 km de percorrido. A proba, que leva o nome do recoñecido ciclista pontareán, Álvaro Pino, campión da Volta Ciclista a España no ano 1986, pretende, ademais de homenaxear ao carismático corredor, poñer en valor un deporte que tantas satisfacións deulle a Galicia e a España en xeral, dando a posibilidade a calquera persoa interesada de participar nunha xornada de carácter lúdico sobre as dúas rodas.

Máis de 2,3 millóns da Deputación para que 15 concellos poidan contratar a 172 persoas ao abeiro do Plan +Provincia

A Deputación acaba de aprobar en Xunta de Goberno destinar máis de 2,3 millóns de euros para que 15 concellos da provincia contraten a 172 persoas desempregadas ao abeiro da liña 3,de activación do emprego, do Plan + Provincia. Benefícianse destes recursos Caldas, Covelo, A Illa de Arousa, Lalín, Mondariz, As Neves, Oia, Pazos, O Porriño, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Silleda, Tui e Vila de Cruces. “Nun mes –remarcou o presidente provincial Luis López– temos concedido xa 3,1 millóns para que 22 concellos da provincia poidan contratar a 253 persoas. Trátase de algo máis do 33,5 % da liña 3 do Plan +Provincia, dotada con 9,25 millóns de euros, polo que seguimos dando pasos cara adiante nese modelo de pontes tendidas e de avance da provincia”.

Nesta Xunta de Goberno aprobouse destinar 337.000 € a Lalín para contratar a 21 persoas que se ocuparán de desempeñar postos de traballo de peóns de obras públicas (6), peóns forestais (4), peóns albaneis (4), auxiliares administrativos (2), condutores de tractores (2), condutor de pala (1), auxiliar de información turística (1) e técnico superior informática (1).

Redondela beneficiarase de 240.000 € da liña 3 do Plan +Provincia para contratar a 15 persoas como peóns de obras públicas (10), guías turísticos (3) e axudantes de servizos (2). No caso de Tui, as achegas ascenden a 219.000 € para contratar a 16 persoas que ocuparán os postos de peóns de horticultura (14), oficial carpinteiro (1) e oficial fontaneiro (1).

Pola súa banda O Porriño, con 210.000 €, contratará a 17 persoas que traballarán como peóns forestais (6), conserxes (3), peóns de obras públicas (2), analista de xestión (1), publicista (1), auxiliar enfermeiro (1), oficial de albanelería (1), oficial de soldador (1) e oficial de carpintería (1). Silleda recibirá 165.000€ para contratar a 10 persoas como peóns de obras públicas (7), tractoristas (2) e condutor de camión (1). E Caldas de Reis 150.000 euros para contratar a 7 persoas como peóns de limpeza (2), oficiais albaneis (2), peón de obra pública (1), condutor maquinista (1) e enxeñeiro forestal (1).

No caso de Vila de Cruces, beneficiarse de 146.000 euros da Liña 3 do Plan +Provincia para contratar a 10 persoas desempregadas como peóns de obras forestais (4), albaneis (2), condutores (2), operario de retroescavadora (1) e operario de maquinaria (1). A achega para O Rosal ascende a 123.000 € para 9 persoas que traballarán como peóns de limpeza (4), oficiais de obras (3), auxiliar de axuda no fogar (1) e oficial electricista (1). E outros 122.000 euros irán a Rodeiro para que poida contratar a 12 persoas como peóns de servizos múltiples (4), peóns de servizos diversos (3), técnicos de educación infantil (2), educación social (1), traballo social (1) e monitor socorrista (1).

Preto de 120.000 recibirá As Neves para que 8 persoas traballen no concello como operarios forestais (2), peóns de recollida de lixo (2), peóns de obras públicas (2), xardineiro (1) e fontaneiro (1). Máis de 110.000 € para que Covelo contrate a 14 persoas como peóns forestais (8), peóns de limpeza (2), condutores de camión (2), carpinteiro (1) e auxiliar administrativo (1). E outros máis de 110.000 € para que Mondariz poida contar con 8 persoas traballadoras como operarios de desbroces (4), operarios de recollida de lixo (2), auxiliar de axuda no fogar (1) e albanel (1).

