Mércores, 6 Novembro de 2024

O Concello de Covelo contratará 14 persoas de apoio ao abeiro do plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra

O Concello de Covelo contratará a 14 persoas con cargo ao plan Máis Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra que darán apoio nas tarefas de conservación e funcionamento de bens e servizos públicos municipais.

Concretamente o Concello contratará 2 persoas con categoría de peón de limpeza que desempeñarán as súas funcións nos tres meses da tempada alta de verán, 8 peóns forestais con contratos de seis meses de duración, 2 condutores/as de camión da recollida do lixo, unha carpinteira/o e unha persoa auxiliar de administración. Todos os postos terán un desempeño de 30 horas semanais agás o de auxiliar administrativo que será de 37,5 horas semanais.

Concello de Covelo e Deputación de Pontevedra investirán un total de 119.338,46 € nestas catorce contratacións aportando a entidade local 8.323,40 € e 111.015,06 € o organismo provincial.

O alcalde de Covelo, Pablo Castillo, sinala que a aportación destas e destes traballadores é fundamental programando a súa incorporación para os meses nos que a vexetación é máis invasiva, os desbroces máis necesarios e as limpezas máis indispensables xa que a poboación nos meses de verán chega a duplicarse.

“O apoio destes profesionais é fundamental para completar os servizos públicos en meses nos que chegan turistas pero tamén nos que retornan as familias da nosa veciñanza”, conclúe Castillo.