12.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránNigrán celebra que a Xunta acepte as alegacións sobre a PO-552

    Nigrán celebra que a Xunta acepte as alegacións sobre a PO-552

    Manteránse os semáforos da contorna de Mallón creando un itinerario peonil nesa zona

    O alcalde de Nigrán, Juan González, cualificou hoxe de “moi satisfactorio” o encontro mantido onte en Santiago coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, no que esta confirmou que as alegacións sobre a prioridade de manter os semáforos na contorna de Mallón (PO-552) foi aceptada, así como a de realizar un itinerario peonil seguro na zona da rotonda de Ureca ata a rúa Rans.

    O encontro mantido en Santiago, no que tamén participou o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, responde á solicitude urxente realizada dende a alcaldía ante a disconformidade do Concello con determinados aspectos que xa manifestara nas súas alegacións oficiais e mesmo por escrito á propia Xunta. Na reunión

    “Estamos moi satisfeitos de que se teñan escoitado as nosas reclamacións da PO-552 e non temos dúbida de que deste xeito, falando entre as dúas administracións, este proxecto e todos os que veñan serán moi beneficiosos para Nigrán”, indica o rexedor

    Inicialmente a Xunta manifestara o seu rexeitamento ás alegacións do Concello ao proxecto de mellora da seguridade viaria na PO-552 (puntos quilométricos 10+600 a 13+800) na contorna de Mallón, xa que eliminaba a regulación semafórica de Cotros (á altura da panadería La Pintora) engadindo un carril central de incorporación na estrada e impoñendo ademais o sentido único nas rúas Cruceiros e Mallón, ambas municipais (esta última cuestión na que o Concello demanda manter o dobre sentido non a teñen resolta aínda pero non se amosan inicialmente disconformes).

    O Concello sempre mantivo que os semáforos instalados hai máis de catro anos como medida de seguridade demostraron funcionar moi ben, mentras que o aparcamento próximo á panadería é vital para os negocios alí existentes.

    O outro aspecto fundamental que alegara o Concello e que non se contemplara inicialmente pero agora si é a mellora da accesibilidade peonil na contorna de Ureca (rotonda coa AG-57 a Porto do Molle ou Camiño A Camesella), xa que actualmente só dispón dun único itinerario peonil moi complexo a pesares de ser unha zona moi transitada, dado que dende aí se entra ao sendeiro do Río Muíños ou ás instalacións deportivas.

    Para o Concello resultaba imprescindible que se incluíse a construción de itinerarios peonís en toda esta zona que conectasen directamente coas beiravías da rúa Rans. “É unha moi boa nova porque ao fin se crea un tramo seguro e accesible que unirá A Ramallosa co centro de Nigrán, xa que ata agora era discontinuo e inviable”, subliña González, a quen lle comunicaron que as obras arrancarán no vindeiro mes.

    PO-340

    Finalmente, o alcalde de Nigrán transmitiu a disconformidade do Concello e dos veciños do Camiño do Pisco (A Ramallosa) con que tras levar a cabo a Xunta as obras para crear unha senda peonil na PO-340 se substituíse a liña discontínua por unha contínua á altura do seu camiño, o que lles obriga a desprazarse ata a rotonda de A Ramallosa para poder xirar cara a Gondomar.

    A alternativa que propón a Consellería para que os condutores non teñan que ir 1´2 km ata a Ramallosa e retroceder é crear unha semi-rotonda a escasos metros que lles posibilite virar con tódalas garantías. “Entenderon a nosa preocupación pero insisten en que os seus informes de seguridade alertan da perigosidade dese cruce nos meses de verán, cando se forma caravana na vía que limita moito a visibilidade e, por conseguinte, propoñen esta opción”, explica González.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.