Máis de 200 persoas, novas e maiores, participaron nunha xornada interxeracional coa que a Concellería da Terceira Idade do Concello de Redondela que xestiona a alcaldesa, Digna Rivas, quería conmemorar o Día Internacional das Persoas de Idade que se celebra hoxe, día 1 de outubro.
As inestables condicións meteorolóxicas obrigaron a que a actividade, que nun principio estaba programada para desenvolverse na Alameda Castelao, fora trasladada ao Pavillón Municipal de Deportes.
Alí, mocidade e maiores tiveron a oportunidade de asistir ao contacontos A viaxe de Carlota, organizado pola Asociación Afaga para, deseguido, o alumnado de 6º de primaria do CEIP Laredo dar lectura a uns poemas. A xornada remataba cunha actuación musical a cargo de Os Monifates.
A xornada foi cualificada por Digna Rivas como “un moi interesante intercambio de experiencias” e, nese sentido, a alcaldesa de Redondela asegurou que “os nosos maiores teñen moito que ofrecer, moito que ensinar. Teñen unha experiencia acumulada que é imprescindible para o desenvolvemento do municipio e, polo tanto, os nosos maiores teñen que participar activamente na construción desa Redondela de futuro e con futuro que todos e todas queremos”.
Digna Rivas asegurou que esta xornada nace “para ser unha chamada de atención sobre o cambio demográfico que está a sufrir a poboación mundial e a necesidade de que os gobernos desenvolvamos novas políticas e programas que beneficien aos nosos maiores”.
Nesa liña, a recen creada Concellería da Terceira Idade que xestiona a propia Digna Rivas, busca que “a veciñanza de Redondela e das súas parroquias, mantéñase activa” non so como beneficio para eles mesmos, sinala a alcaldesa, senón “para ser o motor dun cambio positivo dentro do propio Concello, ben como asesores, emprendedores ou como mestres para as novas xeracións, xa que teñen unha ampla bagaxe e unha enorme experiencia práctica que compartir”.
Digna Rivas adiantou que, nos vindeiros meses “haberá novidades importantes que irán nesa dirección, a de aproveitar o coñecemento dos nosos maiores como parte imprescindible do desenvolvemento do municipio”.