Martes, 6 Maio de 2025

O alumnado do CEIP Alexándre Bóveda de Chapela ‘descobre’ a Praza de Abastos de Redondela

0

Nenos e nenas do CEIP Alexandre Bóveda de Chapela visitaron nestes días o Mercado de Abastos de Redondela, nunha iniciativa que tiña como obxectivo dar a coñecer, aos máis pequenos, tanto a importancia do mercado coma os produtos que nel poden atopar.

As e os pequenos percorreron a instalación onde praceiras e praceiros explicáronlle, polo miúdo, en que consistía o seu traballo e amosáronlles os produtos que vendían en cada uno dos postos. Ao remate da visita e con gran ledicia, nenos e nenas recibiron un agasallo en lembranza do seu paso polo Mercado de Abastos redondelán.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que acompañou aos pequenos e pequenas na súa visita, agradeceu “a total e absoluta implicación” dos e das profesionais que traballan na praza de abastos nesta iniciativa que busca “que estes nenos e nenas, que serán os consumidores do día de mañá, comecen a valorar a importancia do mercado de abastos e a extraordinaria calidade dos produtos que se poñen a venda diariamente”.

Rivas aproveitou a visita á praza de abastos para reafirmarse no seu compromiso de “facer desta instalación un dos eixos da dinamización da actividade comercial de Redondela” e nese sentido salientou a importancia “de reconverter o mercado de abastos para, ao igual que se fai noutros lugares, compatibilice a súa actividade comercial polas mañás con outras sociais e culturais polas tardes e que, polo tanto, teña actividade ao longo de todo o día contribuíndo a dinamizar a súa contorna”.

Nigrán pon fin ás constantes avarías nas tubaxes de augas residuais da Avenida de Portugal

0

O Concello de Nigrán está a rematar a renovación de 215 metros de tubaxe de impulsión de augas residuais na Avenida de Portugal (A Ramallosa) poñendo fin aos problemas de constantes avarías na zona –dez neste último ano– debido ao mal estado das mesmas.

As obras, explica o Goberno que preside Juan González, foron acometidas de urxencia polo Concello “ante o perigo inminente dunha gran ruptura que puidese producir filtracións ao río” e supuxeron un custe de 63.897 €.

Os traballos constaron da substitución por tubaxe de polietileno de 250 mm de diámetro e posterior reposición do asfalto no carril afectado, o da marxe dereita en sentido a Vigo.

“Dada a situación ao borde do colapso, optouse pola substitución total de urxencia para evitar males maiores e por fin dunha vez aos constantes problemas”, resume o alcalde, Juan González.

Así, o colector de fundición rebasara a súa vida útil tras máis de 30 anos en funcionamento e o propio efecto do intenso tráfico rodado e da abrasión debilitaran profundamente a súa estrutura, producíndose constantes roturas coas consecuentes molestias aos veciños e posibles filtracións á contorna.

A Guarda ilumínase para iniciar a programación do Nadal

0

O xoves día 5 de decembro a Praza do Reló acolleu as primeiras actividades programadas para o arranque da programación do Nadal 2019/20 na vila da Guarda co acendido do alumeado de Nadal. Nesta primeira xornada festiva tiña lugar, ás 18:00 h, a actuación de Mere-Clown co espectáculo ‘Aparvaolimpiadas’, congregando a un bo número de persoas entorno á Praza do Reló.

Intres máis tarde, a tenente alcalde da Guarda, Montserrat Magallanes, adicaba unhas verbas aos presentes para dar paso a unha proxección sobre a Torre do Reló cunha conta atrás que rematou co acendido do alumeado de Nadal en toda a vila, seguido do concerto infantil de ‘Luis Vallecillo’.

[su_image_carousel source=”media: 9520,9519,9517,9516,9522,9521″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Causou moita curiosidade as letras iluminadas instaladas na Alameda da Guarda e a bola da Praza Avelino Vicente, onde se reuniron centos de persoas para inmortalizar coas súas cámaras este Nadal, que ademais ven cun sorteo de puntos para a Pista de Xeo entre todos os que compartan as súas fotos cos hashtags #AGuardaéNadal e #NadalnaGuarda nas Redes Sociais.

