Avanzan a bo ritmo as obras que permitirán contar cunha residencia de artistas no municipio. Así o comprobaron a alcaldesa, Nava Castro; a edil de Urbanismo, Silvia Fernández e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, durante unha visita que realizaron no edificio que albergará este novo espazo desde o que se potenciará distintas disciplinas creativas.
A residencia terá unha capacidade para 20 artistas e o obxectivo é que as persoas que se dedican a disciplinas como a literatura, música ou teatro, entre outras, interactúen co talento local. Ademais, o resultado destas sinerxías, como poden ser unha obra de teatro, unha escultura ou mesmo unha peza musical, quedarán no propio municipio.
A alcaldesa, Nava Castro, apuntou que “trátase de potenciar o que nos caracteriza como pobo, a arte, entendida desde diferentes disciplinas como a literatura, a música, o teatro e, por suposto, a escultura, posto que, precisamente, durante este ano lembramos a un dos nosos talentos, a Alfonso Quinteiro”. Lembrou que “a nosa vila viu nacer a artistas que espallaron o nome de Ponteareas desde diferentes ámbitos como é o caso de Alfonso Pexegueiro ou Rogelio Groba, entre outros persoeiros que destacaron nas distintas especialidades”.
O tenente de alcalde, Juan Carlos González, sinalou que “a construción desta residencia de artistas é unha oportunidade para que os profesionais establezan sinerxías co talento local e situar á cultura no centro do municipio. Desde esta residencia, as persoas participantes crearán mostras de teatro, pintura, pezas musicais ou obras literarias coa influencia da nosa tradición”. Insistiu en que “é unha oportunidade única na contorna que deixa clara a nosa aposta pola cultura”.
Pola súa banda, a edil de Urbanismo, Silvia Fernández, indicou que “o desenvolvemento destas obras permitirá recuperar un edificio céntrico no municipio, reconstruílo e acondicionalo ás actuais necesidades da vila e, á vez, ofrecer un novo espazo no que se potenciará a arte coa marca de Ponteareas”.