Mércores, 11 Decembro de 2024

O TSXG insta ao Concello a demoler o Eroski de Ponteareas

A licenza foi concedida polo goberno de Nava Castro no ano 2002 e anulada pola xustiza en 2008

O TSXG (Tribunal Superior de Xustiza de Galicia) requiríu ao Concello de Ponteareas para demoler o hipermercado Eroski, ubicado na parroquia de Angoares, no prazo máximo dun ano. O tribunal esixe ao Goberno Local que inicie os trámites no prazo máximo dun mes e que manteña informado ao TSXG trimestralmente das actuacións que se realicen. No caso de incumprimento das instrucións dadas, os funcionarios responsabeis ou o propio alcalde poderían ser sancionados economicamente.

O hipermercado construíuse no ano 2002 logo de que o goberno presidido por Nava Castro lle outorgara licenza un mes antes da decisión da Xunta de Galicia de suspender as normas urbanísticas. A licenza foi recorrida pola administración autonómica e os tribunais declarárona nula por sentenza no ano 2008.

O feito de que a obra se iniciase con licenza abre a posibilidade de que o Concello teña que responder economicamente dos prexuízos que a demolición implicará para os propietarios, xerando o risco para a administración local de indemnizacións de elevada contía.

No caso de incumprimento das instrucións dadas, os funcionarios responsabeis ou o propio alcalde poderían ser sancionados economicamente.

O Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado recentemente polo Pleno e pendente de aprobación definitiva posibilita a legalización da obra. O Goberno Local lembra que existen en Ponteareas, en zonas como o polígono da Lomba, outras instalacións industriais e comerciais sobre as que pesan tamén ordes administrativas e xudiciais de demolición que só se poderán evitar a través da aprobación do PXOM.

O Alcalde Xosé Represas e a concelleira Chus Garrote amosaron a súa preocupación ante a decisión do TSXG e reclamaron á Xunta de Galicia “celeridade na aprobación definitiva do PXOM para dar canto antes seguridade xurídica ás actividades industriais e comerciais. Só co novo PXOM poderemos evitar os graves prexuízos económicos que para a facenda municipal conlevarían as demolicións derivadas dos acordos ilegais que tomaron outros gobernos no seu momento”.