19.5 C
Pontevedra
Domingo, 13 de Outubro de 2024
Máis
    HomeComarcasRedondelaFederación de ANPAS de Redondela clausura o 'Taller Pais e Nais Corresponsables'

    Federación de ANPAS de Redondela clausura o ‘Taller Pais e Nais Corresponsables’

    A Federación de ANPAS de Redondela –formada polos 17 centros de ensino público do Concello de Redondela e Pazos– vén de rematar a primeira edición do Taller de Pais e Nais Corresponsables que se celebrou nos últimos meses cunha alta convocatoria de participantes.

    A entidade encargada de levar a cabo esta iniciativa pioneira nos centros de secundaria e bacharelato de Redondela foi o Centro de Desenvolvemento da Saúde Comunitaria ‘Marie Langer’, especializado en intervención comunitaria, e atende as necesidades da poboación dende a Metodoloxía ProCC que se centra na vida cotiá como un lugar privilexiado para comprender como se relacionan, se vinculan e conviven os integrantes de cada familia . Ao estudar a vida cotiá descubrimos unha serie de molestias que padecen as persoas e que normalmente non analizan nin cuestionan por consideralas normais. Estes exprésanse en frases como:

    “É que a xente nova…”, “Teño unha filla adolescente, teño que aguantar”, “Necesito solucionar o malestar familiar, cada día unha batalla campal” “Non fan nada!”. ,”Gustaríame non usar castigos nin chantaxes… non sei… buscar un método”, “Quero aprender a entendelos, pero sinto que non é doado”, “Que pouco respecto se teñen entre os rapaces e as rapazas”, “Están todo o día co móbil”, “Ao meu pai parece que só lle importa que eu estude”, “Non nos deixan sós”, “Sempre estamos en tensión. “.

    Estas incomodidades non se cuestionan, senón que se naturalizan e se pecha toda posibilidade de cambio. Chamámoslle a esta área, Saúde Asumida por Normalidade (NSS).

    Por que escolas para nais e pais?

    Axudar a crecer a un neno, nena ou adolescente supón toda unha tarefa, unha aventura apaixonante, un reto, unha creación. Non obstante, na vida cotiá, as nais e os pais adoitan estar desconcertados e afrontan a tarefa de axudar a crecer con moitas contradicións.

    A crianza e a educación de nenos, nenas e adolescentes empréndese hoxe con ilusión e entusiasmo, pero tamén hai dúbidas. Pais, nais e educadores ás veces séntense desbordados, hai grandes dificultades para xestionar límites e normas; e algunhas situacións cotiás vívense con moito peso, estrés e incerteza.

    Este curso para pais, nais e comunidade educativa en xeral ofreceu (ao longo de 8 sesións eminentemente vivenciais levadas a cabo en Redondela) un espazo de reflexión e formación que facilitou aos participantes algunhas ferramentas e criterios para promover unha crianza máis saudable.

    O Programa Escola de Pais e Nais ProCC constitúe un modelo de traballo con historia, desenvolvemento e frutíferos resultados que xustifican plenamente a súa implantación. O seu obxectivo é desenvolver alternativas para afrontar os retos actuais da crianza, especialmente a adolescencia neste caso.

    O programa foi completado con intervencións nas aulas nas que os adolescentes puideron aprender a xestionar dun xeito máis satisfactorio moitas das situacións cotiás nas que se atopan no seu proceso evolutivo.

    Despois desta acollida tan favorable, a Federación de ANPAS está xa a traballar co obxectivo de conseguir fondos que fagan posible unha nova edición para que o conxunto da comunidade dispoña de máis e mellores ferramentas de acompañamento á mocidade nos fogares e nas aulas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.