A Guarda recebe un Nadal moi especial este ano, repetindo elementos que en anos pasados acadaron un grande éxito como a Pista de Xeo na Alameda e incorporando un Mercado de Nadal na Praza de Avelino Vicente, amaus dun espazo para Obradoiros e actividades infantís na Praza de Juan Bautista e, xa para por o broche final, unha Cabalgata de reis magos moi especial.

O alcalde de Ponteareas, satisfeito “co interese da Xunta” en cofinanciar a ampliación da depuradora

O Alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, amosou a súa satisfacción polo “enorme interese” da Xunta de Galicia en cofinanciar a ampliación da depuradora da localidade. A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, explicou onte que ven de solicitar “a celebración dunha xuntanza urxente para que a Xunta e o Goberno de España poidan abordar conxuntamente, o antes posible, o financiamento (…) da depuradora de Ponteareas”. Represas dixo compartir “a urxencia da conselleira”.

O alcalde lembrou que “tras conseguir que o Estado redactara o proxecto das obras a realizar, insistimos na necesidade de financialas mediante un convenio entre Estado, Xunta e Concello, unha idea na que tamén coincide o goberno galego”.

Represas espera que o convenio entre as tres partes se asine en breve, pois xa existe o compromiso político do Estado e do Concello e só falta o da Xunta. Dito convenio prevé un investimento duns 9 millóns de euros para os que a Xunta tería que achegar o 20%, 1.800.000 euros.

Conforme ao convenio, a previsión é que a ampliación da depuradora e os colectores xerais de nova creación que rodearán o casco urbano estean rematados en 2023. “Logo de 25 anos con vertidos ao Tea estamos moi esperanzados de que unha obra desta envergadura se poda concluir no prazo previsto, marcando un antes e un despois para o noso río e o entorno natural de Ponteareas”, salientou Represas.

A Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade tamén asegurou que á vista do borrador do convenio, o Estado non prevé investimentos no ano 2020 e que se iniciarán en 2021. Represas amosouse extranado con estas declaracións xa que “no borrador non figura o calendario de investimentos do Estado, só figura a proposta para a Xunta e o Concello”. Engade o alcalde que “é certo que o calendario que se propón para a Xunta vai do 2021 ao 2023, pero no caso do Concello o seu calendario de aportacións comeza xa en 2020 até o 2023. De feito, na táboa de aportacións municipais figuran dúas

columnas, nas que por erro se repite o ano 2021, cuestión sen relevancia pois estamos diante dun borrador pendente de revisar e concretar entre as tres administracións”.

Represas animou á Xunta “a comprometerse canto antes no financiamento desta actuación tan importante para Ponteareas”.

A Asociación de Empresarios de Redondela presenta unha campaña de nadal marcada pola “innovación comercial”

0

O coidado do medio ambiente ven sendo unha constante nas campañas de dinamización comercial desenvolvidas pola Asociación de Empresarios de Redondela pero, neste caso, acentúase xa que todos os materiais empregados contan cunha distinción ambiental. Así as bolsas están realizadas en material reciclado e impresas nunha tinta totalmente inocua de base acuosa que garante o coidado do medio ambiente.

Nos últimos dous exercicios a Asociación de Empresarios ten contribuído notablemente a eliminación do plástico do circuíto comercial distribuíndo entre os seus asociados máis de 20.000 bolsas de papel, acción que se ten desenvolvido graza ao cofinanciamento da Xunta de Galicia a través da Dirección Xeral de Comercio e que tamén esta Nadal conta coa colaboración co Concello de Redondela o que nos permite duplicar o número de bolsas que se entregarán no comercio da vila, aportación que é sen dúbida unha gran axuda dado o importante custe que supón a entrega gratuíta de bolsas a clientela.

A campaña de premios trae ao comercio de Redondela os clásicos BOLETOS DE NADAL que se distribuíran polas compras que se realicen dende hoxe 5 de decembro ata o 5 de xaneiro. Este formato de campaña permite que cada comercio teña unha urna de premios única e exclusiva xa que en cada comercio poderá haber premios diferentes ademais do clásicos vales de compra que nesta edición son de 300 €, 200 €, 100 € e 50 € que se sortearán ao finalizar a campaña. O día do sorteo será o 15 de xaneiro.

