Luns, 9 Decembro de 2024

Ponteareas adxudica as obras de mellora da eficiencia enerxética do Conservatorio

As obras, que contarán cun investimento superior aos 370.000 euros, non prexudicarán o desenvolvento das clases ao realizarse fora dos horarios lectivos

As Concellerías de Ensino e Vías e Obras do Concello de Ponteareas que dirixen a tenente de alcalde Cristina Fernández e Chus Garrote, respectivamente, deron conta da adxudicación das obras de mellora da eficiencia enerxética do Conservatorio Municipal, que serán realizadas por unha empresa local, por 371.370,27€ (IVE incluído) a través dun concurso público aberto para garantir a igualdade de oportunidades. Nesta adxudicación o Concello conseguíu un aforro de 19.545,81 € respecto ao valor de licitación.

Cristina Fernández mantivo un encontro coa empresa adxudicataria para establecer os horarios de realización dos traballos co obxectivo de non entorpecer a actividade lectiva e de interrumpir o menos posible ás máis de 200 familias usuarias e ao equipo docente. De feito que este xa era un dos aspectos que se valoraron á hora da adxudicación.

A empresa construtora adiantou que as obras serán realizadas en horario de mañá e se fose preciso tamén nas fins de semana e festivos para que o conservatorio municipal abra as súas portas con normalidade cada tarde de luns a venres.

O proxecto enmárcase dentro da estratexia ‘Ponteareas, hábitat saudable’ que conta co apoio da Unión Europea a través dos fondos de Desenvolvemento Rexional.

Pola súa banda, Chus Garrote, concelleira de Vías e Obras, sinalou que o proxecto “inclúe o cambio completo da cuberta, a substitución de ventanais e luminarias, a insonorización dalgunhas aulas, arranxos e impermeabilización das paredes exteriores, entre outras accións que repercutirán no aforro enerxético, en dar un paso máis na contribución da protección medio ambiental e que suporán ofrecer á comunidade educativa un espazo de maior comodidade e calidade”.