Ademais, no marco destes recursos aprobados en Xunta de Goberno ao abeiro da liña 3 do Plan +Provincia, Oia recibirá 101.000 € para contratar a 7 persoas como peóns forestais (4), albaneis (2), condutor operario de maquinaria forestal (1); A Illa de Arousa 95.000 € para que 10 persoas traballen como operarios de servizos múltiples (8), auxiliar administrativo (1) e guía-informador turístico (1); e Pazos de Borbén 90.000 € para contratar a 8 persoas como peóns de obras públicas (3), peóns de servizos múltiples (2), oficiais de servizos múltiples (2) e auxiliar administrativo (1).

O traballo e a xestión do PP en Ponteareas en materia de emprego centra un acto sectorial no marco das autonómicas do 18F

O traballo e a xestión do Partido Popular ao fronte do goberno municipal de Ponteareas centrou o acto sectorial no marco das eleccións autonómicas. Participaron no evento a actual conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, a candidata da provincia, Raquel Plana, a alcaldesa Nava Castro e a edil da área no Concello, Silvia Fernández.

A candidata pola provincia de Pontevedra, Raquel Plana, puxo en valor o traballo que realizou o Partido Popular tanto a nivel autonómico como nos sete meses do goberno municipal en Ponteareas. Desta maneira, agradeceu o investimento que realizou a Xunta de Galicia na vila co obxectivo de aumentar o grao de inserción laboral. Unha contía que ascende ao millón de euros. Plana cualificou estas iniciativas como “políticas estables, realista e frutíferas que fan que Galicia funcione e que permitirán que siga funcionando a partir do 18 de febreiro, sen barullos”.

Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro, agradeceu a implicación da conselleira de Promoción do Emprego e de Igualdade, Elena Rivo, á hora de apostar por iniciativas que responden ás necesidades dos veciños e das veciñas que desexan atopar un posto de traballo. Unhas iniciativas que, ademais, atópanse en consonancia coa demanda do tecido empresarial. “É unha mostra de que o Partido Popular está alí onde se lle necesita, escoitando ás diferentes partes para chegar a un punto de acordo no que resulten beneficiarias todas as partes”.

[su_image_carousel source=”media: 81556,81555,81554,81557,81553″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A edil de Emprego do Concello de Ponteareas, a popular Silvia Fernández, “é xusto recoñecer o traballo que realiza a Xunta de Galicia durante todos os días do ano co obxectivo de que contemos cun maior número de persoas que conseguen un posto de traballo. Aquí, en Ponteareas, somos testemuñas dese labor polo que, de novo, grazas á conselleira Elena Rivo por contar con nós para poñer en marcha estas iniciativas pioneiras que buscan o benestar de todos e de todas”.

A Conselleira, Elena Rivo, confía e inviste nos obradoiros como clave de desenvolvemento do emprego da man dos concellos, destacando as realidades locais e propiciando a máxima empregabilidade dos seus veciños e veciñas. Tamén nas micro credenciais, “formacións curtas” de maquinarias específicas da industria para os empregados das empresas. Destaca os Polos de emprendemento para axudar aos mozos e maiores que teñen iniciativas empresariais, apoiando a innovación e a creatividade. Ademais confía no reforzo do servizo público de emprego de Galicia coa incorporación de orientadores laborais, intelixencia artificial para sincronizar a oferta e demanda de emprego e o reforzo do programa Galicia emprega, destinado as persoas con maior dificultade de acceso ó emprego.

A Deputación oferta esta semana dúas novas accións formativas dentro do programa SmartPeme

A Deputación de Pontevedra, a través do programa SmartPeme de asesoramento tecnolóxico para pemes e persoas autónomas, oferta esta semana dúas novas accións formativas enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As actividades, que se celebrarán de xeito telemático, abordarán temas relacionados coa ciberseguridade e Airbnb.

