20.5 C
Pontevedra
Mércores, 9 de Outubro de 2024
Máis
    HomeLouriñaO PorriñoO Porriño inicia as obras que transformarán a praza de abastos nun...

    O Porriño inicia as obras que transformarán a praza de abastos nun centro de referencia do comercio e o ocio

    Os traballos de mellora e acondicionamento das instalacións contan cun orzamento de 231.000 euros financiados nun 80 % pola Xunta de Galicia e permitirán a obtención do selo de Mercado de Excelente de Galicia

    Este luns darán comezo os traballos de mellora e impulso da Praza de Abastos do Porriño, unha intervención moi demandada por praceiros/as e usuarios/as que reimpulsará o que debe ser o centro neurálxico do comercio porriñés.

    Praceiros e praceiras, xunto con persoal do Concello ultiman estes días o traslado dos seus postos para abrir a partir da semana que ven na carpa habilitada no exterior na que actividade continuará mentres se desenvolven as obras, que se estima sexa arredor dun mes e medio. Cabe destacar, que dende onte e ata novo aviso está prohibido o estacionamento nos espazos exteriores e só está permitido o acceso a residentes.

    “Con este proxecto queremos revitalizar este espazo e convertilo no motor do comercio do Porriño, nun lugar de encontro e lecer que ofrecerá aos consumidores produtos de calidade”, apuntou a edil de Mercados, Antía Carrera.

    A mellora, que respectará en todo momento a esencia do edificio de Xosé Bar Boo, inclúe a renovación das instalacións de fontanería e saneamento, da infraestrutura eléctrica, incorporación de iluminación led e sistemas de dixitalización, renovación de todo o pavimento e a ampliación da segunda planta para conseguir máis superficie de uso. Traballarase tamén nos exterior do edificio para subsanar os danos estruturais que presenta.

    Nunha segunda fase, intervirase na contorna, mellorando os espazos colindantes, reordando a circulación e habilitando espazos de aparcamento.

    “O acondicionamento das instalacións, que era unha das grandes demandas dos praceiros e praceiras dende hai moitos anos polo mal estado no que se atopa, era urxente pero non imos quedarnos aí, realizaremos unha intervención integral que sirva para revitalizar e dinamizar a nosa praza e nos permita conseguir o selo de Mercado Excelente de Galicia”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo.

    O proxecto conta cun orzamento de 231.000 euros financiados no 80 % pola Xunta de Galicia a través da consellería de Economía, Industria e Innovación.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.