Xoves, 8 Maio de 2025

O Concello de Tui busca avanzar nas Sendas do Miño

0

Avanzar no proxecto da senda do Miño entre Tui e Tomiño foi o obxectivo da reunión que o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, mantivo esta semana en Pontevedra co xefe provincial de Costas, Enrique Fernández, e cun representante da Consellería de Medio Ambiente.

Sobre a mesa estivo a viabilidade do proxecto e o financiamento preciso para poder executar esta actuación. A senda terá unha lonxitude de 16 quilómetros, e suporá un investimento de 1,6 millóns de euros.

Dende o Concello de Tui procederán nos próximos días ao estaquillado da zona que vai dende a vella Ponte Internacional até a nova Ponte Internacional. Posteriormente convocarán aos propietarios afectados a unha reunión para estudar a cesión destes terreos.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, cualifica o proxecto das sendas do Miño de “estratéxico” para pór en valor en valor o noso medio natural, polo que demandan a implicación tanto da administración central coma da autonómica para a súa execución. Precisaba que se trata dunha actuación transversal que afecta a varios concellos.

O obxectivo é que toda a beira do Miño no termo municipal de Tui conte cunha senda que vai dende o límite con Tomiño até Salvaterra. En 2016 executouse unha primeira actuación entre a rúa Olímpicos Tudenses e a vella Ponte Internacional cunha senda de 286 metros cadrados.

Amais do proxecto cara Tomiño está tamén pendente a senda cara Salvaterra. Sobre este último treito o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, lembra o compromiso de financiamento por parte da Confederación Hidrográfica do Miño Sil, que nos últimos días nunha acción xunto a Costas está a estaquillar a zona para facer unha nova delimitación da zona marítimo terrestre.

O Porriño organiza o primeiro curso gratuíto de conducción segura

Catro pilotos de rally, entre eles Ivan Ares e José Pintor, campións de España en 2017, impartirán as súas ensinanzas este vindeiro sábado día 5 aos veciños e veciñas do Porriño que participan no curso gratuito de conducción segura. O curso ‘Conduce con xeito’ está organizado polo Concello, a través da Concellería de Seguridade, e se financia “cos cartos recaudados coas multas de tráfico”, explica o Concello porriñés.

Nesta primeira quenda serán 30 persoas (15 homes e 15 mulleres) de idades comprendidas entre 18 e 40 anos, todas elas empadroadas no Porriño dende hai seis meses alomenos, os que reciban as clases teóricas e prácticas. Entre as 9 da mañán e as 13,30 horas. A parte teórica impartiráse no Multiusos de Torneiros e a práctica en vehículo nun circuito habilitado no PPI-6 do Polígono Industrial de A Granxa.

Os devanditos Ivan Ares e José Pintor partiticparán como monitores xunto ós pilotos locais David Gónzalez, de Porriño e o mosense Miguel Rodríguez. Ademaís acolaborarán varios axentes da Policía Local do Porriño que coordina a intendencia e loxística deste curso.

Ó longo dos meses de outubro, novembro e decembro, sempre en sábados, continuará o curso “Conduce con xeito”. En cada quenda haberá 30 personas. Na prevista para o 19 de outubro, será un grupo de maiores de 40 anos, tamén paritario.

«As fillas bravas» abren este sábado o Mes do Teatro de Nigrán

0

O Concello de Nigrán abre o seu xa tradicional ‘Mes do Teatro’ este sábado 5 de outubro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal coa actuación estelar do grupo ‘Chévere’, compañía de referencia a nivel galego e tamén español que representará ‘As fillas Bravas’. O Concello programa outras cinco actuacións de grupos de teatro afeccionado da comarca os restantes sábados de outubro e ata o 16 de novembro, todas elas con entrada de balde e ata completar aforo (incluído Chévere, que tamén é gratis).

A compañía Chévere ten un currículum destacado de máis de 30 anos de experiencia enriba dos escenarios. No 2014 gañou o Premio Nacional de Teatro. A obra “As fillas bravas” conta a historia de tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, mulleres de andar a pé do toxo, orgullosas de vir de tras da silveira, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos. Con esta peza Chévere segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero, dando continuidade a traballos que cuestionaron a rixidez dos xéneros (Testosterona), que reivindicaron as voces silenciadas dunha forza de traballo feminina que segue levantando imperios económicos na era da globalización (Citizen), que promoveron unha lectura crítica dos valores machistas que transmiten as cancións románticas (I’ll be watching you). Nesa liña de traballo, “As Fillas Bravas” veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados.

‘As Fillas Bravas’ é tamén un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflexados nas coplas do cancioneiro popular galego, para o que se fixo un traballo de procura, escolma e adaptación de textos de transmisión oral publicados desde a segunda metade do século XIX.

O alcalde de Nigrán, Juan González, non dubidou en sinalar que “é un orgullo que Chévere abra a nosa programación anual adicada a promover e visibilizar o teatro porque, de feito, é a compañía galega con maior proxección en toda España”. O rexedor local subliñaba que nas súas creacións “prima o compromiso social e a innovación e son un referente para tódolos amantes da cultura”.

A seguinte actuación será o 12 de outubro co grupo Rosalía de Castro de A Salgueria coa obra ‘La zapatera prodigiosa’, de García Lorca; o 19 de octubre o grupo Porta aberta de Vigo con ‘Estraños hábitos’, de Hugo Daniel Marcos; o 26 de octubre Teatro Castro Barreiro de Salceda de Caselas con ‘Os tres grandes sinvergoñas’; o 9 de novembro por confirmar aínda; e o 16 de novembro grupo Expresión Teatro de Mourente con ‘Convivir’.

Autoestima e empoderamento feminino a través da fotografía

0

Outubro chega a Tomiño cargado de actividades impartidas por e para mulleres. A vindeira semana o municipio acollerá un curso de autoestima e empoderamento feminino a través da fotografía de 12 horas de duración e un obradoiro de autodefensa feminista, que se impartirá nunha única xornada de 6 horas.

Deste xeito, as orientadoras Tegra Gómez e Patricia Maquieira chegarán ao salón de plenos do Concello co curso ‘Namórate de ti. Autoestima e empoderamento a través da fotografía’, unha actividade organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural ao abeiro do programa de Agader para a igualdade e a loita contra a violencia de xénero que busca ensinar ás mulleres a quererse e valorarse empregando a foto como ferramenta. O curso impartirase os días 7, 9, 10 e 11 de outubro de 16:30 a 19:30 h.

Ao longo destas catro xornadas realizaranse dinámicas as participantes vivirán sesións de autocoñecemento, con exercicios para aumentar a autoestima e o amor propio e aprender a autoxestionar o control do estrés a través da expresión corporal, verbal e escrita, de dinámicas grupais, vídeos motivacionais e sesións fotográficas da posta en escena das mulleres.

Dirixido a mulleres desempregadas, mulleres que precisan volver confiar en si mesmas, vítimas de violencia de xénero ou en perigo de exclusión social, o curso ten por obxectivos reforzar a autoestima e autoconcepto das participantes, ao tempo que se fomenta a súa unión social e a cooperación grupal.

As mulleres interesadas en participar poden inscribirse xa na páxina web de Eurural ou nesta ligazón. O curso é de balde e terminará coa exposición no concello de Tomiño dunha selección de fotografías realizadas durante as sesións que se inaugurará o vindeiro 5 de novembro.

Autodefensa feminista

Por outra banda, o vindeiro 12 de outubro a Casa da Salgosa de Tomiño acollerá un obradoiro de autodefensa feminista, seis horas de traballo integral nas que as participantes aprenderán técnicas básicas de defensa.

Como aseguran dende a organización do curso, “a autodefensa feminista é un elemento indispensable de protección e loita contra as violencias machistas. As violencias son estruturais e impactan en todas as áreas, física, emocional, relacional, social… por iso neste obradoiro o traballo que se realiza é integral”.

O obradoiro, dirixido a mulleres a partir de 15 anos, celebrarase o sábado de 11 a 13 e de 16 a 19 h. Todas as interesadas en participar poden inscribirse nesta ligazón.

A Deputación abre a preinscripción para o proxecto «Labora 2020»

A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha a primeira fase do Proxecto «Labora 2020», unha iniciativa que financian a institución provincial e o Fondo Social Europeo e cuxo obxectivo é mellorar a formación e a empregabilidade na provincia entre as persoas inscritas nos servizos públicos de emprego que pertencen a colectivos especialmente vulnerables.

En concreto, «Labora 2020» está dirixido a persoas desempregadas de longa duración, mozas e mozos menores de 30 anos, persoas maiores de 55 anos, persoas con diversidade funcional, inmigrantes, minorías étnicas e comunidades marxinadas, outros colectivos desfavorecidos (nos que se inclúen, entre outras, vítimas de violencia de xénero ou de discriminación por orixe racial, orientación sexual e identidade de xénero, persoas con problemas de adicción, persoas sen fogar, solicitantes de asilo) e persoas en situación de vulnerabilidade acreditada por un informe dos Servizos Sociais.

Trala publicación no Boletín Oficial da Provincia das bases que rexerán a selección das persoas participantes, as e os interesados xa poden preinscribirse a través do formulario que atoparán na web da Deputación, na páxina dedicada a este plan (https://www.depo.gal/labora-2020).

O Porriño, Ponteareas e Tomiño atópanse entre os concellos que se beneficiarán da primira fase do «Labora 2020»

O prazo para facelo estará aberto ata o inicio das primeiras accións formativas, que está previsto que comecen en novembro. Nesta primeira fase, o proxecto beneficiará a un total de 420 persoas de toda a provincia e desenvolverase en doce concellos: Barro, Lalín, Cambados, O Porriño, O Grove, Ponteareas, Vigo, Pontevedra, Tomiño, Soutomaior, Cangas e Vilagarcía.

