15.5 C
Pontevedra
Luns, 29 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasO Concello reafirma o seu apoio incondicional ao Club Balonmán Cañiza asinando...

    O Concello reafirma o seu apoio incondicional ao Club Balonmán Cañiza asinando un novo convenio de colaboración

    Luis Piña comprometeuse a construir, neste ano, unha nova sala anexa de aproximadamente 100 metros cadrados para acoller un novo ximnasio

    O Pleno do Concello da Cañiza aprobou o texto dun novo convenio entre o Concello e o Club Balonmán Cañiza, sinatura que prorroga a colaboración subscrita por primeira vez con carácter oficial o 21 de abril de 2022 e que se resume na achega de 20 000 €uros para a anualidade 2024  a pagar en 12 cotas de 1666,67 € ao mes.

    Amais da axuda monetaria, o convenio asinado polo alcalde Luis Piña e o presidente do club, Marcos Estévez, recolle tamén que o Club Balonmán Cañiza poida utilizar e explotar o pavillón Carballo do Marco e a posibilidade de poder instalar establecementos nos festexos locais para obter beneficios, sempre destinados a sufragar as tempadas deportivas, sen ter que abonar ningún tipo de taxa ao Concello.

    No acto de sinatura do convenio, alcalde e presidente do Club Balonmán Cañiza estiveron acompañados por concelleiros do grupo de Goberno do Concello, xunta directiva do Club, cadro técnico e adestradores, xogadores de todas as categorías, pais e nais, socios e afeccionados do deporte.

    Luis Piña, na súa intervención, quixo felicitar a toda a familia do Balonmán Cañiza polo extraordinario labor desenvolvido en favor da educación deportiva da infancia e mocidade, polo seu ilusionante proxecto deportivo, pola capacidade do Club para conseguir que toda A Cañiza envórquese co Balonmán e, por suposto, polos éxitos alcanzados nestes anos.

    Neste punto o alcalde quixo ponderar o valor da participación no deporte, manifestando que “un dos obxectivos máis importantes de calquera disciplina deportiva é conseguir promover a participación. Unha actitude mesmo máis valorada que gañar ou ser os vencedores. E este é un dos principais activos do CBC”.

    Na firma, Luis Piña tamén agradeceu ao Club por dar visibilidade á Marca Cañiza. Un compromiso que asume en cada desprazamento e en cada partido que disputa e que volveu renovarse co convenio asinado, un convenio que para o alcalde “achega unha forte estabilidade económica ao CBC”, xa que ten asegurado un pago mensual do Concello de 1666,66 €”.

    Luis Piña lembrou que ademais desta axuda económica, o Concello investiu no último mandato máis de 170 000 € en reformas e equipamentos no pavillón Carballo do Marco, instalación municipal na que adestran todos os equipos do Club e sede social do Balonmán Cañiza.

    “O Concello destinou 50 000 € para a mellora da cuberta e eliminación de humidades –lembrou o alcalde da Cañiza–, 46 054,60 € para a reforma íntegra dun dos vestiarios e aseos, 25 000 € para a adquisición do videomarcador, aos que se sumaron outros 48 763,70 € da obra de reforma dos vestiarios. Tamén neste mandato conseguiuse poñer en funcionamento o sistema calefactor do Pavillón”.
     
    “Ademais desde o Goberno seguiremos traballando para mellorar a calidade das nosas instalacións deportivas, sempre en beneficio dos nosos deportistas e dos nosos veciños”, concluíu Luis Piña.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.