Mércores, 11 Decembro de 2024

Movemento Salceda, con Ana Pontón

Movemento Salceda, formación independente que na actualidade goberna en Salceda de Caselas, vén de facer un chamamento a simpatizantes e persoas afiliadas para que apoien “o cambio en Galiza o vindeiro domingo, facendo que Ana Pontón se converta na próxima Presidenta da Xunta” ao considerar “chave” un cambio de protagonistas no goberno da Xunta “que impulse as moitas demandas pendentes coa nosa veciñanza”.

Lembra MS que as necesidades en sanidade, nomeadamente no tocante a pediatría, “seguen desatendidas pola Xunta” e que nos 15 anos de goberno, o Partido Popular “non atendeu proxectos tan necesarios como o saneamento en Soutelo e Entenza, o novo enlace da PO-510 na Lagoela ou a necesaria segunda Galiña Azul”.

Por todo isto, fan un chamamento á veciñanza “a exercer o seu dereito ó voto pensando en clave de País, pero tamén pensando no futuro da nosa vila”. “ Considera MS que é preciso “unha nova aposta pola vida no rural e unha administración que, de feito, traballe por uns servizos de calidade nas innumerables vilas de Galicia e, por extensión, en Salceda” e que a alternativa viable “é a que ofrece Ana Pontón, unha muller coa forza e preparación necesaria, que dará un novo pulo ó xeito de facer da política un servizo para a cidadanía”.

Unha alta participación será chave o vindeiro domingo, “cada persoa que quede na casa fomentará a continuidade do proxecto totalmente esgotado e clientelar do Partido Popular”, conclúe Movemento Salceda.