A finalidade do «Labora 2020» é a realización de actividades formativas constituíntes de itinerarios integrados e personalizados para a mellora da formación e a empregabilidade das persoas participantes, respondendo así mesmo ás necesidades locais xeradoras de emprego nos sectores con maiores oportunidades de crecemento e creación de traballo.

No que atinxe a esta primeira fase do proxecto, desenvolveranse sete dos once itinerarios previstos, cun total de 28 accións formativas, centradas en actividades auxiliares de almacén, limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais, dinamización de actividades de tempo libre educativo, infantil e xuvenil, socorrismo en instalacións acuáticas, actividades auxiliares en conservación e mellora de montes, operacións básicas de restaurante bar e competencias clave para a obtención do nivel 2 (lingua galega, lingua castelá e matemáticas).

Amais de estaren desempregadas, as persoas que poden optar a este programa deben estar empadroadas nalgún dos concellos da provincia, non estar incapacitadas para o desenvolvemento da actividade e acreditar o cumprimento do nivel académico necesario para o acceso ao certificado de profesionalidade de elección, que se poden consultar nas bases publicadas o pasado 1 de outubro no BOPPO.

O proxecto «Labora 2020» ten un orzamento total de 4,8 millóns de euros e conta cunha financiación do Fondo Social Europeo 2014-2020 de 3,8 millóns. En total, está previsto que ata finais do ano 2021, en que se desenvolverán estas accións formativas, se beneficien desta iniciativa ata 855 persoas da provincia, das cales o 53,33% serán mulleres (456) e o 46,67% homes (399).

As accións terán lugar en 16 concellos: Lalín, A Guarda, Cangas, Vilagarcía de Arousa, Barro, Cambados, O Porriño, Mos, Moraña, Valga, Ponteareas, O Grove, Tomiño, Soutomaior, Pontevedra e Vigo. Estas 855 persoas poderán participar nalgún dos once itinerarios centrados na formación profesional para o emprego, que inclúen, amais dos anteriormente citados, atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, atención sociosanitaria a persoas no domicilio e xestión de chamadas de teleasistencia. Amais, o proxecto tamén inclúe dez xornadas informativas de activación e intercambio de experiencias e boas prácticas e accións específicas en igualdade e non discriminación, así como en desenvolvemento sustentable.

A Guarda acolle o «I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Río Minho»

0

Os días 17, 18 e 19 de outubro A Guarda e Caminha acollerán o «I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho» organizado polo proxecto Visit Rio Minho. Estas xornadas están especialmente orientadas a profesionais e persoal técnico do sector turístico e gastronómico do territorio relacionados cos ámbitos da animación, natureza, hostalería, industria vitivinícola, restauración, vivenda rural, sendeirismo, emprendemento do sector do turístico e gastronomía, así como persoal técnico municipal relacionado coa información e promoción turística, cultural ou de natureza.

O xoves 17 de outubro celebrarase o «I Congreso de Turismo do Rio Minho na Guarda, unha actividade, dedicada a profesionais do turismo xa sexa do ámbito empresarial como da administración pública, que contará coa participación de numerosos expertos e expertas deste ámbito. Pola tarde haberá unha sesión de formación práctica sobre a creación de paquetes turísticos.

A gastronomía en todas as súas vertentes ocupará a xornada do venres 18 en Caminha. As «I Xornadas de Gastronomía do Rio Minho» dividiranse nunha sesión de mañá, exclusiva para profesionais da gastronomía, onde haberá un debate e un showcooking, e unha sesión de tarde aberta a todo o público na que se combinarán presentación de produtos, charlas e degustacións.

Por último, o sábado 19 A Guarda e Caminha organizan diferentes actividades de lecer como peche do I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho.

O encontro é a primeira actividade da marca transfronterizo Río Miño / Rio Minho despois da presentación celebrada no Parador de Tui en abril deste ano, e con ela preténdese viabilizar e modernizar a oferta turística do Miño transfronteirizo e pór en valor os seus recursos.

As inscricións son gratuítas e pódense tramitar a través da páxina www.encontroriominho.eu, onde tamén se pode atopar toda a información actualizada.

Esta actividade está promovida pola Deputación de Pontevedra e o Centro de Estudos Euro Rexionais dentro do proxecto de cooperación transfronteiriza VISIT RIO MINHO, que conta cun 75 % de financiamento FEDER, e do cal tamén forman parte a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, o AECT Río Miño, os concellos de ambas marxes do Miño, Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico do Mar.

O PP do Porriño recorre aos tribunais “ante a actitude antidemocrática” da alcaldesa

O Xulgado Contencioso Administrativo Nº 2 de Pontevedra, vén de admitir a trámite o recurso interposto polos populares do Porriño contra o Concello “por vaciar de contido o pleno extraordinario, convocado para o 26 de agosto a instancia do PP”, no que se instaba á revisión de oficio dos máis de 5 millóns de euros en facturas irregulares que, a día de hoxe, se adeudan a provedores.

Pese ás advertencias do Secretario Municipal durante a sesión de que se estaban a vulnerar os dereitos dos concelleiros e concelleiras do grupo municipal do Partido Popular, a rexedora, co apoio dos concelleiros de PSOE, BNG, EU SON e o concelleiro do grupo mixto Manuel Carrera, impediu que se incluira ningún punto na orde do día alegando que estes non se tiñan dictaminado en comisión informativa.

“A lei de Réxime Local configúralle aos solicitantes do pleno o dereito de participación política que non pode quedar cercenado porque se omitiu un requisito procedemental, é dicir, o pleno ten que celebrarse”, informou o Secretario Municipal, “A Alcaldesa tomou unha decisión e o que lle quero lembrar a todos os corporativos é que o inconveniente formal polo que non se celebra o pleno é a non convocatoria de comisións informativas e esa omisión realizouna a propia Alcaldía. É dicir, xerouse aquí un inconveniente formal, un obstáculo procedemental para non celebrar o pleno, por aquelas mesmas persoas que teñen a obrigación de garantir que se realice”.

Con todo, Eva García de la Torre, deu por celebrada a sesión sen que se tratara ningún dos puntos. “Nós puxemos todos os medios, estamos aquí e entendo que o pleno sí se celebrou”, apuntou, “Como non se dictaminara se dictamina neste momento pola vía de urxencia, entendemos que non hai urxencia nos puntos que se celebra e ese foi o contido do pleno”. A rexedora foi máis alá e adiantou que se ían a “opoñer á celebración dun novo pleno con este mesmo argumento”.

“Actitudes como a que amosan Eva García de la Torre e os concelleiros que a respaldaron demostran que hai quen antepón os intereses políticos, e incluso os seus persoais, aos intereses dos cidadáns aos que se deben como integrantes da corporación local”, apuntou o portavoz dos populares, Alejandro Lorenzo, “Fan gala dun proceder absolutamente antidemocrático, están vulnerando o dereito dos cidadáns a participar nos asuntos públicos por medio dos seus representantes libremente elexidos. Queren evitar render contas ante a veciñanza e non o imos a consentir”.

Segundo o portavoz dos populares porriñeses, a actuación do Goberno Municipal “responde á necesidade de evitar, a toda costa, que se investiguen os máis de 5 millóns de euros de facturación correspondente aos anos 2016, 2017 e 2018 pendente de pago” e, nese sentido, Alejandro Lorenzo sinala que se está a falar de “facturación irregular que non foi fiscalizada”.

O PP do Porriño aseura que agora o goberno leva a pleno “unha modificación orzamentaria por importe de 1.781.923,54 euros cando se deben máis de 5 millóns”, o que ao entender dos populares amosa “a falta total de prelación de pagos do Concello do Porriño ao seleccionarse de forma totalmente arbitraria e inxustificada as facturas a pagar”.

“Solicitamos que se leve a cabo a revisión de oficio e se elabore a correspondente proposta de Crédito Extraordinario e Recoñecemento Extraxudicial para pagar á totalidade dos provedores que prestaron servizos ao Concello, non só aos elexidos e moito menos, hai que decilo con claridade, a quen non se acredite que realizara os traballos”, conclúe Lorenzo.

Ponteareas inicia obras de mellora na Avenida Castelao

A concellería de Vías e Obras, que dirixe Chus Garrote, e a concellería de Mobilidade e Tráfico, que dirixe Roberto Mera, informan que a finais desta semana comezarán as obras de pavimentación e pintado da Avenida Castelao e rotonda do colexio Fermín Bouza Brey. O concello adiantou que realizará “unha labor de supervisión destas obras que executará a Xunta de Galicia para que xenere os menores inconvintes posibles”, prestando especial atención aos accesos aos fogares e locais comerciais para que poidan desenvolver coa maior normalidade posible a súa vida cotidiá.

Dada a densidade de tráfico e tránsito desta avenida, estes traballos de mantemento se realizarán por carrís e por tramos para evitar un corte total da rúa e para permitir o acceso aos veciños e veciñas.

Chus Garrote recomenda que sempre e cando o punto de destino non sexa a propia avenida que se elixan rutas alternativas.

Pola súa banda Roberto Mera valorou melloras a introducir na avenida, como a ampliación do número de pasos de peóns e das prazas para persoas con mobilidade reducida, así como cebreados que melloren a visibilidade en interseccións, pasos de peóns e saídas de aparcamentos, melloras solicitadas á Xunta. A concellaria lembra que as medidas definitivas para esta avenida e o resto da rede viaria se recollerán no futuro plan de mobilidade.

O concello agradece a comprensión da veciñanza e convida a comunicarse coa concellería de Vías e Obras no caso dalgunha incidencia.

