A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo unha reunión coa alta comisionada para a Axenda 2030, Cristina Gallard, para afondar no grao de implantación dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible nos programas postos en marcha pola institución provincial. Neste eido, Silva presentou os 158 programas postos en marcha para dar cumprimento aos 17 ODS impulsados pola ONU e abordou os retos de futuro para continuar nesta senda.
Carmela Silva deu a coñecer a Gallard que a Deputación de Pontevedra, xunto a Badaxoz e Barcelona, son as tres primeiras deputacións provinciais de España en realizar estudos para afondar no grao de implantación dos ODS nos programas impulsados polos seus gobernos. Para Silva é fundamental “o enfoque local para ser global, abordando directamente as cuestións próximas onde existen problemáticas sinaladas polos ODS e traballando dende o local para transformar o mundo. Estamos construíndo a Pontevedra do futuro”.
Deste xeito, tal e como deu a coñecer a presidenta provincial hoxe en Madrid, a Deputación está a abordar os 17 ODS marcados pola Axenda 2030 alcanzando 31 das metas definidas nos mesmos e para os que puxo xa en marcha 158 programas. O conxunto de programas, plans e proxectos postos en marcha pola Deputación, xunto coas alianzas establecidas con outras entidades públicas e privadas, alcanza un impacto global medio do 91%.
“
Cristina Gallard valorou moi positivamente os esforzos realizados pola Deputación e comprometeuse a vir ata Pontevedra a coñecer os programas que está a desenvolver
Máis polo miúdo, Silva presentou as iniciativas postas en marcha en cada un dos 17 ODS. En cinco deles (6 auga limpa e saneamento; 7 enerxía accesible e non contaminante; 14 vida submarina; 16 paz, xustiza e institucións sólidas; e 17 de alianzas para lograr os obxectivos) o grao de implantación é do 100%, en 2 deles supera o 90% (1 fin da pobreza e 2 fame cero) e está preto do 80% o ODS 13 de Acción polo clima.
Ao respecto alta comisionada para a Axenda 2030, Cristina Gallard, amosouse “sorprendida positivamente” dos esforzos realizados pola Deputación de Pontevedra na implantación da Axenda 2030, especialmente con respecto aos programas Revitaliza e ás accións desenvolvidas no eido da Igualdade.
Neste eido, Gallard destacou a exposición ‘Rompe. Xoga en Igualdade’ á que cualificou como unha “iniciativa a ter en conta para os actos de igualdade que deberían promover todas as administracións o ano próximo con motivo do vixésimo quinto aniversario da conferencia de Beijing”. Precisamente por estas razóns, Gallard comprometeuse coa presidenta provincial para vir ata Pontevedra a coñecer os programas que está a desenvolver o goberno de Carmela Silva en detalle.
Finalmente, durante o encontro coa alta comisionada para a Axenda 2030, a presidenta provincial aproveitou para abordar os grandes retos provinciais na consecución da Axenda 2030. Neste eido centrouse na importancia de involucrar aos concellos e axentes sociais no cumprimento dos ODS, no liderado local para o cumprimento da Axenda e na redución das desigualdades como prioridade. Ademais, Silva amosou á Gallard a boa disposición do goberno da Deputación de Pontevedra para implantar todas as accións que se formulen na Comisión Nacional, que é o órgano de coordinación das administracións autonómicas e locais, para o cumprimento da Axenda 2030.