As accións formativas inícianse este luns, 12 de febreiro, ás 10:30 horas, con Ciberseguridade, uso da VPN. O obxectivo deste obradoiro é o de fomentar o uso das VPN. Será impartido polo experto universitario en robótica, programación e impresión 3D, Manuel Freire.

O xoves 15, de 11:00 a 12:00 horas, terá lugar o taller Airbnb: comercialización en liña de aloxamentos e experiencias, un obradoiro dedicado a persoas emprendedoras, autónomos e as empresas do sector turístico para axudalos a converterse en anfitrións de aloxamentos e actividades. O obradoiro será impartido por Sonia Torres, técnica de empresas e actividades turísticas.

O Concello reafirma o seu apoio incondicional ao Club Balonmán Cañiza asinando un novo convenio de colaboración

O Pleno do Concello da Cañiza aprobou o texto dun novo convenio entre o Concello e o Club Balonmán Cañiza, sinatura que prorroga a colaboración subscrita por primeira vez con carácter oficial o 21 de abril de 2022 e que se resume na achega de 20 000 €uros para a anualidade 2024  a pagar en 12 cotas de 1666,67 € ao mes.

Amais da axuda monetaria, o convenio asinado polo alcalde Luis Piña e o presidente do club, Marcos Estévez, recolle tamén que o Club Balonmán Cañiza poida utilizar e explotar o pavillón Carballo do Marco e a posibilidade de poder instalar establecementos nos festexos locais para obter beneficios, sempre destinados a sufragar as tempadas deportivas, sen ter que abonar ningún tipo de taxa ao Concello.

No acto de sinatura do convenio, alcalde e presidente do Club Balonmán Cañiza estiveron acompañados por concelleiros do grupo de Goberno do Concello, xunta directiva do Club, cadro técnico e adestradores, xogadores de todas as categorías, pais e nais, socios e afeccionados do deporte.

Luis Piña, na súa intervención, quixo felicitar a toda a familia do Balonmán Cañiza polo extraordinario labor desenvolvido en favor da educación deportiva da infancia e mocidade, polo seu ilusionante proxecto deportivo, pola capacidade do Club para conseguir que toda A Cañiza envórquese co Balonmán e, por suposto, polos éxitos alcanzados nestes anos.

Neste punto o alcalde quixo ponderar o valor da participación no deporte, manifestando que “un dos obxectivos máis importantes de calquera disciplina deportiva é conseguir promover a participación. Unha actitude mesmo máis valorada que gañar ou ser os vencedores. E este é un dos principais activos do CBC”.

Na firma, Luis Piña tamén agradeceu ao Club por dar visibilidade á Marca Cañiza. Un compromiso que asume en cada desprazamento e en cada partido que disputa e que volveu renovarse co convenio asinado, un convenio que para o alcalde “achega unha forte estabilidade económica ao CBC”, xa que ten asegurado un pago mensual do Concello de 1666,66 €”.

Luis Piña lembrou que ademais desta axuda económica, o Concello investiu no último mandato máis de 170 000 € en reformas e equipamentos no pavillón Carballo do Marco, instalación municipal na que adestran todos os equipos do Club e sede social do Balonmán Cañiza.

“O Concello destinou 50 000 € para a mellora da cuberta e eliminación de humidades –lembrou o alcalde da Cañiza–, 46 054,60 € para a reforma íntegra dun dos vestiarios e aseos, 25 000 € para a adquisición do videomarcador, aos que se sumaron outros 48 763,70 € da obra de reforma dos vestiarios. Tamén neste mandato conseguiuse poñer en funcionamento o sistema calefactor do Pavillón”.
 
“Ademais desde o Goberno seguiremos traballando para mellorar a calidade das nosas instalacións deportivas, sempre en beneficio dos nosos deportistas e dos nosos veciños”, concluíu Luis Piña.

A Deputación aproba o plan bianual do servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos que botará a andar en 15 concellos

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o plan bianual (24/25) do servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos de competencia municipal que botará a andar en 15 concellos da provincia cun investimento de máis de 455.000 euros. O presidente da institución provincial, Luis López, explicou que “traballaremos para mellorar os datos de separación de fraccións de residuos” nos concellos de Baiona, Barro, Bueu, Cangas, A Cañiza, Gondomar, A Guarda, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, As Neves, O Rosal, Salceda, Silleda e Tomiño.

