O Concello de Arbo vén de dar conta da recepción dunha achega de 8.269 € do IGVS, adscrito á Consellería de Infraestruturas e Vivenda, para rehabilitar unha das vivendas de mestres de Cequeliños. O Concello dispón neste momento de dúas vivendas, de antigos mestres, de titularidade municipal situadas na parroquia de Cequeliños e ámbalas dúas precisan de obras de acondicionamento e rehabilitación para ser novamente habitables.
As subvencións concedidas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo están dirixidas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para que se destinen a vivendas, en réxime de alugamento, para residencia habitual e permanente de unidades de convivencia con ingresos inferiores a 2,5 veces o IPREM.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, subliñou o feito de que no municipio existen familias ou unidades de convivencia con ingresos inferiores ao que marca a normativa “e que precisarían durante un tempo, mentres no mellore a súa situación laboral e consigan ingresos superiores, dunha vivenda que lles permite reducir os gastos actuais para ter manter unhas condicións dignas en cuanto a alimentación, roupa, etc.”
Do mesmo xeito, o rexedor local salientou a existencia de familias que se atopan nunha situación de especial vulnerabilidade, “polo que con esta rehabilitación poderíase dar resposta a esta demanda”.
Horacio Gil adiantou que as obras de rehabilitación comezaran a primeiros do ano 2020, e que afectan só a unha vivenda, quedando pendente para ese mesmo exercizo a solicitude de nova subvención para o outro inmoble.