Presentación de «Os anxos indecisos» de Manrique Fernández

O próximo sábado, día 5 de outubro, o xornalista, escritor e colaborador habitual de Comarcas na Rede, Manrique Fernández presentará na Sala Multiusos do Auditorio Municipal de Ponteareas o seu novo libro de relatos «Os anxos indecisos», nun acto que comezará ás 20:00 horas e no que o autor estará acompañado polo editor e director xeral de Galaxia, Francisco Castro, e pola tamén escritora Anna R. Figueiredo.

«Os anxos indecisos» é unha colección de sete relatos cos que o autor pretende explorar a relevancia das decisións que tomamos e como afectan ás nosas vidas e ás de outros, así como a incertidume que pode chegar a provocar a dúbida á hora de facerlles fronte a esas decisións.

Os relatos están ambientados en distintos escenarios pero todos eles falan de cuestións de actualidade, como a inmigración, os malos tratos á muller ou á infancia, a precariedade laboral, o papel dos medios de comunicación ou os desafiuzamentos, entre outros.

Ao longo de todo o libro, o autor xoga con distintas voces narrativas para relatar cada historia así como con diferentes estilos cos que darlle variedade ao conxunto.

Manrique Fernández é xornalista e, ademais de narrativa, ten cultivado a poesía, o teatro, a biografía ou o ensaio. Tamén mantén un blog de recensións literarias e colabora co Concello de Ponteareas en diversas iniciativas culturais, sendo coordinador do ciclo «Venres D_letras».

Novo material para a loita contra a vespa velutina para o GES da Guarda

0

O Grupo de Emerxencias Supramunicipal GES da Guarda ven de recibir, por parte de Medio Rural da Xunta de Galicia, novos equipamentos para a loita contra a vespa velutina. O nacionalista Miguel Fernández, encargado da Concellería de Emerxencias, manifestou que “deste xeito renovase o equipamento que do que xa dispoñía o GES da Guarda, garantido a seguridade do persoal, cuns equipos de traballo axeitados e eficaces para este tipo de incidencias”.

O tenente de alcalde da Guarda, Anxo Baz, realizou a entrega do novo material na base do GES da Guarda na Sangriña o pasado martes e adiantou que, tralas xestións feitas nos últimos meses que deron ca adquisición da moto acuática a e deste equipamento, está a espera da renovación do parque móbil cun novo camión de bombeiros, que se fará efectiva nas próximas semanas

Neste senso o GES da Guarda, dende o programa control velutina, a través do 012, leva xestionado aproximadamente un total de 370 incidencias dende o 11/06/2016 ao 11/09/2019.

Ponteareas adxudica as obras de mellora da eficiencia enerxética do Conservatorio

As Concellerías de Ensino e Vías e Obras do Concello de Ponteareas que dirixen a tenente de alcalde Cristina Fernández e Chus Garrote, respectivamente, deron conta da adxudicación das obras de mellora da eficiencia enerxética do Conservatorio Municipal, que serán realizadas por unha empresa local, por 371.370,27€ (IVE incluído) a través dun concurso público aberto para garantir a igualdade de oportunidades. Nesta adxudicación o Concello conseguíu un aforro de 19.545,81 € respecto ao valor de licitación.

Cristina Fernández mantivo un encontro coa empresa adxudicataria para establecer os horarios de realización dos traballos co obxectivo de non entorpecer a actividade lectiva e de interrumpir o menos posible ás máis de 200 familias usuarias e ao equipo docente. De feito que este xa era un dos aspectos que se valoraron á hora da adxudicación.

A empresa construtora adiantou que as obras serán realizadas en horario de mañá e se fose preciso tamén nas fins de semana e festivos para que o conservatorio municipal abra as súas portas con normalidade cada tarde de luns a venres.

O proxecto enmárcase dentro da estratexia ‘Ponteareas, hábitat saudable’ que conta co apoio da Unión Europea a través dos fondos de Desenvolvemento Rexional.

Pola súa banda, Chus Garrote, concelleira de Vías e Obras, sinalou que o proxecto “inclúe o cambio completo da cuberta, a substitución de ventanais e luminarias, a insonorización dalgunhas aulas, arranxos e impermeabilización das paredes exteriores, entre outras accións que repercutirán no aforro enerxético, en dar un paso máis na contribución da protección medio ambiental e que suporán ofrecer á comunidade educativa un espazo de maior comodidade e calidade”.

Tomiño recolle máis de 70 kilos na limpeza simultánea de ríos

0

Éxito de participación en Tomiño na colaboración coa limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega ao abeiro do Proxecto Ríos o pasado 29 de setembro, unha xornada pensada para retirar lixo da beira dos ríos, para concienciar á veciñanza e para achegar un gran de area na conservación dos ecosistemas.

Os voluntarios e voluntarias que participaron nesta iniciativa recolleron un total de 70,85 quilos de lixo, a maioría atopado no percorrido dende o punto de encontro na Praza do Seixo ata o río da Pedra, xa que apenas se detectou lixo nos arredores dos ríos do municipio.

Organizada pola Concellería de Medio Ambiente en colaboración da OMIX de Tomiño, nesta ocasión participaron tamén voluntarios e voluntarias do Centro Terapéutico Alborada. Pola súa banda, un ano máis o alumnado do CEP Pedro Caselles tamén formou parte desta iniciativa e percorreu dous días antes, o venres 27 de setembro, as beiras do río Pego para facer unha primeira revisión e recollida do tramo apadriñado por este centro, “aínda que apenas atoparon lixo xa que levan varios anos facendo limpeza nesa zona”.

[su_image_carousel source=”media: 7055,7057,7058,7059″ crop=”16:9″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Equipados con camisetas da iniciativa, auga, luvas, bolsas de recollida e paus con pinchos na punta, os voluntarios e voluntarias partiron da Praza do Seixo cara o río Pedra pasando polo centro de saúde e por camiños de monte. No traxecto atopouse un vertido incontrolado con restos de escombros e obra, voluminosos e varios plásticos enterrados que se procederon a situar e fotografar para interpoñer a correspondente denuncia.

Neste percorrido tamén se atoparon colillas, todo tipo de envases e bolsas plásticas, caixas de tabaco, vidro, algún elemento de coche, faros, escobillas, canaletas e mesmo un capacho vello, entre outras cousas.

Por contra, xa no río, as persoas participantes na iniciativa percorreron ambas marxes sen atopar apenas lixo, salvo pequenos envoltorios de plástico e papel, restos de confeti, un trozo de tubo e unha roda, un elemento que orixinariamente era empregado como columpio na zona e que estaba tirada no medio do río.

En total recolléronse 9 quilos de lixo arredor do río e 61,75 quilos durante o percorrido. A actividade rematou coa exposición recollida durante a actividade no Biomercado celebrado na Praza do Seixo.

Dende a Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Ana Belén Casaleiro, quérese agradecer a participación de todas e todos os voluntarios, que se afanaron en deixar o tramo recorrido sen rastro de lixo nunha actividade que serve para concienciar a toda a cidadanía da importancia do coidado do medio ambiente, de mantelo limpo e de facelo sostible.

Tui remata o programa de maiores «Mareas de Coñecemento»

0

Esta semana rematou o programa de maiores «Mareas de coñecemento» impartido na cidade de Tui froito da colaboración entre o Concello tudense e a Universidade de Vigo. As persoas participantes valoraron positivamente esta actividade na que se combinou a teoría e a práctica. Así puideron coñecer un pouco máis sobre a historia de Tui e realizar un percorrido polo conxunto histórico, tamén tiveron a oportunidade a aprender sobre hábitos saudables e realizaron a senda do Lagartón.

A parte final do programa estivo dedicada ás novas tecnoloxías centrándose no uso e configuración de teléfonos móbiles, e no manexo de aplicacións coma o whatsapp, facebook, calendarios de vacinacións, ou de contaxe de pasos.

[su_image_carousel source=”media: 7049,7050,7051″ crop=”16:9″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e a concelleira de Formación e Emprego, Ana Mª Núñez, asistiron o luns á clausura desta programa. Alí as persoas asistentes lles transmitiron o positivo da actividade realizada, ao tempo que demandaron outras iniciativas destas características, que amais de ampliar os seus coñecementos, lles permiten tamén sociabilizar e adquirir novas experiencias.

Zona Franca e Asociación Down Vigo, asinan un convenio de colaboración

Para favorecer os principios de responsabilidade social relativos á plena integración das persoas con capacidades diversas, esta mañá e coa presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero, o delegado do Estado para a Zona Franca, David Regades e o presidente da Asociación Down Vigo, José Manuel García Orois asinaron un convenio que, por catro anos, regula as prácticas profesionais en Zona Franca das persoas pertencentes á devandita asociación e senta, ademais, as bases para futuros acordos.

Como manifestou José Manuel García Orois, presidente de Down “a sinatura deste convenio é unha vella aspiración da nosa asociación”. Para resaltar a importancia do convenio Orois dixo que “estas prácticas serán un magnífico complemento aos nosos programas de formación para a súa integración no mundo laboral e social”

Pola súa banda, David Regades expuxo que este é o primeiro convenio aprobado polo ministerio de Facenda que define o marco de colaboración entre ambas as institucións e que polo seu carácter plurianual achega toda a seguridade xurídica a esta acción que en Zona Franca realízase “a favor do exercicio real de dereitos por parte das persoas con discapacidade en igualdade de condicións respecto do resto de cidadáns e cidadás”

“Non foi fácil chegar ata aquí, pero esta firma pon de manifesto que cando se quere, pódese” dixo Regades quen ademais manifestou que “a chegada destes bolseiros supoñerá unha experiencia enriquecedora tanto para eles como para os empregados públicos xa que compartirán vivencias que contribuirán a un enriquecemento persoal mutuo”. O delegado tamén fixo alusión ás conversacións que xa están a levar a cabo Zona Franca e Down Vigo para realizar o mellor proxecto de rehabilitación para o edificio que se vai a facer no Casco Lanuxe.