Outra novidade desta campaña é a decoración exteriordos comercios coa que se realza a presenza do comercio da Vila. Un elemento decorativo común consistente nunha árbore iluminada e vinilos en forma de destello fan que ao caer a tarde os comercios realcen a súa presenza e dean un especial ambiente de Nadal a esta tradicional vila comercialsituada ao fondo da ría de Vigo na que as tendas, todas diferentes e únicas, vense realzadas pola imaxe homoxénea da decoración de Nadal.

O Rosal abre unha aula de estudo no Centro Social Polivalente

0

A partir do vindeiro luns, día 9 de decembro, o Centro Social Polivalente do Rosal contará cunha aula que dará servizo a aquelas persoas adultas que precisen dun lugar de estudo que reúna condicións axeitadas de tranquilidade e silencio.

A aula está dotada de 10 mesas de estudo, wifi e un ordenador con acceso a internet e estará aberta polas tardes en horario de 16 h a 20 h. En horario de mañá estas persoas poderan empregar a Biblioteca Municipal solicitando cita previamente no Concello Do Rosal​. 

O concello do Rosal salienta que con esta iniciativa “quérese dar resposta á solicitude dun grupo de persoas que demandaron a apertura dun espazo no que puideran estudar polas tardes”.

Trátase principalmente –explica o Goberno local– de persoas adultas que preparan distintos tipos de exames de carreira, grao, oposicións, ás que a presenza de nenos e nenas de menor idade na biblioteca municipal, dificúltalles  concentrarse no seu traballo.

A Guarda abre a inscrición para o curso de preparación das probas libres da ESO

0

O Concello da Guarda abre o prazo de inscrición para un curso de formación de persoas adultas co obxectivo de preparar aos alumnos e alumnas para a obtención do Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria ou ESO. O inicio das clases está marcado a partires do mes de decembro de 2019.

As persoas interesadas poden ampliar información e inscribirse na OMIX da Guarda no enderezo electrónico [email protected]

O Auditorio Municipal de Nigrán acolle o sábado do primeiro «Bingo Solidario de Nadal»

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado no Auditorio Municipal, dentro da súa programación especial de Nadal, o seu ‘I Bingo Solidario’ dende as 17:00 horas e posterior concerto de Argonat Band ás 20:00 horas.

O fin deste primeiro bingo solidario é recadar alimentos non perecedeiros que o departamento de Servizos Sociais do Concello repartirá entre as familias que máis o precisan. Deste xeito, para poder participar é preciso donar algún produto (conservas, pasta, arroz, aceite, legumes…). O bingo constará de 6 premios para as primeiras 6 liñas e outros 6 para os primeiros 6 bingos.

Posteriormente, ás 20:00 horas, terá lugar o concerto de Argonat Band tamén no Auditorio Municipal. Trátase dun grupo de R&R e Pop configurado por oito acordeóns, violín,gaita, baixo eléctrico e batería que fan versión dos grandes clásicos baixo a dirección de Juan Bande.

A Deputación aposta por derrubar “o muro dos prexuízos” con xoguetes sen estereotipo de xénero

‘Este Nadal, xoguetes sen estereotipos de xénero’. A nova e ambiciosa campaña da Deputación para as vindeiras festas busca, como sinalou hoxe a presidenta Carmela Silva, “romper o muro dos prexuízos” para fomentar que as novas xeracións crezan xogando felices e se desenvolvan “de forma igualitaria, inclusiva e respectuosa da diversidade, e ademais de forma non violenta”. “É –subliñou– o noso deber e o noso compromiso coa igualdade de oportunidades, coa igualdade real e co compromiso de crear unha sociedade máis xusta”.

“Os xoguetes e os xogos non teñen xénero, como imaxinar tampouco ten xénero –explicou Silva–. Todas e todos temos a capacidade de imaxinar. Por iso queremos que as nosas nenas e os nosos nenos aprendan xogando, sen prexuízos, e así destruír ese muro no que hai xoguetes para nenos e para nenas en distintos corredores das tendas, hai envoltorios distintos para cada un deles, e onde os xoguetes rosas son só para nenas e o fútbol parece que só é para nenos”. A presidenta deu a coñecer os contidos desta nova iniciativa acompañada por unha das súas autoras, Isabel Blanco, así como das deputadas provinciais de Igualdade, Isaura Abelairas, e Xuventude, Ana Laura Iglesias.

