“Todas as grandes infraestruturas de Ponteareas levan a firma do Estado. Esa é unha realidade que o PP e a Xunta de Rueda non pode agochar por moitas falsidades e propaganda nesta campaña”. Así se pronunciou o portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López, nun almorzo con cargos da comarca e militantes de Ponteareas, Mondariz, Covelo, Crecente, Salvaterra e As Neves.
O portavoz no Congreso alentou “a un voto masivo a Besteiro para rematar cun PP esgotado. A xente non pode quedar na casa este domingo porque o cambio na Xunta é posible e o PSOE é o único partido que pode dar a Galicia un goberno útil”. López subliñou que “volvo a Galicia e as cousas xa cambiaron. A semana pasada agochaban ao candidato Rueda e Feijoo paseábase por aquí decidindo que na campaña non se falaba de Galicia, que do que falaría sería da amnistía e Puigdemont”. “¿E agora que?, preguntou, pois se atragoaron coa súa gran mentira e obra magna de hipocrisía porque todo o liderado de Feijoo está baseado sobre unha gran mentira”.

Xunto a Paloma Castro, número 3 da lista do PSdeG-PSOE e Delfín Domínguez, número 8 e secretario xeral en Ponteareas, Patxi López coñeceu os detalles de dous dos grandes proxectos do Estado en Ponteareas: a ampliación da EDAR da Moscadeira, onde xa comezaron as obras para unha infraestrutura longamente esperada pola veciñanza e que supón un investimento de máis de 14 millóns de euros. Co proxecto do Ministerio de Transición Ecolóxica, ao través da sociedade pública Acuaes, por fin se garante o saneamento integral a todo o concello, cunha poboación de máis de 20.000 habitantes, o que ata agora era imposible pola falta de capacidade da depuradora.
Patxi López tamén foi informado do avance do proxecto para a reforma da N-120, entre o núcleo urbano de Ponteareas e O Confurco, unha grande aposta pola seguridade viaria do Ministerio de Transportes cun investimento de 3,3 millóns de euros, con oito novas rotondas nos cruces, ampliación de sendas peonís, reordenación dos accesos á vía e nova capa de rodadura e sinalización “e todo elo en diálogo coa veciñanza”.