O alcalde da Cañiza, Luis Piña, deu conta da adquisición dunha máquina cortacéspede para o veterano campo de fútbol do Vieiro, que supuxo un investimento de 5.390 € con cargo ás axudas da liña 1 do Plan Concellos 2022-2022 da Deputación de Pontevedra.
Trátase dun tractor cortacéspede marca OLEO MAC, modelo OM/106/22h, con descarga traseira, 656 cm3 de cilindrada, recollida con cestón cunha capacidade de ata 320 litros e sistema mulching de descarga lateral.
A nova máquina de propulsión hidrostática, alcanza unha velocidade de entre 0 a 9,0 km/h marcha adiante e de 0 a 4,5 Km/h marcha atrás; leva incorporadas 2 coitelas cun ancho de corte de 102 cm e unha altura de 30-95 mm, con 7 posicións. Ademais ten un radio de xiro de 40 cm e unhas dimensión totais de 242 x 106 x 116 cm.
A empresa adxudicataria do procedemento de contratación foi a cañicense Comercial Castillo Lorenzo C.B.
Para o alcalde Luis Piña “esta nova adquisición ven a mellorar as dotacións do campo de fútbol, nunha aposta anunciada polo deporte e pola mellora das instalacións deportivas”. “O novo tractor pasará a formar parte do inventario municipal e tamén do parque de maquinaria municipal”, engadiu o rexedor local.
Piña lembrou que o concello “vén colaborando todos os anos co Servizo de Medio Ambiente da Deputación Provincial no pinchado do campo de xogo do campo de Fútbol, desenvolvido dentro do Plan Anual de Mantemento dos campos de herba natural”.
“Dende o Concello −explica o alcalde da Cañiza− subministramos todo o céspede para mellorar os 7000 m2 de superficie do campo e colaboramos coas nosas máquinas e operarios no picado do terreo para airear o substrato de xeito que se rexenere a raíz en profundidade e volumen”.
Este tratamento, cun custe superior aos 3.000 euros, prepara o campo para afrontar con máis resistencia as inclemencias meteorolóxicas.