Esta quinta campaña desenvolvida polo actual Goberno provincial ten como eixos centrais un cartel e un vídeo, que xa se pode visualizar na web da Deputación de Pontevedra nesta ligazón, coas imaxes de Luz Beloso e texto de Isabel Blanco. Na imaxe do cartel aparecen un grupo de nenas e un neno que son os que se poñen por riba e agretan as verbas “estereotipos de xénero”, para amosar a mensaxe final de ‘Igualdade, diversidade e non Violencia’. E no vídeo, montado por Alejandra Castro, técnica da Deputación, os e as protagonistas cobran voz e movemento para romper o muro dos prexuízos, animando así a “cambiar as regras do xogo”, como insistiu Carmela Silva, “porque nós, así, non xogamos”.

As voces son da xornalista Belén Porteiro e de dous nenos e dous nenas, “algún deles moi pequeno, e é marabilloso escoitalos”. Amais da difusión en medios, a campaña estará presente en mupis e se decorarán con vinilos dous autobuses urbanos en Vigo. A presidenta destacou a labor de todo o equipo implicado nesta nova iniciativa, formado maioritariamente por mulleres, “que traballan con compromiso”.

Para Silva, “hai unha clara irresponsabilidade social en non tomar en serio o que ten que ver co mundo do xogo e do xoguete” e “hai que rachar co muro da desigualdade”. “Ata os cinco anos as nenas e os nenos soen xogar a todo e soñar con todo –incidiu–. Xa comezan desde os dous anos a visibilizar que non son iguais, pero a partir dos cinco se ve con toda claridade que elas xogan a unhas cousas e eles a outras”. E nese senso, a campaña parte da base de que esa transmisión dos estereotipos de xénero comeza desde a infancia, onde nenas e nenos verán marcadas, “de xeito completamente inxustificado, as súas aptitudes e actitudes, en función das características que lles atribuamos a cada un”, como sinalou Silva.

“Iso ocorre cos xogos e os xoguetes –explicou–. Cando a unha nena lle regalamos bonecas, bebés, cociñas, vasoiras, fregonas e se pasa toda a súa infancia con eses elementos, está aprendendo que o seu lugar no mundo é o privado e coidar e manter o fogar. Cando a un neno lle regalamos escopetas, balóns, instrumentos científicos para investigar, bicicletas moi potentes para correr, estamos dicindo que o seu lugar no mundo é o da forza, a valentía, a decisión e, desde logo, que non se lle ocorra ter nada que ver cos coidados. Estamos amosándolles o seu papel na vida e lles estamos impedindo que soñen con aquelo que queiran ser. Nós queremos rachar con que os nenos e as nenas están separados e diferenciados por cores. Ás nenas lles queda marabillosamente o azul e os nenos están divinos vestidos de rosa, de vermello, de verde, de calquera cor. O arco da vella é para a humanidade, non se pode dividir en xéneros. E pasa cos xogos que lles regalamos. É habitual que os xogos que teñen que ver coas guerras e a violencia llos regalemos aos nenos e ás nenas os que teñen que ver coa sensibilidade, a dozura.”

Por esta razón, esta campaña, que Silva definiu como “fundamental”, reivindica xoguetes sen estereotipos de xénero. “Queremos xoguetes –recalcou– para xogar, para que as nenas e os nenos crezan felices, que lles enriquezan, que poidan elixir sen temor e poidan expresar o que senten”. “Xogar é un dereito, e unha fonte de aprendizaxe e enriquecemento persoal de primeira orde, é unha actividade universal que ten que transcender categorías de xénero. E se seguimos co actual modelo estereotipado non construiremos o mundo que reclaman as declaracións de dereitos humanos”.