Abel Caballero aproveitou para felicitar á directiva presente no acto de firma polo traballo que realizan desde Down Vigo “unha asociación que se esforza por integrar a diversidade na sociedade “vós sodes os que nos estades marcando o camiño e a sociedade o que ten que facer é, sinxelamente, seguirvos”.

Tal e como se afirma neste convenio, que terá unha vixencia de catro anos prorrogables, a Administración ten un papel fundamental no ámbito da Responsabilidade Social Corporativa como impulsora de condutas empresariais e cidadás responsables consideradas pola Unión Europea como un elemento estratéxico clave para afrontar os retos do novo milenio.

O Rosal adhírese ao «Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía»

0

O Concello do Rosal vén de anunciar a súa adhesión ao «Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía», unha iniciativa da Comisión Europea, aberta a todas as cidades e municipios de Europa, que busca involucrar ás autoridades locais e aos cidadáns no desenvolvemento e a aplicación da política enerxética da Unión Europea.

O Pacto dos Alcaldes consiste no compromiso das cidades asinantes de “ir máis alá dos obxectivos adoptados para o ano 2020 pola UE para reducir as emisións de CO2 a través de medidas de eficiencia enerxética, de accións relacionadas coa promoción das enerxías renovables e da mobilidade urbana sostible”.

Sectores como os municipais, residenciais e terciarios e o transporte considéranse sectores clave para a mitigación. As autoridades locais, di explica a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, “deberán concentrar os seus esforzos en reducir a demanda de enerxía nos seus territorios e adaptar a demanda enerxética á oferta promovendo a utilización de recursos enerxéticos locais”.

As mochilas vibratorias de Nigrán estarán en Vigo e Nigrán

0

O Concello de Nigrán prestará esta fin de semana as súas cinco mochilas vibratorias para sendos festivais musicais en Vigo e Gondomar co obxectivo de que as persoas xordas poidan ‘sentir’ os concertos de ‘Cantares por el Camino’ en Villa Solita o sábado e de ‘Unha banda con raís’ na Praza da Paradela o domingo. Trátase do terceiro e cuarto préstamo respectivamente que se fai dende o Concello de Nigrán, xa que antes se cederan para o Festival da Ameixa de Campelo con Coti e para as Festas da Peregrina en Pontevedra con Rozalén.

O Concello de Nigrán, único en Galicia en contar con esta tecnoloxía que en España só dispón tamén o Ayuntamiento de Madrid, estreou os dispositivos en agosto con gran éxito ao realizar só no seus festivais 37 préstamos (17 en ChandeFolk e 20 no Rock in Patos).

Nesta ocasión poderanse beneficiar das mochilas as persoas xordas que asistan aos concertos en Vigo de Troka Jazz Quartet, Sheila Patricia, Los Marcianos, Ari Magritte, Tatum, Epoje, Walter César López, Nós Grupo, Solo Molson, Antonio Tato, Ritmoceronte e Tincho Fernán en ‘Cantares por el camino’; e da Banda Agrupación Musical de Vincios e Cantares do Brion no concerto inédito en Gondomar bautizado como ‘Unha banda con raís’.

Nigrán é Madrid son os únicos concellos de toda España que contan con esta tecnoloxía que fai accesibles os espectáculos musicais ás persoas xordas

Esta novidosa tecnoloxía que transforma o son en vibracións estreouse en España nas derradeiras actividades de Nadal do Ayuntamiento de Madrid e Nigrán é o segundo municipio do país en adquirilas para uso público e gratuíto. A adquisición, cun investimento de 6.000 euros, forma parte do programa de goberno municipal ‘Un Nigrán para todos’ co que se traballa para eliminar as barreiras físicas e sensoriais na localidade.

“A demanda para o seu uso no ChandeFolk e no Rock in Patos incluso superou as nosas previsións, xa que se achegaron persoas xordas de tódolos puntos de Galicia para poder probalas; foi un dos momentos máis emocionantes como rexedor poder ver a estas persoas bailar e vibrar ao son da música”, sinala o alcalde, Juan González, quen se amosa encantado de cedelas puntualmente “pero sempre baixo un protocolo que garanta o seu uso e mantemento correcto”.

“Antes de mercalas moitos concellos queren probalas e estamos a recibir moitas peticións, así que encantados de promover dende Nigrán que invistan nesta tecnoloxía inclusiva que, de seguro, acabará de ser de emprego habitual nos festivais”, recoñece.

As diferentes vibracións que transmite esta tecnoloxía de orixe francés e creación recente son transformadas grazas aos audios que reciben dende un equipo de son que conta cun transmisor UHF.

Ademais, as persoas xordas que teñen próteses auditivas (implante coclear e/o audífono) non só sentirán as vibracións, se non que tamén poderán escoitar con maior nitidez os sons ou a música a través dun lazo inductivo. As mochilas poden ir cargadas á espalda ou no peito e permiten que o usuario se poida desplazar libremente polo recinto ao ser completamente inalámbricas.

As mochilas estarán sempre a disposición dos interesados nos eventos organizados dende o Concello de Nigrán nos que a sua presenza facilite a accesibilidade.

Arbo rehabilitará unha das antigas vivendas dos mestres de Cequeliños

0

O Concello de Arbo vén de dar conta da recepción dunha achega de 8.269 € do IGVS, adscrito á Consellería de Infraestruturas e Vivenda, para rehabilitar unha das vivendas de mestres de Cequeliños. O Concello dispón neste momento de dúas vivendas, de antigos mestres, de titularidade municipal situadas na parroquia de Cequeliños e ámbalas dúas precisan de obras de acondicionamento e rehabilitación para ser novamente habitables.

As subvencións concedidas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo están dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para que se destinen a vivendas, en réxime de alugamento, para residencia habitual e permanente de unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, subliñou o feito de que no municipio existen familias ou unidades de convivencia con ingresos inferiores ao que marca a normativa “e que precisarían durante un tempo, mentres no mellore a súa situación laboral e consigan ingresos superiores, dunha vivenda que lles permite reducir os gastos actuais para ter manter unhas condicións dignas en cuanto a alimentación, roupa, etc.”

Do mesmo xeito, o rexedor local salientou a existencia de familias que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade, “polo que con esta rehabilitación poderíase dar resposta a esta demanda”.

Horacio Gil adiantou que as obras de rehabilitación comezaran a primeiros do ano 2020, e que afectan só a unha vivenda, quedando pendente para ese mesmo exercizo a solicitude de nova subvención para o outro inmoble.

O Porriño distribúe 80 novos composteiros individuais

O Concello do Porriño distribuirá, próximamente, un total de oitenta composteiros individuais para vivendas unifamiliares de cara a para estender a compostaxe no municipio. Na mañá de onte, persoal do «Plan Revitaliza» da Deputación Provincial fixo unha acción informativa e de recollida de solicitudes de composteiros, a través dun stand que montou na praza Arquitecto Antonio Palacios en colaboración co Concello.

Sergio Casal, concelleiro de Medio Ambiente compartiu cos mestres composteiros as explicacións ós interesados en coñecer as vantaxes da compostaxe.

O compost converte os restos de comida e vexetais en fertilizante natural. Para compostar é preciso mesturar o lixo orgánico con restos leñosos e secos de podas, serraduras, follas… A transformación pódese realizar en calquera casa ou zona comunitaria mediante un composteiro, sen ningún tipo de mecanismo nin gasto de mantemento. Non esixe máis que o desexo de facelo e, en tempo, uns dez minutos á semana.

O lixo diario que se xera nos fogares contén un 53 % de materia orgánica que pode ser reciclada e retornada á terra en forma de humus para plantas e cultivos. De cada 100 quilos de lixo orgánico obtéñense entre 10 e 15 quilos de compost.

[su_image_carousel source=”media: 7011,7012″ crop=”16:9″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Por outra banda, o Concello do Porriño tamén se acolle a compostaxe coa biotrituración dos restos das campañas de limpeza forestal e desbroce que se están a realizar. A biotrituraciñon realizouse en Cataboi en colaboración co «Plan Revitaliza»

Charla sobre facturación e reclamacións de telefonía móbil na Aula CeMIT de Tomiño

0

A Aula CeMIT de Tomiño acolle o vindeiro luns 7 de outubro unha charla sobre a relación da cidadanía coas empresas que ofrecen os servizos de telefonía e Internet organizada en colaboración coa Escola Galega de Consumo. Con esta actividade, que se celebrará de 12 h a 13.30 h, búscase dar a coñecer a todas as persoas participantes os principais aspectos do consumo de telefonía móbil, unha información que pode axudar a resolver posibles problemas na factura de teléfono móbil.

Ao longo de hora e media, repasaranse os principais conceptos a ter en conta á hora de contratar un novo servizo, a relación coas compañías de telefonía móbil e os diferentes que ofertan, dende o tipo de tarifas ata cuestións como o compromiso de permanencia, a portabilidade ou o roaming. Ademais, afondarase nos principais dereitos que amparan ás persoas usuarias en materia de consumo e analizaranse as vías de reclamación para facelos valer, as cuestións que xeran máis demandas e como facer un uso responsable dende o punto de vista do consumo.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse:

  • Na páxina www.cemit.xunta.gal, para o que é necesario estar rexistrado como usuario da Rede CeMIT.
  • Enviando un correo electrónico con nome completo, data de nacemento, DNI e teléfono a [email protected] ou a través da nosa páxina de Facebook Aula Cemit Tomiño.
  • Chamando ao 986 623 304 ou visitando a aula CeMIT situada no Campo da Feira todas as mañás de 09.15 a 13.45 h e martes e xoves pola tarde de 18.30 a 20.30 h.

