Os días 17, 18 e 19 de outubro A Guarda e Caminha acollerán o «I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho» organizado polo proxecto Visit Rio Minho. Estas xornadas están especialmente orientadas a profesionais e persoal técnico do sector turístico e gastronómico do territorio relacionados cos ámbitos da animación, natureza, hostalería, industria vitivinícola, restauración, vivenda rural, sendeirismo, emprendemento do sector do turístico e gastronomía, así como persoal técnico municipal relacionado coa información e promoción turística, cultural ou de natureza.
O xoves 17 de outubro celebrarase o «I Congreso de Turismo do Rio Minho na Guarda, unha actividade, dedicada a profesionais do turismo xa sexa do ámbito empresarial como da administración pública, que contará coa participación de numerosos expertos e expertas deste ámbito. Pola tarde haberá unha sesión de formación práctica sobre a creación de paquetes turísticos.
A gastronomía en todas as súas vertentes ocupará a xornada do venres 18 en Caminha. As «I Xornadas de Gastronomía do Rio Minho» dividiranse nunha sesión de mañá, exclusiva para profesionais da gastronomía, onde haberá un debate e un showcooking, e unha sesión de tarde aberta a todo o público na que se combinarán presentación de produtos, charlas e degustacións.
Por último, o sábado 19 A Guarda e Caminha organizan diferentes actividades de lecer como peche do I Encontro de Ecoturismo e Gastronomía do Rio Minho.
O encontro é a primeira actividade da marca transfronterizo Río Miño / Rio Minho despois da presentación celebrada no Parador de Tui en abril deste ano, e con ela preténdese viabilizar e modernizar a oferta turística do Miño transfronteirizo e pór en valor os seus recursos.
As inscricións son gratuítas e pódense tramitar a través da páxina www.encontroriominho.eu, onde tamén se pode atopar toda a información actualizada.
Esta actividade está promovida pola Deputación de Pontevedra e o Centro de Estudos Euro Rexionais dentro do proxecto de cooperación transfronteiriza VISIT RIO MINHO, que conta cun 75 % de financiamento FEDER, e do cal tamén forman parte a Comunidade Intermunicipal do Alto Minho, o AECT Río Miño, os concellos de ambas marxes do Miño, Universidade de Vigo e o Centro Tecnolóxico do Mar.