A través do plan prográmanse, organízanse e estrutúranse inspeccións, inicialmente, de carácter didáctico, centradas naquelas actividades e persoas produtoras de residuos así como nos responsables da súa recollida e xestión. “Insisto –asegurou López- serán inspeccións de carácter didáctico aínda que, se se observan incumprimentos graves da normativa levantaremos acta para que o concello correspondente impoña a sanción, se o considera, de acordo coa lei de residuos”.

O servizo de vixilancia, inspección e control da xestión de residuos de competencia municipal que pon en marcha a Deputación de Pontevedra arranca para axudar aos concellos no cumprimento da nova lexislación, que supón un cambio na tradicional visión que se tiña do tratamento dos residuos e maiores esixencias para os concellos. “Somos moi conscientes –afirmou o presidente provincial– da carga de traballo que estas obrigas traen para os concellos e tamén da escaseza de medios que teñen, por iso poñemos en marcha este corpo de vixilancia, inspección e control co obxectivo de mellorar as cifras de separación de residuos dos concellos”.

O Entroido de Redondela realiza cambios na programación por mor das malas condicións meteorolóxicas

0

O Concello de Redondela vén de anunciar a realización de cambios na programación de Entroido debido as malas previsións meteorolóxicas para as vindeiras horas. Este mismo sábado, a Concellería de Cultura optou por trasladar as actividades que se tiñan que realizar na Alameda Castelao á carpa instalada no Campo da Feira.

Cos cambios realizados a carpa do Campo da Feira acollereá de 17 h a 19:30 horas os obradoiros infantís e ás 18 h posta en escena de Psychodelia de Troula Animación.

Tamén o Campo da Feira será escenario da Festa do Entroido que ás 21 horas contará coas versións de Pop Rock español a cargo de La Patrulla; ás 23:15 h Tributo a Estopa a cargo de Estopaos e, finalmente, a partir das 00,30 h a sesión DJ a cargo de Rodri Vegas.

A meteoroloxía adversa fixo adiar o tradicional Desfile de Comparsas programado para mañá domingo, 11 de febreiro que pasará a celebrarse o domingo 25 de febreiro ás 18 horas.

A I Mostra de Petiscos de Mondariz Balneario despacha máis de 1900 tapas en tres días

Mondariz Balneario celebrou, na pasada fin de semana, a I Mostra de Petiscos, una actividade que substitúe ao concurso que se celebrara entre o 2016 e 1018. A identidade do novo formato, tal e como explican os organizadores, “é camiñar xuntos e non competir”. Nesta primeira edición dunha iniciativa que nace con vocación de continuidade, participaron cinco establecementos que, durante a tarde do venres, o sábado e a mañá do domingo vendero a incrible cifra de 1964 tapas despachadas algo que, é evidente, sería imposible realizar sen o bo facer da hostalería local.

A cifra de participantes, doutra banda, é difícil de contabilizar pero para poñerse en situación, se está a falar de 1964 tapas nun concello de aproximadamente 700 habitantes o que supón un éxito sen precedentes e convertendo unha fin de semana de tempada baixa nun evento moi concorrido co que se cumprían claramente o dous obxectivos da Mostra de Petiscos: amosar a calidade da hostalaría local, ninguén que visite habitualmente a vila balnearia ten dúbida diso, e atraer a participantes en tempada baixa.

[su_image_carousel source=”media: 81535,81534,81533,81526,81525,81524,81528,81529,81530,81531,81532″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

As e os participantes tiveron a oportunidade de cubrir unha cartilla con selos, por cada petisco que pedían,  o que lles permitía entrar nun sorteo e, segundo número de selos conseguidos, optar a distintos premios, agasallos todos eles dirixidos a fomentar a vida local, o comercio e a cultura.