Mondariz aposta pola dinamización da lectura con diversas actividades

0

A Biblioteca Pública Municipal «Xoán Xosé Pérez Labaca» de Mondariz acolle estas semanas varias actividades de dinamización da lectura, encadradas dentro do programa «Ler Conta Moito 2019» da Xunta de Galicia.

As actividades comezaban xa o mares 1 de outubro co espectáculo narrativo «Somos iguais. Contos pola igualdade» que Raquel Queixás ofreceu a un público formado polo estudantado de educación infantil e primaria.

Maña xoves, 3 de outubro, visitará a biblioteca Lorena Pinheiro, autora de «Seica», un faladoiro dirixido ao alumnado de educación secundaria e persoas usuarias do Centro de Día.

A tarde do sábado, 5 de outubro, a biblioteca organizará outra actividade lúdica orientada a rapaces e rapazas de entre 9 e 16 anos: «Escape room. Atrapados en Alicia». Os participantes estarán recluídos nun espazo decorado con temas do famoso libro «Alicia no país das marabillas» e terán que resolver enigmas para poder saír e volver ao mundo real.

Aínda que esta é unha actividade gratuíta e aberta a todas as persoas interesadas, require inscrición previa porque as prazas son limitadas. Para anotarse, hai que contactar coa Biblioteca Pública Municipal de Mondariz antes do 3 de outubro a través de teléfono (986 664 333) ou correo electrónico ([email protected]).

Os eventos do programa «Ler Conta Moito 2019» continuarán a próxima semana, con actividades programadas para o 8 e o 11 de outubro. O martes da próxima semana, Anxo Fariña presentará o seu espectáculo narrativo «A cidade violeta» ante nenos e nenas de educación primaria. O venres, Os Quinquilláns representarán a obra «A pluma viva de Rosalía» a partir das 21:00 horas, con entrada libre até completar aforo.

Estas actividades súmanse a outras xa realizadas no marco deste programa durante os meses de verán, como a actuación do músico Paco Pakolas durante a festa de inchables do 1 de setembro, co seu espectáculo infantil «Contos, cores e rock’n’roll».

Tui abre o «Mes da Biblioteca» coa presentación dun libro de Óscar Pazos

0

Este xoves, 3 de outubro, ás 20 h na ‘Sala Félix Rodríguez’ da Área Panorámica terá lugar a presentación do libro «A invención da Gallaecia e a minaría do ouro. Unha tese sobre as orixes de Galicia» de Óscar Pazos Rodríguez. Con esta presentación ábrense as actividades de animación á lectura organizadas pola Biblioteca Pública Municipal de Tui co gallo do Día da Biblioteca que se celebra o xoves 24 de outubro. O programa celebrarase baixo o título de «Mes da Biblioteca».

O xeólogo vigués Óscar Pazos comezou en 2013 a investigar as pegadas da minaría galaico-romana na zona do Baixo Miño coma parte da investigación xeo–arqueolóxica da senlleira cavada do Rego da Serpe, nas illas Cíes. No seu estudo atopou unha chea de minas, indicios e pegadas mineiras descoñecidas ou sen documentar, e moi mal interpretadas, un feito que o levou a escribir este libro. No mesmo recolle e sintetiza os principais achados e conclusións destes anos de traballo.

O autor segue a pescudar nas minas antigas e nas consecuencias históricas do gran ciclo mineiro do ouro, amais de contribuír á divulgación e coñecemento deste patrimonio xeo-arqueolóxico en andainas polas minas, en charlas e conferencias ou en congresos especializados.

O libro «A invención da Gallaecia e a minaría do ouro. Unha tese sobre as orixes de Galicia», que se presenta este xoves en Tui, permite comprender como Galicia se converteu na gran mina de ouro do Imperio Romano e a importancia que tivo este feito para a nosa historia e paisaxe.

A Policía Local do Porriño captura ao presunto autor dun roubo nunha empresa

Axentes da Policía Local do Porriño detiveron a J.F.F.R. de 30 anos de idade, pola presunta comisión dun delito contra o patrimonio, acusado de roubar nunha empresa da vila, a plena luz do día. Os feitos ocorrreron onte domingo. A Policía Local porriñesa recibiu a alerta de que un mozo rachara un cristal dunha fiestra para acceder a unha empresa ubicada no casco urbano.

Coa descripción facilitada, a Policía Local dispuxo un operativo para cercar o presunto autor que fuxía polas vías do tren, sentido Vigo.

En vinte minutos os axentes da Policía Local localizaron a capturaron ao individuo que resultou ser un delincuente reincidente con antecedentes policiais e penais por feitos similares.

Dende a Concellería de Seguridade que dirixe Lourdes Moure subliñase “a importancia da colaboración cidadadá para atallar e esclarecer este tipo de feitos delictivos facilitando o traballo da Policía Local do Porriño” e lebra a concelleira que o teléfono directo para comunicar coa Policía Local do Porriño é 620 404 040.

Redondela vive o Día das Persoas de Idade cunha xornada interxeracional

0

Máis de 200 persoas, novas e maiores, participaron nunha xornada interxeracional coa que a Concellería da Terceira Idade do Concello de Redondela que xestiona a alcaldesa, Digna Rivas, quería conmemorar o Día Internacional das Persoas de Idade que se celebra hoxe, día 1 de outubro.

As inestables condicións meteorolóxicas obrigaron a que a actividade, que nun principio estaba programada para desenvolverse na Alameda Castelao, fora trasladada ao Pavillón Municipal de Deportes.

Alí, mocidade e maiores tiveron a oportunidade de asistir ao contacontos A viaxe de Carlota, organizado pola Asociación Afaga para, deseguido, o alumnado de 6º de primaria do CEIP Laredo dar lectura a uns poemas. A xornada remataba cunha actuación musical a cargo de Os Monifates.

A xornada foi cualificada por Digna Rivas como “un moi interesante intercambio de experiencias” e, nese sentido, a alcaldesa de Redondela asegurou que “os nosos maiores teñen moito que ofrecer, moito que ensinar. Teñen unha experiencia acumulada que é imprescindible para o desenvolvemento do municipio e, polo tanto, os nosos maiores teñen que participar activamente na construción desa Redondela de futuro e con futuro que todos e todas queremos”.

Digna Rivas asegurou que esta xornada nace “para ser unha chamada de atención sobre o cambio demográfico que está a sufrir a poboación mundial e a necesidade de que os gobernos desenvolvamos novas políticas e programas que beneficien aos nosos maiores”.

Nesa liña, a recen creada Concellería da Terceira Idade que xestiona a propia Digna Rivas, busca que “a veciñanza de Redondela e das súas parroquias, mantéñase activa” non so como beneficio para eles mesmos, sinala a alcaldesa, senón “para ser o motor dun cambio positivo dentro do propio Concello, ben como asesores, emprendedores ou como mestres para as novas xeracións, xa que teñen unha ampla bagaxe e unha enorme experiencia práctica que compartir”.

Digna Rivas adiantou que, nos vindeiros meses “haberá novidades importantes que irán nesa dirección, a de aproveitar o coñecemento dos nosos maiores como parte imprescindible do desenvolvemento do municipio”.

Salceda xa conta cun Gabinete de Atención Temperá

O gabinete de atención temperá funciona xa en Salceda e As Neves

O Concello de Salceda botou a andar un gabinete de atención temperá para atención á poboación infantil de 0 a 6 anos co obxectivo de dar resposta canto antes ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, para facilitar o desenvolvemento da súa autonomía persoal e a inclusión social.

Nesta semana, a alcaldesa Loli Castiñeira e a Concelleira de Benestar Social, Gela Ledo, visitaron as instalacións que o Concello creou no Centro de Servizos Sociais da Devesa e reuníronse coas profesionais que prestan o servizo, que lles trasladaron a boa marcha do mesmo nestes momentos iniciais en que xa contan con máis de 15 nenos e nenas, e comentáronlles o punto no que se atopan nestes momentos, con entrevistas ás familias para avaliar as necesidades de cada caso.

O gabinete está preparado para atender en torno a 30 nenos e nenas, que deben vir derivados dende o servizo de pediatría

O gabinete está preparado para atender en torno a 30 nenos e nenas, que deben vir derivados dende o servizo de pediatría. Aínda así, lembran que calquera familia pode achegarse a pedir información, e aproveitaron para anunciar a próxima celebración dunha xornada de portas abertas o vindeiro 15 de outubro para que toda a veciñanza poida coñecer o servizo de primeira man.

O gabinete conta cun equipo especializado formado por tres integrantes dos campos da psicoloxía, logopedia e fisioterapia, e atende tres días da semana en Salceda e dous nas Neves. O servizo está financiado nun 80% pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, para o que concedeu unha partida de 15.603,17 € que o equipo de goberno solicitara na anterior lexislatura e que agora bota a andar a través da Concellaría de Benestar Social.

O Concello de Salceda de Caselas amplía así a súa carteira de servizos á infancia. O Gabinete de atención temperá únese ao servizo de pedagoxía e logopedia co que xa conta o Concello dende fai unha década, e que o converte nun dos poucos Concellos de Galicia que ofreza estes dous servizos.

Tanto o gabinete de atención temperá como o servizo de logopedia existente ata o de agora, traballan en contacto constante cos equipos de orientación dos diferentes centros escolares de Salceda, así como coa pediatra do centro de saúde, garantindo así a cobertura á maior cantidade de nenos e nenas posible, e analizando as diferentes necesidades de cada quen dende os diferentes sectores.

II Carreira Internacional de Orientación da Eurocidade Tui-Valença

0

O Club Aromon de Pontevedra, en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença, dentro da VIII Liga Aromon Chema Sport, organizará a II Carreira Internacional de Orientación da Eurocidade. Celebrarase o domingo 13 de outubro.

