Mércores, 11 Decembro de 2024

Nigrán inicia as obras dunha nova praza pública que conectará a ponte románica da Ramallosa e a Avenida de Portugal

Pese a estar en pleno Camiño de Santiago pola costa, este é un espazo residual empregado indistintamente para o aparcamento e tránsito de peóns, polo que se transformará nunha zona de relaxación e convivencia cos peregrinos

O Concello de Nigrán iniciou esta semanas as obras para crear unha praza pública de 371 mpara a convivencia e a relaxación no espazo que comunica a Ponte Románica da Ramallosa e a Avenida de Portugal (PO- 340), aos pés do Río Miñor. O obxectivo é dar un xiro radical nesta contorna de gran valor patrimonial, natural e etnolóxica para que pase a ser unha zona senlleira de pausa e descanso no Camiño. Con este fin, o Concello ven de emprender os traballos adxudicados a Xestión Ambiental de Contratas cun orzamento de 114.726 € a cargo do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra. 

​”Pese a tratarse dun enclave estratéxico con altísimo valor patrimonial, cultural e ambiental, sempre foi un espazo residual cunha imaxe moi descoidada porque aparcan vehículos e transitan peóns sen orde algún. A tramitación deste proxecto foi especialmente costosa porque estaba moi afectada por Patrimonio e foi preciso agardar por todas as autorizacións”, explica o alcalde, Juan González, quen busca “devolver ao lugar a entidade que merece” ao situarse aos pés da Foz do Miñor (red Natura 2000, catalogado LIC), da ponte medieval, e no propio Camiño Portugués pola Costa. 

[su_image_carousel source=”media: 81742,81740,81741″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

​Neste lugar,  os pavimentos existentes estaban moi deteriorados e sen regularidade, xerándose charcos e problemas de salubridade; igualmente, a mestura indiscriminada de peóns e vehículos supuña un risco de seguridade viaria; a iluminación resultaba deficiente e, como suma de todo elo, o espazo non trasladaba sensibilidade algunha pola traza do Camiño. Por este motivo, o proxecto de Ángel Santorio Arquitectos contempla devolverlle a calidade ambiental recuperándoo como lugar para o paseo e a estancia e a relaxación de veciños e peregrinos, tendo en conta ademais que se atopa nunha cota inferior (de embarque) que a afasta do gran tráfico urbano da contorna. Así, a actuación, cunha duración prevista de 3 meses, mellorará o pavimento térreo existente e creará unha zona empedrada únicamente para o acceso dos vehículos aos garaxes actuais. O resto do lugar destinarase únicamente para os peóns, que contarán tamén cun itineario de adoquinado en granito moreno acompañado de mobiliario urbano de deseño sinxelo que se integrará na praza de xeito amable (banco, papeleira e maceteiro realizados en pedra ou madeira). A meta é crear un espazo diáfano e despexado cuxo uso resulte o máis flexible posible. Ademais, plantaranse bosquetes estratéxicos con especies autóctonas de árbores que propicien puntos de sombra. Finalmente, unificarase a sinaléctica existente e dotarase á zona dunha nova iluminación. 

​”Son unha serie de actuacións sinxelas, que non implican un gran investimento, pero que suporán un cambio radical nesta contorna pasando de ser unha zona de tránsito a un lugar privilexiado de desconexión e senlleiro no Camiño Portugués pola Costa”, resume o rexedor.