Pola súa banda, Isabel Blanco destacou que “xogar ensínanos a vivir” e subliñou que “xogando aprendemos a ser persoas empáticas e tolerantes e a desenvolver destrezas”. “Así, os xogos e os xoguetes son ferramentas, eu diría incluso armas no mellor sentido da palabra, imprescindibles e básicas para a educación como persoas”, explicou. “Porque non é difícil de entender que cando os xoguetes levan unha carga de desigualdade de xénero e de violencia o que se aprende é a intolerancia, a soberbia, é a violencia como mecanismo de resolución de conflitos –sinalou Blanco–. (…) Se non podemos salvar o mundo como fan eles nin derrotar monstros, nin inventar un remedio, se eles son sempre os heroes que constrúen o mundo, as nenas, as mulleres, quedarémonos fóra dese mundo que se está a construír”.

A Deputación subliña a necesidade de traballar en rede entre as institucións, fabricantes e familias para propiciar que as nenas e nenos se eduquen, xoguen e medren sen obstáculos e con total liberdade e en igualdade de condicións. Esta é, ademais, unha das metas fixadas pola Axenda 2030 de Nacións Unidas, que determina como un dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) acabar con todas as formas de discriminación existentes e empoderar ás mulleres e ás nenas.

Tomiño impulsa a redacción do proxecto «Camiño Escolar Seguro para o colexio de Goián»

0

O Concello de Tomiño vén de adxudicar a redacción do proxecto e do plan de dinamización do “Camiño Escolar Seguro para o CEIP Pintor Antonio Fernández, en Goián (Tomiño)”. O proxecto foi adxudicado á empresa ‘Muñiz Alfaya, SLU’, por valor de 33.333,33 euros, IVE incluído. A maior parte do custe procede dunha subvención da Deputación de Pontevedra, concedida o 14 de setembro pasado, para a redacción deste proxecto. O prazo de execución é de dous meses e a redacción inclúe unha primeira fase de recollida e análise de datos; unha segunda de diagnose e finalmente, a redacción da proposta.

Un dos principais obxectivos do proxecto é que o alumnado vaia gañando autonomía persoal, xunto a adopción de hábitos saudables, como a actividade física, a través dunha serie de medidas e actuacións nas que el mesmo participará de xeito directo, realizando tarefas dentro e fóra das aulas, coma por exemplo, unha “saída de exploración” polo entorno, na que acompañados por membros do equipo redactor, encargarase de realizar unha avaliación crítica (a través da toma de notas e fotografías) da morfoloxía urbana que rodea ao centro educativo: mobiliario urbano, zonas de cruce, de estacionamento, barreiras arquitectónicas, etc.

Días atrás, celebrouse unha reunión de presentación entre o equipo redactor da empresa, composto por profesionais de distintas áreas do Planeamento Urbano (arquitectura, enxeñería, socioloxía, etc.), e os concelleiros e técnicos da área municipal de Educación e Obras, e posteriormente, outra, cas nais e pais do alumnado do centro, para explicar o proceso de implantación do“Camiño escolar seguro”; un proxecto que se desenvolverá entre a dirección e a comunidade educativa do centro e o Concello de Tomiño, co apoio da Deputación de Pontevedra.

Durante estes meses de traballo sobre o propio terreo, e de oficina, os profesionais encargados de executar o proxecto, seguirán reuníndose con técnicos municipais, e ca dirección do centro escolar e da súa ANPA, para constituír un grupo dinamizador con representantes de cada área, coa intención de coordinar e consensuar as accións e actividades que se desenvolveran cos cativos e rapaces da escola.

A directora xeral de Administración local vista as obras realizadas na Casa da Cultura de Salvaterra

A directora xeral de Administración Local da Xunta de Galicia, Marta Fernández-Tápias, acompañada pola alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel Gómez, visitaron as obras de mellora de eficiencia térmica que se teñen realizado na Casa de Cultura e que contaron cun investimento de 48.150,25 €.

As obras, financiadas pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, consistirón na súa meirande parte na substitución de ventanais por outros con maior illamento térmico que permitirá un importante aforro enerxético e melloran as condición de habitabilidade do edificio.

Ademási a Directora Xeral tamén aproveitou a ocasión para comprobar o funcionamento do salvaescaleiras que se ven de instalar no mesmo edificio co fin de dotalo da máxima accesibilidade posible. Actuación estaba enmarcada dentro do programa de Mellora de Infraestruturas da Consellería de Presidencia que cofinanciou esta obra.

