Venres, 28 Marzo de 2025

Contrato histórico para os traballos de roza en Redondela con dúas limpezas ao ano en todos os camiños municipais

Os traballos inclúen a roza e limpeza de todos os camiños municipais das 13 parroquias na primavera e no outono con todas as tarefas necesarias para mantelos “en perfecto estado para o seu uso”

O Concello de Redondela realiza este ano un contrato histórico para os traballos de roza en todos os camiños municipais das súas 13 parroquias. A empresa que se faga cargo do servizo deberá acometer todas as tarefas para manter as estradas e camiños libres de maleza e “en perfecto estado para o seu uso”. Os traballos permitirán tamén cumprir coa normativa de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Por primeira vez os traballos de roza e limpeza faranse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela, cunha primeira fase entres os meses de abril e xuño, aproximadamente, e unha segunda roza entre setembro e novembro. “O obxectivo deste contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano”, explica a alcaldesa Diga Rivas. Trátase dunha “aposta decidida” da rexedora local “pola mellora da calidade de vida nas parroquias” cun servizo de limpeza que se foi ampliando e mellorando nos últimos anos.

O contrato, por dous anos, licítase por un importe máximo de 989.268 euros. O contrato podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual, ata un importe máximo de 1.978.536 euros para os catro anos. As empresas interesadas e presentarse a este concurso público teñen de prazo ata o 4 de marzo.

Os traballos a realizar pola empresa adxudicataria serán todos os necesarios para deixar os camiños e as súas marxes despezados, rozados e limpos. A roza e a limpeza incluirá a maleza, herbas e arbustos tanto nos camiños como nas beiravías e noiros, que deberán quedar no seu estado orixinal. Retirarase todo o lixo acumulado nas beiravías e gabias para permitir unha boa evacuación da auga, e limparanse os caños ou sistemas de drenaxe obstruídos por vexetación ou outros residuos. Isto evitará atascos e facilitará a evacuación da auga da chuvia. Desperdicios como bolsas plásticas, papeis, latas ou botellas que se atopen durante os labores de limpeza deberán ser retirados.

Este novo contrato inclúe a recollida e transporte de todo o material procedente das rozas e limpezas, así como a súa clasificación, xestión e tratamento segundo a normativa medioambiental. O cumprimento destas normas supón tamén que a empresa non poderá realizar ningún tratamento con produtos fitosanitarios. No caso de especies invasoras a empresa debe cumprir co plan de erradicación establecido pola administración.

Contratación de 10 persoas desempregadas

Á marxe da contratación dunha empresa, o Concello “non só manterá senón que ampliarán a contratación de persoas desempregadas para traballos de limpeza e mantemento”. Rivas explica que se aumenta ata 10 o número de operarios cos que contará Redondela a través do Plan +Provincia (antes Plan Concellos) “para servizos que se centrarán na limpeza das parroquias”. Deste xeito tamén se contribúe desde a administración local a dar traballo a veciñas e veciños en situación de desemprego.