O evento contará con dúas probas: unha de mañá en Valença, con inicio ás 10.30 horas españolas, que percorrerá a pé as rúas do interior das murallas de Valença, e pola tarde, ás 16.30 horas, polo conxunto histórico de Tui, tendo os interesados a posibilidade de participar nas dúas probas.

As inscricións están xa abertas ata o xoves, 10 de outubro, ás 22.00 horas españolas, a través da web www.aromon.es/inscripciones/eurocidade2019, nas categorías iniciación nenos/as, iniciación adultos e avanzado.

«Elas pintan moito» de Migallas Teatro, na Guarda

0

O sábado día 5 de outubro o Salón de Actos do Centro Cultural da Guarda acolle ás 11:30 h a actividade “Elas pintan moito”, unha sesión de contos para público familiar baseada na obra de diferentes pintoras e nos elementos que as inspiraron.

Nesta actividade, enmarcada no Programa Ler conta moito 2019 de Igualdade e Violencia de Xénero e organizada pola Biblioteca Pública Municipal en colaboración co CIM Centro de Información á Muller, abórdase a cuestión da igualdade entre homes e mulleres en todos os ámbitos da vida, desde o máis cotiá ata o da creación artística.

Durante a sesión, as nenas e nenos, alén de coñecer as principais obras destas pintoras, descubrirán facetas da súa vida persoal que as converteron en modelos de independencia fronte aos prexuízos machistas da sociedade que as rodeaba.

Tamén se anima a desenvolver as capacidades creativas das nenas e nenos sen ningún tipo de traba e de ideas preconcibidas.

O obxectivo é a dinamización da lectura que promova a igualdade entre homes e mulleres e a prevención da violencia de xénero.

O Rosal promoverá unha plataforma en defensa da sanidade pública

0

A alcaldía do Rosal levará ao Pleno ordinario do vindeiro xoves día 3 de outubro, que se celebrará ás 20:30 h, a proposta de convocar ao asociacionismo, partidos políticos e sindicatos, persoal sanitario, e veciñanza en xeral do Rosal, “co fin de crear unha Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, que teña como obxectivos denunciar as carencias de atención primaria e reivindicar os servizos sanitarios que nos corresponden”.

Cómpre lembrar que por primeira vez no municipio convocouse este verán, por parte da alcaldía do Rosal, unha ‘Concentración en defensa da Sanidade Pública’ “que tivo unha resposta histórica  de asistencia por parte da veciñanza”, lembra o Concello.

Os motivos, tal e como explica o Concello, máis que xustificados se se ten en conta que O Rosal “vén sufrindo nos últimos anos un deterioro progresivo dos servizos sanitarios da atención primaria. De feito, tal e como explica o consistorio rosaleiro, o Sergas “non está cubrindo as vacacións nin as baixas do persoal, o que fai que durante os meses de verán ou cando hai unha baixa médica soamente dous médicos atenden a toda a poboación”.

A situación denunciada polo Concello do Rosal afecta dun xeito especial ao Centro de Saúde de San Miguel de Tabagón, “que permaneceu pechado durante os meses de xullo e agosto deste ano por esa razón. A precarización trasládase a todo o persoal sanitario”.

Os veciños e veciñas do Rosal que teñen que desprazarse en ambulancias aos hospitais de Vigo para recibir tratamentos periódicos, como é o caso dos pacientes que acoden ao servizo de hemodiálise, deben soportar unhas viaxes cuns percorridos que os levan a precisar ata nove horas para recibir un tratamento que dura soamente catro.

Por outra parte, O Rosal non conta coa dotación de persoal sanitario que correspondería tendo en conta o número de usuarios.

Por todos estes motivos, no pasado mes de xuño, recen chegado ao concello o novo goberno saído das eleccións municipais de maio, “solicitouse unha reunión co Conselleiro de Sanidade por parte desta alcaldía da que esperamos resposta”, sinala a alcaldesa Ánxela Fernández Callís.

Posteriormente, mantívose unha reunión con todos os alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño e por parte dos cinco solicitouse ter unha reunión co Conselleiro. “Tamén seguimos esperando unha resposta”, apunta o Concello do Rosal.

Aberto o prazo das axudas para alugamento de vivendas

0

O Departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda informa que está aberto o prazo para solicitar as Axudas ao alugamento de vivendas plan estatal 2018-2021. O prazo para a presentación das solicitudes rematará o día 11 outubro 2019.

Para máis información e tramitación da axuda, poden dirixirse ó Departamento de Servizos Sociais do Concello da Guarda. O horario de atención é de 9:00 a 13:00h, os luns, mércores e xoves.

Nigrán aproba, por unanimidade, a modificación das Normas Susidiarias

0

O Concello de Nigrán, a través de dúas mocións do goberno, deu luz verde por unanimidade no pleno ordinario de hoxe e tras décadas sen actualizar á modificación das normas subsidiarias do planeamento (vixentes dende 1991) e do inventario de viais públicos (vixente dende 1999), cuestións ambas que facilitarán a tramitación urbanística aos veciños e que porán fin a moitas incorrecións entre a norma escrita e a realidade. Ambos asuntos son considerados polo goberno local como de “máximo interese” para os veciños.

Así, a través da proposta do goberno, aprobouse provisionalmente a modificación puntual número 25 das Normas Subsidiarias que rexen o planeamento de Nigrán dende 1991 (hai un ano, despois de que nun primeiro intento a oposición o rexeitase, votouse por maioría absoluta a aprobación inicial que permitiu sometelas a exposición pública e período de alegacións por dous meses).

Esta cuestión será o último trámite dende o Concello antes de que o aprobe definitivamente a Xunta, que será cando se lles abra un novo horizonte a moitos propietarios de vivendas anteriores a 1975 (consecuentemente sen licencia de ocupación) que desexan rehabilitala e que ata agora non podían, motivo polo que incluso entidades veciñais como ‘A Irmandade de Priegue’, ‘Monteferro de Panxón’, ‘A Camoesa’ de Camos, ‘A Unión de San Pedro’ ou ‘O Castro’ de Chandebrito incidisen na importancia de levar a cabo este cambio.

No substantivo, o corpo das NNSS mantívose vixente en Nigrán ao longo de case 30 anos e, polo tanto, ao marxe da constante evolución do marco normativo, identificando os técnicos municipais disfuncións que dificultan obxectivos como a rexeneración e renovación urbana ou rehabilitación e eficiencia enerxética. Así, esta modificación rebaixa as restricións en aspectos como ampliacións ata un 50% en núcleos rurais, reduce os retranqueos, relaxa as condicións estéticas ou dá maior flexibilidade na mellora e ampliación de camiños por onde non poden acceder actualmente nin os vehículos de emerxencia sanitaria.

Inventario vias públicas

Paralelamente, aprobouse tamén por unanimidade a moción do goberno para aprobar o novo inventario de vías públicas realizado por técnicos municipais, que non era actualizado dende maio de 1999 (tan só se fixo un traslado a soporte informático en 2012) e centos de viais non figuran nel, dando lugar a moitos conflitos urbanísticos para asuntos como obter unha licencia, servizos públicos… Unha vez que se publique no BOP contará cun periodo de exposición pública de 2 meses. “Dende a oposición pediron ampliar este prazo de un mes a dous e non temos ningún inconvinte, queremos o mellor documento posible para Nigrán”, sinala o alcalde, quen inicia este mércores en Priegue unha rolda de reunións cos veciños de cada parroquia.

Algunhas das incorporacións esenciais e que ata o de agora non se contemplaban no inventario son a propia autoestrada AG-57, o Polígono de Porto do Molle, o SAU1 de Monteferro, o SAU3 de Area Alta-Panxón, o SAU4 de Castelao/ Telleiras ou o SAU7 de Rans. Outros son vellos camiños que nunca chegaron a ser inventariados como públicos. “Moitas destas novas rúas que se engadirán ao rueiro municipal xa teñen incluso a placa co nome dende hai anos, pero hai decenas delas que non e, neste caso, os estudos de microtoponimia que levamos contratados nestes anos permitiron “bautizalos” do xeito correcto, tal e como o coñecen dende antano os parroquianos”, aclara o alcalde.

Modificación de crédito

O goberno de Nigrán aprobou unha modificación de crédito por importe de 284.900 € para , entre outras cousas, cumplir co servizo de axuda no fogar, xa que para cubrir a tódolos usuarios era preciso incorporar 110.000 € a esta partida; asimesmo, a Xunta incrementou este ano o convenio da cofinanciación da Galiña Azul en 32.000 € máis que foi preciso engadir.

Emerxencias

Finalmente, e tamén a proposta do goberno, aprobouse por unanimidade a declaración do estado de emerxencia climática que busca reducir os gases de efecto invernadeiro e a situación de #emerxenciafeminista promovida por diferentes organizacións de mulleres en todo o país.

Modificación de crédito

Finalmente, o goberno aprobou unha modificación de crédito por importe de 284.900 € para, fundamentalmente, implementar o servizo de axuda no fogar (110.000 €) e para cumpir co convenio da Galiña Azul que a Xunta aumentou este ano 32.000 €.

Os traballadores de Vulcano que «peregrinan» a Santiago fan un alto en Redondela

0

Os traballadores do estaleiro vigués de Vulcano que hoxe saían de Vigo para percorrer, en catro etapas o Camiño de Santiago ata a capital Galega e que hoxe faran noite en Redondela, mantiveron ao mediodía unha xuntanza co equipo de Goberno redondelán encabezado pola súa alcaldesa Digna Rivas.