Así, con tres selos sorteábanse dous libros de Mondariz en los textos de Emilia pardo Bazán. Antoloxía editado por GALAXIA. Con catro selos, sorteábase un Bono Comercio valorado en 30 € e unha cesta de Don Pedro. Finalemente, con 5 selos sorteábanse seis premios: cinco entradas dobres para O Palacio da Auga e un bono para unha cea nun dos establecementos participantes, valorada en 60 €.

Na mañá do día realizouse o sorteo dos premios na Oficina de Turismo, encargándose do mesmo un representante dos hostaleiros de Mondariz Balneario, unha representante do GDR Condado Paradanta e dous representantes do Concello de Mondariz Balneario. 

O vindeiro día 17 as 12.30 h no Concello celebrarase a entrega dos premios que serán entregados por un representante dos hostaleiros de Mondariz Balneario, un representante de Adegas Galegas e un representante do Concello de Mondariz Balneario.

A I Mostra de Petiscos estaba organizada polo Concello de Mondariz Balneario, Atalaya, Boas Migas, Mixturas, Regato de Valdecide, e Yago´s, colaborando coa mostra Augas de Mondariz, Balneario de Mondariz e Adegas Galegas e contando co apoio de Bar Cafetería Lourdes, Chocolat, Carnes o Galego, Estación servicio Mondariz, Gala Termal, Farmacia Balneario, Hotel CEMAR, Peluquería as Camelias, Mercaplus Balneario, Lavandería Puma Clean Mondariz Balneario, Lapido y asociados. Real Estate investmen group, La del Río, Las Colonias.

Máis de 200 alumnos de 4º da ESO de Tui asistiron a unha nova proxección de ‘O Cine nas aulas’

0

Un total de 235 alumnos e alumnas de 4º da ESO dos IES San Paio e Indalecio Pérez Tizón, do Colexio Maristas Santa María e do Seminario Menor San Paio asistiron onte no Teatro Municipal de Tui, no edificio Francisco Sánchez, a unha nova proxección de ‘O Cine nas aulas’.

Nesta segunda cita do programa deste curso traballan cunha película onde se fala sobre o fracaso e o éxito, as familias, os logros ou desexos aos que aspiramos, e as drogas. Asistiron así a unha película que presenta unha historia sinxela con personaxes complexos, reais, cribles e entrañables.

En “O cine nas aulas” abórdanse distintos temas a través do visionado da película. Logo traballan na aula co material complementario elaborado polo Servizo de Prevención das Drogodependencias do Concello de Tui. O cine convértese nun recurso de primeira magnitude para abordar de forma transversal distintas temáticas. Dende o Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Tui, consideran que hai múltiples problemas na sociedade actual cuxo abordaxe debe realizarse mediante a posta en marcha de actividades preventivas, sendo a educación o elemento básico. No caso concreto deste programa emprégase o cine, de gran atractivo para a mocidade, para captar a súa atención, apoiar a súa capacidade de reflexión e favorecer a análise e a crítica dos contidos educativos que presenta.

Galicia presenta un total de 117 praias como candidatas a optar á Bandeira Azul en 2024

Galicia propuxo este ano un total de 117 praias –40 pertencentes á provincia da Coruña, 16 á de Lugo e 61 á de Pontevedra– como candidatas a optar á Bandeira Azul 2024, a mesma cifra que as que xa presentara na edición anterior. Así o avanzou a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, tras participar onte en Madrid na reunión do xurado nacional encargado de conceder uns distintivos cos que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos, entre outros.

Tal e como explicou a directora xeral, con 117 praias propostas, Galicia é a terceira autonomía que formalizou máis candidaturas este ano, só por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía, que presentaron 154 e 152 praias, respectivamente.

Neste sentido e aínda que haberá que agardar ata mediados do mes de maio para coñecer a listaxe definitiva de areais galardoados, Belén do Campo amosou a súa confianza en que Galicia volva estar en 2024 entre as comunidades ao fronte da clasificación das bandeiras azuis, que son, dixo, un “reclamo turístico innegable” xa que permiten facer das costas un destino atractivo ao tempo que dinamizan a economía e o emprego en todos os sectores vencellados ao turismo.

