Luns, 10 Febreiro de 2025

Luis Planas afirma na Guarda que a mellor aposta polo sector agralimentario en Galicia é Xosé Ramón Gómez Besteiro

O ministro reivindica a “pelexa” do Goberno de España na Unión Europea para convocar en breve 50 millóns de euros en axudas para a pesca dentro do PERTE Agroalimentario

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, incorporouse á caravana electoral socialista cun mitin no concello da Guarda, onde compartiu cartel coas candidatas Elena Espinosa e Fátima Rodríguez e o secretario xeral provincial do PSdeG-PSOE, David Regades.

Planas subliñou que a mellor aposta que pode facer Galicia polo seu sector Primario nestes comicios autonómicos do próximo día 18 é Xosé Ramón Gómez Besteiro, unha persoa que coñece profundamente as necesidades do agro, a gandería e o mar e que vai traballar para que sigan gañando en competitividade, sen perder rendibilidade, nun marco de transición xusta no camiño á sostibilidade ambiental.

Planas reivindicou o papel do Goberno de España defendendo sempre os intereses do sector pesqueiro logrando a mellor cota do século XXI para a merluza sur e incrementos nas de gallo e xurelo de sur. “E sempre defendendo diante da Comisión Europea unha pesca sostible, non só no ambiental senón tamén no económico e no social”.

Luis Planas anunciou a próxima convocatoria dunha liña de axudas dentro do Proxecto Estratéxico (PERTE) Agroalimentario específica para a industria pesqueira que estará dotada, en principio, con 50 millóns de euros. Subliñou que a normativa europea non permitía inicialmente esta convocatoria e España pelexou para facela posible.

Fronte á política do “postureo e o aspaviento do PP”, o Goberno progresista traballa en solucións para dar problemas ao sector agroalimentario. “Non podemos esquecer que foi o PP quen subiu o IVE a tódolos produtos, tamén á carne e ao peixe, que o PP non apoiou a Lei de Cadea Alimentaria e que tamén foi a dereita quen reduciu drasticamente o orzamento público para os seguros agrarios e os investimentos en modernización dos regadíos. O PP mesmo tiña previsto eliminar o sistema de módulos do IRPF para os agricultores e gandeiro e por iso agora, cando pretenden presentarse como os adalides do sector primario, hai que ter algo de memoria”.