Domingo, 16 Marzo de 2025

Os traballadores de Vulcano que «peregrinan» a Santiago fan un alto en Redondela

O persoal do estaleiro vigués mantivo un encontro con membros do Goberno local para solicitar o seu apoio ante a “situación desesperada” na que se atopan

Os traballadores do estaleiro vigués de Vulcano que hoxe saían de Vigo para percorrer, en catro etapas o Camiño de Santiago ata a capital Galega e que hoxe faran noite en Redondela, mantiveron ao mediodía unha xuntanza co equipo de Goberno redondelán encabezado pola súa alcaldesa Digna Rivas.

Os traballadores, que chegarán a Santiago o venres logo de facer catro etapas da Ruta Xacobea, explicaron ao executivo local redondelán a súa intención de “conseguir manter unha xuntanza co conselleiro de Industria e que esta faga fronte aos compromisos adquiridos co estaleiro”. Entre os compromisos, explicaron os traballadores en Redondela, estaba o de atopar inversores para que a empresa puidera seguir en funcionamento no caso de chegar á situación de liquidación na que agora está o estaleiro vigués.

Digna Rivas trasladoulle a súa solidariedade e o compromiso do seu Goberno “a apoiar, na medida das nosas posibilidades, aquelas medidas que sirvan manter e reforzar o tecido industrial da comarca e, neste caso concreto, a dar solución ás numerosas familias de toda a comarca que dependen do funcionamento deste emblemático estaleiro”.

A alcaldesa redondelá asegurou facerse eco da voz de todos concelleiros e concelleiras do grupo de goberno ao asegurar que “Redondela non pode dar as costas aos traballadores e traballadoras na defensa dos seus postos de traballo” e sinalou a importancia que ten o sector naval, “que supón un motor económico non só para Vigo, senón para toda a comarca”.