O traballo e a xestión do Partido Popular ao fronte do goberno municipal de Ponteareas centrou o acto sectorial no marco das eleccións autonómicas. Participaron no evento a actual conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, a candidata da provincia, Raquel Plana, a alcaldesa Nava Castro e a edil da área no Concello, Silvia Fernández.
A candidata pola provincia de Pontevedra, Raquel Plana, puxo en valor o traballo que realizou o Partido Popular tanto a nivel autonómico como nos sete meses do goberno municipal en Ponteareas. Desta maneira, agradeceu o investimento que realizou a Xunta de Galicia na vila co obxectivo de aumentar o grao de inserción laboral. Unha contía que ascende ao millón de euros. Plana cualificou estas iniciativas como “políticas estables, realista e frutíferas que fan que Galicia funcione e que permitirán que siga funcionando a partir do 18 de febreiro, sen barullos”.
Pola súa banda, a alcaldesa Nava Castro, agradeceu a implicación da conselleira de Promoción do Emprego e de Igualdade, Elena Rivo, á hora de apostar por iniciativas que responden ás necesidades dos veciños e das veciñas que desexan atopar un posto de traballo. Unhas iniciativas que, ademais, atópanse en consonancia coa demanda do tecido empresarial. “É unha mostra de que o Partido Popular está alí onde se lle necesita, escoitando ás diferentes partes para chegar a un punto de acordo no que resulten beneficiarias todas as partes”.
A edil de Emprego do Concello de Ponteareas, a popular Silvia Fernández, “é xusto recoñecer o traballo que realiza a Xunta de Galicia durante todos os días do ano co obxectivo de que contemos cun maior número de persoas que conseguen un posto de traballo. Aquí, en Ponteareas, somos testemuñas dese labor polo que, de novo, grazas á conselleira Elena Rivo por contar con nós para poñer en marcha estas iniciativas pioneiras que buscan o benestar de todos e de todas”.
A Conselleira, Elena Rivo, confía e inviste nos obradoiros como clave de desenvolvemento do emprego da man dos concellos, destacando as realidades locais e propiciando a máxima empregabilidade dos seus veciños e veciñas. Tamén nas micro credenciais, “formacións curtas” de maquinarias específicas da industria para os empregados das empresas. Destaca os Polos de emprendemento para axudar aos mozos e maiores que teñen iniciativas empresariais, apoiando a innovación e a creatividade. Ademais confía no reforzo do servizo público de emprego de Galicia coa incorporación de orientadores laborais, intelixencia artificial para sincronizar a oferta e demanda de emprego e o reforzo do programa Galicia emprega, destinado as persoas con maior dificultade de acceso ó emprego.