Os traballadores, que chegarán a Santiago o venres logo de facer catro etapas da Ruta Xacobea, explicaron ao executivo local redondelán a súa intención de “conseguir manter unha xuntanza co conselleiro de Industria e que esta faga fronte aos compromisos adquiridos co estaleiro”. Entre os compromisos, explicaron os traballadores en Redondela, estaba o de atopar inversores para que a empresa puidera seguir en funcionamento no caso de chegar á situación de liquidación na que agora está o estaleiro vigués.

Digna Rivas trasladoulle a súa solidariedade e o compromiso do seu Goberno “a apoiar, na medida das nosas posibilidades, aquelas medidas que sirvan manter e reforzar o tecido industrial da comarca e, neste caso concreto, a dar solución ás numerosas familias de toda a comarca que dependen do funcionamento deste emblemático estaleiro”.

A alcaldesa redondelá asegurou facerse eco da voz de todos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno ao asegurar que “Redondela non pode dar as costas aos traballadores e traballadoras na defensa dos seus postos de traballo” e sinalou a importancia que ten o sector naval, “que supón un motor económico non só para Vigo, senón para toda a comarca”.

A Escola de Cantería comeza o novo curso

A Escola de Cantería de Poio iniciou un novo curso académico con importantes novidades. A principal é o incremento da matrícula, que permitiu pasar de 11 a 14 alumnos/as, pero tamén será un ano marcado pola realización de obras na sede da Caeira, así como de traballo administrativo para a homologación dos estudos con dous certificados de profesionalidade por parte da Xunta de Galicia e para a futura creación, a máis longo prazo, de dous ciclos de Formación Profesional de canteiro/a e mestre canteiro/a.

A deputada delegada da Escola, Noemí Outeda, foi a encargada de dala benvida ao alumnado, acompañada dos deputados Gregorio Agís e Ana Laura Iglesias, xunto coa directora do centro Conchita López. Na súa intervención destacou os importantes cambios que se aveciñan: “Estamos a facer en pouco tempo as cousas que non se fixeron en moitos anos”, subliñou antes destacar que hai indicios que permiten ver o futuro do centro con optimismo. A deputada engadiu que, de feito, a matrícula dobrouse, pasando das 4 incorporacións ao primeiro curso do ano pasado a 8 nesta edición.

Noemí Outeda destacou que a Deputación xa remitiu o pasado día 25 a solicitude para o inicio do procedemento de creación dos ciclos de FP diante do Instituto Nacional das Cualificacións (INCUAL). A partir de agora será este órgano estatal interadministrativo, no que tamén están representadas as comunidades autónomas e as organizacións sindicais e empresariais, o que asuma os trámites ata a modificación do Catálogo Nacional de Cualificacións, vía Real Decreto. Nese momento, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación terá que asumir a transferencia da Escola, que pasará a converterse nun centro público de Formación Profesional regrada.

Mentres tanto, a Deputación aposta pola creación de dous certificados de profesionalidade, títulos habilitantes no mercado laboral para os/as alumnos/as que rematen a súa formación. Con vistas a cumprir tódolos requisitos necesarios que esixe a expedición dos certificados, a semana próxima comezan as obras de acondicionamento do edificio, valoradas en 440.000 euros, adaptándoo á normativa en materia de seguridade, accesibilidade e contaminación acústica. Porase fin, deste xeito, á irregularidade urbanística que supoñía que carecese de licenza municipal de actividade.

A deputada congratulouse de que o curso arranca con 14 alumnos/as, dos que 8 comezan os seus estudos, o que supón un avance sobre os 11 en total do ano pasado. Entre eles está Lucía Beltrán, unha coruñesa de 23 anos que está a rematar o seu grao na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e que quere complementar a súa formación dun xeito práctico e envorcado cara a escultura. O alumnado non ten un perfil claro, pois vai dos 17 anos do alumno máis novo ata os 40 do maior. Case todos son galegos agás un mozo madrileño que, tras completar o Bacharelato, optou por vir a formarse á Escola de Cantería e un mexicano, que tamén elixiu este centro.

Noemí Outeda destacou que trátase dun centro “único no mundo” e que este ano afronta un curso moi especial, pois cumpre 40 anos dende a súa creación. A deputada indicou que a Escola de Cantería vai dando pasos adiante e lembrou que o alumnado que pasou por estas instalacións goza dun prestixio recoñecido, pois xa participou en traballos de restauración no Capitolio de Washington, na Sagrada Familia de Barcelona ou na catedral de Westminster de Londres, entre outros.

A Escola de Cantería naceu no mosteiro de Poio para dar saída á formación nun oficio tradicional galego e foi asumida pola Deputación de Pontevedra hai 33 anos. Dende o ano 2000 conta con instalacións propias en Poio e agora, acabando co desleixo de moito tempo, dá un novo salto de calidade coa adaptación do edificio á normativa vixente e coa homologación progresiva dos estudos nos eidos laboral e educativo.

Mondariz prepárase para unha nova edición de «Outono en Son»

0

O festival de música coral «Outono en Son» regresa este primeiro fin de semana de outubro a Mondariz para mostrar, por terceiro ano consecutivo, o rexuvenecemento e a orixinalidade deste xénero. A terceira edición do evento, promovido polo coro galego Mistura Vocal, conta coa colaboración do Concello de Mondariz.

Os concertos están programados para o sábado, 5 de outubro ás 20 horas na Praza de Abastos, un espazo pouco habitual para actividades culturais pero que xa demostrou a súa idoneidade acústica e ambiental no pasado. A entrada será libre até completar aforo. 

Outono en Son 2019 contará cunha selección de coros galegos e portugueses que se sitúan á vangarda da música coral e acreditan un gran palmarés neste eido. Por primeira vez, o festival recibe convidados doutros países e asume certo carácter internacional. A participación de coros portugueses, ademais, pon de relevancia a tradicional irmandade galego-portuguesa no eido do intercambio cultural.

Abrirá o festival o coro anfitrión Mistura Vocal, que se atopa preparando a súa participación no concurso Gran Premio Nacional de Canto Coral, previsto para o mes de abril en Ejea de los Caballeros (Zaragoza), despois de gañar o concurso nacional de coros de San Vicente de la Barquera (Cádiz).

Mistura Vocal está formado por cantores de toda a zona sur da provincia de Pontevedra e destaca por ter un variado repertorio musical. Baixo a dirección de Aloia Martínez, interpretarán obras corais que van dende o Romanticismo ata a actualidade, sen esquecer a música dos autores galegos contemporáneos.

Continuará o Coro de Câmara de Barcelos, un conxunto vocal relativamente xove que está gañando unha notable relevancia. Os seus 12 integrantes interpretarán un variado repertorio de música contemporánea, principalmente, no que as obras de autores portugueses terán especial protagonismo.

Pechará o festival o coro Coura Voce, unha formación feminina de 30 integrantes que xurdiu dunha colaboración entre a Câmara Municipal de Paredes de Coura e o Conservatório Regional do Alto Minho e traballa na valoración e divulgación da música vocal. Malia a curta idade das cantoras, este coro presenta moi variados e complexos repertorios. Nesta ocasión, afondarán na polifonía contemporánea e no folclore baixo a dirección de Vítor Lima.

Estes tres coros, tal e como vén sendo habitual nos seus concertos, tratarán de aportar a máxima calidade ás súas interpretacións. O carácter profano da Praza de Abastos, unido á coidada iluminación do interior deste histórico espazo comercial despois da súa restauración, permitirá unha maior conexión popular con este tipo de música.

A Ludoteca Municipal de Ponteareas comeza as súas actividades

A ludoteca municipal de Ponteareas, dependente da concellería de Benestar Social que dirixe Verónica Carrera, vén de poñer en coñecemento de todos os interesados e interesadas que o mates, 1 de outubro, comeza a actividade abrindo as súas portas de 16 h a 20 horas de luns a venres.

A ludoteca municipal arranca o curso con dous grupos, un de 6 a 8 anos e outro de 9 a 12 anos. As familias interesadas poderán inscribirse e obter información no número de teléfono 673 794 760.

Verónica Carrera anima a todas as familias a participar nas actividades lúdico didácticas deste servizo “que contribúe a facilitar a concialiación familiar e laboral”.

Xogos cooperativos, manualidades, recuperación vivencial de tradicións, obradoiros de ecoloxía, saídas medioambientais ou obradoiros específicos como o de fabricación de candeas, coiro, bixutería e defensa persoal son algunhas das propostas entre moitas das propostas coas que medrar aprendendo da man da ludoteca municipal que ofrece a ludoteca municipal para espertar a curiosidade e adquirir bos hábitos de vida.

Ponteareas acollerá en outubro seis nova accións do «Smartpeme»

A Deputación de Pontevedra programou para este mes de outubro seis novas accións formativas do programa «Smartpeme» que comezan mañá en Ponteareas. Estas sesións están dirixidas á adaptación das empresas e proxectos emprendedores da provincia ao novo escenario dixital no que desenvolver as súas actividades e aproveitar as ferramentas existentes, co obxectivo de aumentar a súa competitividade.

Deste xeito, «SmartPeme» oferta ás persoas emprendedoras e pemes da provincia unha serie de servizos de información, análise, asesoramento, capacitación, demostración, acompañamento e titorización no ámbito das TIC, sempre da man dos propios implicados e implicadas e coa colaboración das asociacións de empresarios e empresarias e de mozos e mozas autónomas

Así, os cursos que se impartirán dende o 1 ata o 30 de outubro serán os seguintes: Woocommerce: A solución que buscabas para vender por Internet, que se desenvolverá o 1 de outubro entre as 18 e as 21 horas; Mellora a túa páxina web e posiciónaa en buscadores, que será o martes 8 de outubro de 19 a 21 horas; O teu contido efémero: Stories en Facebook e Instagram, cuxa realización será entre as 19 e as 21 horas do xoves 17 de outubro; Emprego de vídeo nas redes sociais: Youtube, que se desenvolverá o martes 22 de outubro de 19 a 21 horas; Copywriting para a promoción de tours, experiencias e actividades, o martes 29 de outubro de 17 a 19 horas; e, por último, Vídeo co teu smartphone: Crea, grava e edita como un profesional, que se impartirá o mércores 30 de outubro entre as 18 e as 21 horas.

