Domingo, 26 Xaneiro de 2025

A Escola de Cantería comeza o novo curso

O centro, dependente da Deputación de Pontevedra, incrementa o alumnado e xa iniciou os trámites para a creación dos ciclos de FP

A Escola de Cantería de Poio iniciou un novo curso académico con importantes novidades. A principal é o incremento da matrícula, que permitiu pasar de 11 a 14 alumnos/as, pero tamén será un ano marcado pola realización de obras na sede da Caeira, así como de traballo administrativo para a homologación dos estudos con dous certificados de profesionalidade por parte da Xunta de Galicia e para a futura creación, a máis longo prazo, de dous ciclos de Formación Profesional de canteiro/a e mestre canteiro/a.

A deputada delegada da Escola, Noemí Outeda, foi a encargada de dala benvida ao alumnado, acompañada dos deputados Gregorio Agís e Ana Laura Iglesias, xunto coa directora do centro Conchita López. Na súa intervención destacou os importantes cambios que se aveciñan: “Estamos a facer en pouco tempo as cousas que non se fixeron en moitos anos”, subliñou antes destacar que hai indicios que permiten ver o futuro do centro con optimismo. A deputada engadiu que, de feito, a matrícula dobrouse, pasando das 4 incorporacións ao primeiro curso do ano pasado a 8 nesta edición.

Noemí Outeda destacou que a Deputación xa remitiu o pasado día 25 a solicitude para o inicio do procedemento de creación dos ciclos de FP diante do Instituto Nacional das Cualificacións (INCUAL). A partir de agora será este órgano estatal interadministrativo, no que tamén están representadas as comunidades autónomas e as organizacións sindicais e empresariais, o que asuma os trámites ata a modificación do Catálogo Nacional de Cualificacións, vía Real Decreto. Nese momento, a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación terá que asumir a transferencia da Escola, que pasará a converterse nun centro público de Formación Profesional regrada.

Mentres tanto, a Deputación aposta pola creación de dous certificados de profesionalidade, títulos habilitantes no mercado laboral para os/as alumnos/as que rematen a súa formación. Con vistas a cumprir tódolos requisitos necesarios que esixe a expedición dos certificados, a semana próxima comezan as obras de acondicionamento do edificio, valoradas en 440.000 euros, adaptándoo á normativa en materia de seguridade, accesibilidade e contaminación acústica. Porase fin, deste xeito, á irregularidade urbanística que supoñía que carecese de licenza municipal de actividade.

A deputada congratulouse de que o curso arranca con 14 alumnos/as, dos que 8 comezan os seus estudos, o que supón un avance sobre os 11 en total do ano pasado. Entre eles está Lucía Beltrán, unha coruñesa de 23 anos que está a rematar o seu grao na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e que quere complementar a súa formación dun xeito práctico e envorcado cara a escultura. O alumnado non ten un perfil claro, pois vai dos 17 anos do alumno máis novo ata os 40 do maior. Case todos son galegos agás un mozo madrileño que, tras completar o Bacharelato, optou por vir a formarse á Escola de Cantería e un mexicano, que tamén elixiu este centro.

Noemí Outeda destacou que trátase dun centro “único no mundo” e que este ano afronta un curso moi especial, pois cumpre 40 anos dende a súa creación. A deputada indicou que a Escola de Cantería vai dando pasos adiante e lembrou que o alumnado que pasou por estas instalacións goza dun prestixio recoñecido, pois xa participou en traballos de restauración no Capitolio de Washington, na Sagrada Familia de Barcelona ou na catedral de Westminster de Londres, entre outros.

A Escola de Cantería naceu no mosteiro de Poio para dar saída á formación nun oficio tradicional galego e foi asumida pola Deputación de Pontevedra hai 33 anos. Dende o ano 2000 conta con instalacións propias en Poio e agora, acabando co desleixo de moito tempo, dá un novo salto de calidade coa adaptación do edificio á normativa vixente e coa homologación progresiva dos estudos nos eidos laboral e educativo.