Domingo, 23 Marzo de 2025

O Rosal promoverá unha plataforma en defensa da sanidade pública

A alcaldía do Rosal levará ao Pleno ordinario do vindeiro xoves día 3 de outubro, que se celebrará ás 20:30 h, a proposta de convocar ao asociacionismo, partidos políticos e sindicatos, persoal sanitario, e veciñanza en xeral do Rosal, “co fin de crear unha Plataforma en Defensa da Sanidade Pública, que teña como obxectivos denunciar as carencias de atención primaria e reivindicar os servizos sanitarios que nos corresponden”.

Cómpre lembrar que por primeira vez no municipio convocouse este verán, por parte da alcaldía do Rosal, unha ‘Concentración en defensa da Sanidade Pública’ “que tivo unha resposta histórica  de asistencia por parte da veciñanza”, lembra o Concello.

Os motivos, tal e como explica o Concello, máis que xustificados se se ten en conta que O Rosal “vén sufrindo nos últimos anos un deterioro progresivo dos servizos sanitarios da atención primaria. De feito, tal e como explica o consistorio rosaleiro, o Sergas “non está cubrindo as vacacións nin as baixas do persoal, o que fai que durante os meses de verán ou cando hai unha baixa médica soamente dous médicos atenden a toda a poboación”.

A situación denunciada polo Concello do Rosal afecta dun xeito especial ao Centro de Saúde de San Miguel de Tabagón, “que permaneceu pechado durante os meses de xullo e agosto deste ano por esa razón. A precarización trasládase a todo o persoal sanitario”.

Os veciños e veciñas do Rosal que teñen que desprazarse en ambulancias aos hospitais de Vigo para recibir tratamentos periódicos, como é o caso dos pacientes que acoden ao servizo de hemodiálise, deben soportar unhas viaxes cuns percorridos que os levan a precisar ata nove horas para recibir un tratamento que dura soamente catro.

Por outra parte, O Rosal non conta coa dotación de persoal sanitario que correspondería tendo en conta o número de usuarios.

Por todos estes motivos, no pasado mes de xuño, recen chegado ao concello o novo goberno saído das eleccións municipais de maio, “solicitouse unha reunión co Conselleiro de Sanidade por parte desta alcaldía da que esperamos resposta”, sinala a alcaldesa Ánxela Fernández Callís.

Posteriormente, mantívose unha reunión con todos os alcaldes e alcaldesas do Baixo Miño e por parte dos cinco solicitouse ter unha reunión co Conselleiro. “Tamén seguimos esperando unha resposta”, apunta o Concello do Rosal.