A totalidade destes obradoiros será impartida no Centro de Desenvolvemento Local (Lomba do Cruceiro 5, Ribadetea, Ponteareas). As inscricións para tomar parte nas accións formativas pódense facer no número de teléfono 886 20 20 20, no correo electrónico [email protected] ou na páxina web www.smartpeme.depo.gal. Ademais, o programa formativo SmartPeme estrea Twitter (@smartpeme) e Facebook (SmartPeme).

Exposición do Censo Electoral da Guarda

0

Entre os días 30 de setembro e 7 de outubro, ambos inclusive, poderán consultarse na oficina do padrón municipal as listas do Censo Electoral que se utilizaran nas Eleccións Xerais do vindeiro 10 de novembro.

O horario de consulta será entre as 9:00 horas e as 14:00 horas, de luns a venres, consulta que deberá facerse de xeito individual, previa identificación da persoa (mediante D.N.I., pasaporte ou permiso de conducir).

É conveniente que aquelas persoas que houberan cambiado de domicilio, ou que cumpriran 18 anos recentemente comproben a súa correcta inscrición no censo.

A web de Turismo Rías Baixas incrementa un 11 % as súas visitas

A páxina web de Turismo Rías Baixas incrementou un 11 % as súas visitas desde principios de ano e en agosto bateu o seu récord histórico de usuarias e usuarios mensuais con 41.200 persoas seguindo puntualmente a información sobre a completa oferta turística do destino.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou esta mañá no Pazo provincial os bos resultados do proxecto de actualización da web e destacou o “enorme impacto” logrado polo destino #PontevedraProvincia nos últimos meses na Internet e no conxunto das redes sociais de Turismo Rías Baixas.

O portal conta agora cun deseño claro e intuitivo, adaptado á navegación en todos os dispositivos e con contidos estruturados en base aos eixes do Plan estratéxico de turismo 2017-2020: enogastronomía, natureza, cultura, turismo activo, termalismo, patrimonio, festas e Camiño de Santiago.

Ao 11 % máis de visitas logradas na web de Turismo Rías Baixas súmase un 18,43 % máis de páxinas vistas e un crecemento das usuarias e usuarios novos do 9,16 % desde xaneiro, pasando de 381.284 a 451.573.

Os datos demostran unha mellora do posicionamento en buscadores por parte da provincia de Pontevedra e un maior interese por campañas específicas como #HambredeExperiencias, os Festivais Rías Baixas e o especial sobre as seis rutas xacobeas que atravesan Rías Baixas . Todo este contido novo logrou que aumenten tamén as páxinas consultadas por sesión e que as usuarias e usuarios pasen máis tempo no portal de Turismo Rías Baixas .

A conta oficial de Twitter acaba de alcanzar a simbólica cifra de 25.000 usuarias e usuarios, consolidando o seu liderado entre as deputacións galegas. Nos tres meses de verán lográronse 1,2 millóns de impresións cos tuits publicados desde @turisriasbaixas. En Facebook tamén se rexistrou un notable crecemento e a páxina de Turismo Rías Baixas queda preto tamén das 25.000 persoas.

O Esteiro da Foz, 800 quilos máis limpo

0

O Concello de Nigrán sumouse por quinto ano consecutivo este domingo ao ‘Proxecto Móllate polos Ríos’, coordinado pola asociación ecoloxista Adega e que nesta ocasión se centrou no Esteiro de A Foz, desembocadura do río Miñor, onde se retiraron preto de 800 kg de lixo na ‘XII Limpeza Simultánea’ en toda Galicia.

Nesta ocasión participaron 40 persoas, o grupos de voluntarios máis numeroso ata a data, e entre todos reuniron vinte sacos con trozos de vidro (botellas fundamentalmente), plásticos, materias de pesca, neumáticos…

O Concello de Nigrán participa nesta xornada de concienciación ambiental dende o ano 2015 baixo a iniciativa do goberno local. Dende entón, grazas o labor de voluntarios, téñense retirado do esteiro de A Foz algo máis de dúas tonelada de lixo, principalmente botellas de vidro e material de construción e pesca, pero tamén tixolas, paraugas, cadeiras, xoguetes…

Defendendo o Tea retira preto de media tonelada de lixo do río

Un ano máis, e xa van once, «Defendendo o Tea» quixo facer gala ao seu nome e formou parte activa do Proxecto Ríos de Adega e da súa iniciativa de limpeza simultánea de ríos. Vinte e catro persoas, entre elas sete nenos e nenas, amosaron que con vontade se poden facer grandes cousas e foron quen de retirar entre 450 e 500 quilos de lixo.

Segundo sinala o colectivo, entre lixo retrado había rodas, “tristemente como todos os anos”, unha bañeira, varias potas e tamén como cada ano, miles de toalliñas.

Nese sentido, Defendendo o Tea pide “a concienciación dos veciños e veciñas de que estas toalliñas non se tiren pola taza inodoro porque, literalmente, estannos invadindo”.

Defendendo o Tea quixo agradecer “a todos os voluntarios e voluntarias que fan posible que, un ano máis, o río Tea quede un pouquiño máis limpo” é un agradecemento sincero “pola sua implicación e colaboración e esperamos que cada ano se anime mais xente a colaborar”

Do mesmo xeito querían agradecer, un ano máis, “a implicación do concello de Ponteareas co Proxecto Ríos e con Defendendo o Tea”.

Lembran a todos os veciños e veciñas a “obriga que temos de coidar un espazo incluído na rede Natura 2000 no que podemos atopar especies migratorias como o salmón, o reo e a lamprea a onde aínda se poden ver londras pola sua ribeira. 

Redondela acolle a primeira charla da iniciativa da Deputación «Tempo de Saúde»

0

A Deputación de Pontevedra retoma o programa de conferencias «Tempo de Saúde» que comezará mañá, 1 de outubro, cunha charla no concello de Redondela á que asistirá a deputada provincial de Cohesión Social, Olga García Ballesteros. Esta primeira cita terá lugar ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira e versará sobre os «Trastornos obsesivos e ansiedade». A charla está dirixida a persoas da terceira idade, pacientes, persoas coidadoras e usuarios das entidades de iniciativa social.

«Tempo de saúde» é unha iniciativa consistente en accións formativas sobre saúde, unhas dirixidas ás persoas maiores e outras á xuventude, que chega á provincia de Pontevedra da man da institución provincial e do Colexio Oficial de Médicos. Desenvolverase ata o 30 de decembro en 22 concellos da provincia e nela trataranse distintos temas. As actividades serán impartidas por profesionais da medicina especialistas nas materias das que traten.

En Redondela, o doutor Raúl Vázquez-Noguerol Méndez explicaralles aos e ás maiores que asistan diversas cuestións relativas aos trastornos depresivos e á ansiedade. Ademais, esta charla tamén ten como obxectivo crear un clima de diálogo co público asistente. Preténdese que todas as persoas que asistan ás charlas de «Tempo de Saúde» aprendan o máximo posible sobre os asuntos que se tratan.

Vázquez-Noguerol Méndez, é licenciado en Medicina e Cirurxía, doutor en Medicina, máster en Xerontoloxía Social aplicada e especialista universitario en Psiquiatría Forense entre outros estudos superiores. O doutor, que conta cunha ampla experiencia profesional, combina o seu oficio, con publicacións, proxectos de investigación e coa docencia universitaria.

Ao igual que en Redondela, nas próximas semanas vanse desenvolver outras charlas dirixidas á terceira idade, centradas sobre todo nos trastornos depresivos e ansiedade e no alzhéimer e enfermidades neurodexenerativas. En canto á poboación máis nova, as conferencias centraranse nas enfermidades de transmisión sexual e na nutrición e a saúde.

Todo preparado para a ‘XIV Festa do Tinto das Rías Baixas’

0

O programa da ‘XIV Festa do Tinto das Rías Baixas’, que como cada ano ten As Neves coma escenario, empeza este mesmo xoves, 3 de outubro, e seguirá, con diferentes propostas e actividades, ata o vindeiro día 12. “O obxectivo é xerar ao redor desta festa unha ‘cultura’ dos sabores, tanto dos propios desta cita enolóxica, coma gastronómicos, culturais ou paisaxísticos”, asegura o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez Méndez.

Con esta idea, o vindeiro xoves, terá lugar unha Cata-maridaxe A catro mans, ás 21:30 h, no Restaurante Horta e Viño do Hotel Nande, cos chefs Fran Sotelino e Rui Ribeiro.

O sábado, día 5, ás 16:30 h,dende a Praza do Concello, sairá a ‘Andaina do Tinto Rías Baixas’, que durante dúas horas percorrerá viñedos de As Neves, completado a xornada cun ‘concerto no solpor’ e a degustación de pincho e viño da D.O. Rías Baixas no Hotel Nande.

Ese mesmo día, e ata o venres, 11, desenrolarase a ‘V Ruta dos pinchos do Tinto Rías Baixas’, no que participan os principais locais de restauración de As Neves, ofrecendo pincho e viño a un prezo de 2,5 €.

O sábado 12, chegará o ‘día central’ da cita deste ano, que empezará ás 10:30 h coa apertura da Festa, dará paso ás 13:00 h ao pregón a cargo da actriz e presentadora de televisión Neves Rodríguez, quen abrirá unha xornada na que ademais do protagonismo do viño e da gastronomía, haberá música e actividades pensadas para os máis pequenos.