Outubro chega a Tomiño cargado de actividades impartidas por e para mulleres. A vindeira semana o municipio acollerá un curso de autoestima e empoderamento feminino a través da fotografía de 12 horas de duración e un obradoiro de autodefensa feminista, que se impartirá nunha única xornada de 6 horas.
Deste xeito, as orientadoras Tegra Gómez e Patricia Maquieira chegarán ao salón de plenos do Concello co curso ‘Namórate de ti. Autoestima e empoderamento a través da fotografía’, unha actividade organizada pola Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural ao abeiro do programa de Agader para a igualdade e a loita contra a violencia de xénero que busca ensinar ás mulleres a quererse e valorarse empregando a foto como ferramenta. O curso impartirase os días 7, 9, 10 e 11 de outubro de 16:30 a 19:30 h.
Ao longo destas catro xornadas realizaranse dinámicas as participantes vivirán sesións de autocoñecemento, con exercicios para aumentar a autoestima e o amor propio e aprender a autoxestionar o control do estrés a través da expresión corporal, verbal e escrita, de dinámicas grupais, vídeos motivacionais e sesións fotográficas da posta en escena das mulleres.
Dirixido a mulleres desempregadas, mulleres que precisan volver confiar en si mesmas, vítimas de violencia de xénero ou en perigo de exclusión social, o curso ten por obxectivos reforzar a autoestima e autoconcepto das participantes, ao tempo que se fomenta a súa unión social e a cooperación grupal.
As mulleres interesadas en participar poden inscribirse xa na páxina web de Eurural ou nesta ligazón. O curso é de balde e terminará coa exposición no concello de Tomiño dunha selección de fotografías realizadas durante as sesións que se inaugurará o vindeiro 5 de novembro.
Autodefensa feminista
Por outra banda, o vindeiro 12 de outubro a Casa da Salgosa de Tomiño acollerá un obradoiro de autodefensa feminista, seis horas de traballo integral nas que as participantes aprenderán técnicas básicas de defensa.
Como aseguran dende a organización do curso, “a autodefensa feminista é un elemento indispensable de protección e loita contra as violencias machistas. As violencias son estruturais e impactan en todas as áreas, física, emocional, relacional, social… por iso neste obradoiro o traballo que se realiza é integral”.
O obradoiro, dirixido a mulleres a partir de 15 anos, celebrarase o sábado de 11 a 13 e de 16 a 19 h. Todas as interesadas en participar poden inscribirse nesta ligazón.