Por iso, aproveitou a súa intervención para poñer en valor o esforzo realizado polas administracións locais para participar cada ano neste programa de recoñecemento internacional e poñer a punto as súas praias co obxectivo de poder lucir o maior número de distintivos azuis posible.

Nese sentido, a representante da Xunta desexou que os 35 concellos galegos que este ano presentaron algunha candidatura –15 da provincia da Coruña, 8 da de Lugo e 12 da de Pontevedra– se vexa recompensado cun distintivo para o 100 % das súas praias, que deberán acreditar unha calidade das augas excelente, unhas boas condicións de seguridade, servizos e accesibilidade, así como unha atinada xestión medioambiental.

Salvaterra de Miño reforza o horario da Biblioteca Municipal de cara aos exames e recuperacións

Como ven sendo habitual o Concello de Salvaterra de Miño reforza o horario da Biblioteca Municipal nos meses de exames finais e que coinciden coas probas da ABAU. Este ano a ampliación será dende o 13 de maio e ata o 5 de xullo en horario continuo dende as 09:00 horas e ata as 20:00 horas de luns a venres.

Deste xeito, o Concello segue apostando por un novo espazo adaptado ás necesidades dos estudantes que dispón de ordenadores, enciclopedias e libros que serven de consulta e aprendizaxe para calquera que o precise e que ademais conta cunha sala infantil con libros e xogos e un espazo polivalente para presentacións de traballos, obradoiros e reunións informativas.

Eurocidade Tui Valença Apresentou Calendário Desportivo para 2024

A Eurocidade Tui.Valença apresentou o Calendário Desportivo, para 2024, ontem, quarta-feira, 7 de fevereiro, com 21 atividades e uma previsão de participação de cerca de 7 mil atletas. As 21 atividades desportivas que levam a chancela da Eurocidade, são organizadas por diferentes associações desportivas de Tui e Valença, bem como por empresas especializadas e implicará um investimento direto de cerca de 60 mil euros.

O ato contou com a presença do Presidente da Câmara Municipal de Valença, José Manuel Carpinteira e do Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González e dos vereadores do desporto de Valença, Arlindo Sousa e do Concejal de Tui, Rafael Estévez, bem como representantes do movimento associativo.

Para o Presidente da Câmara de Valença, José Manuel Carpinteira, “este calendário reforça a cooperação transfronteiriça e o sentimento de pertença de valencianos e tudenses à Eurocidade”.

Para o Alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, “este calendário desportivo é único na Europa e é um mérito das coletividades da Eurocidade que contam com o nosso respaldo institucional”

???????́??? ?? ??????????

  • 10 e 11 de fevereiro
    • Trail do Monte Aloia
  • 2 de março
    • TT Eurocidade – Jipes
  • 17 de março
    • Eurocidade BTT
  • 23, 24 e 25 de março
    • Torneio de Mini Basquetebol
  • 6 de abril
    • TT Eurocidade – Motas
  • 20 e 21 de abril
    • Torneio de Baile Desportivo
  • 23 e 23 de junho
    • Rampa do Monte do Faro
  • 6 de julho
    • Torneio de Judo
  • 7 de julho
    • Campeonato de Kung Fu
  • Setembro
    • Troféu Eurocidade de Hóquei em Patins
  • Setembro e Outubro
    • Torneio de Ténis
  • 23 de novembro
    • Urban Trail Night

???????? ?? ??????? ?????́???? ??????????

  • 7 de abril
    • Andaina de San Telmo
  • 26 de maio
    • Trilho da Fortaleza
  • 9 de junho
    • Andaina Senda da Furnia
  • 27 de julho
    • Trilho do Castelo das Furnas
  • 10 de agosto
    • Andaina Histórica
  • 29 de setembro
    • Trilho do Monte do Faro
  • 6 de outubro
    • Andaina Muiños do Tribes
  • 24 de novembro
    • Trilho do Monte Carvalho
  • 15 de dezembro
    • Andaina Solidária