O Centro de Reparto de Alimentos de Ponteareas recollerá axuda na entrada dos supermercados

A concelleira de Benestar Social do Concello de Ponteareas, Verónica Carrera, pon en coñecemento dos veciños e veciñas que o Centro de Reparto de Alimentos recollerá axuda na entrada dalgúns supermercados de Ponteareas. En colaboración co voluntariado, estarán este sábado día 7, o venres día 13 e o sábado día 14 en horario de mañá e tarde recollendo alimentos para as e os beneficiarios deste servizo.

Na actualidade o Centro de Reparto de Alimentos atende a 244 persoas das que 66 son menores de quince anos. Dende o Centro explican que agradecen todo tipo de aportación de produtos de alimentación non perecedoira,” pero son máis urxentes, dado o elevado número de menores, os “potitos”, leite en po para bebés, cereais para bebés, aceite de oliva, legumes e xudías e verduras en conserva”.

A concelleira Verónica Carrera agradece a implicación do voluntariado e de todas aquelas persoas “que aportan o seu gran de area para axudar as familias que máis o precisan”.

O Colexio de Arquitectos denuncia o proxecto “máis populista do PP de Javier Bas”

0

O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia presentou, o pasado 27 de novembro no Rexistro Xeral do Concello de Redondela, unha denuncia ao proxecto do Centro Cultural de Quintela, unha das actuacións “estrela” do programa electoral de Javier Bas. Nunha reunión previa mantida polo Colexio de Arquitectos coa alcaldesa Digna Rivas, os representantes do COAG manifestáranlle á rexedora local a súa intención de presentar a antedita denuncia.

Meses antes das eleccións municipais o Partido Popular do entón alcalde Javier Bas anunciaba “a bombo e platillo o que era o proxecto máis populista da campaña do PP”, sinala o Goberno local que preside a socialista Digna Rivas, o inminente inicio dunhas obras consistentes na instalación dun Centro Social en Quintela nunha actuación que non tiña máis intención que “enganar a veciñanza”. Tanto é así, apunta o Executivo local, que incluso os terreos “nos que supostamente íase a realizar a obra, lucían un cartel de obra, encargado e pagado con cartos da cidadanía polo propio Goberno do PP días antes das eleccións municipais”.

Non foi este o único cartel colocado con obras “para as que non había nin tan sequera proxecto e que só foron froito de sonos electorais”, explica o Goberno redondelán que pon como exemplo “os colocados na praza de Ponteareas por importe de 578,45 euros, e na Vía Verde e o Barrio das Artes por importe duns 1.500 euros”.

A entrada do novo Goberno deixou ao descuberto á realidade do procedemento. O día 17 de xuño, “data na que a obra, segundo o PP, debería estar iniciada, esta carecía da pertinente contratación de dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde”, contrato tamén iniciado polo PP e que comprometía un pago de máis de 12.000 euros por un traballo de dirección de obra de 3 meses.

O Goberno que preside Digna Rivas salienta o feito de que eran tal as irregularidades “que foi a propia empresa adxudicataria da obra a que advertiu da dubidosa execución da mesma ao detectar deficiencias na propia redacción do proxecto e a carencia de requisitos formais que a obrigaban a adquirir uns módulos de marca concreta en contra do indicado na lei de contratos”.

Segundo indica a propia empresa, miráronse na obriga de renunciar a realizar a obra debido as modificacións das condicións económicas impostas pola empresa subministradora e as presións marcadas por esta, ao que había que engadir o insuficiente prazo de execución das obras.

Todo estes motivos foron os que fixeron que o actual Goberno paralizase o procedemento de cara a “iniciar un novo proceso aberto e transparente, comezando pola modificación do proxecto inicial con fin de adaptalo as prescricións técnicas necesarias e cun novo financiamento.

O novo proxecto do centro social de Quintela “será unha realidade o próximo ano 2020 grazas ao financiamento a través do Plan Concellos da anualidade 2020, posible trala renuncia á realización do proxecto de saneamento de Agrelo “outro proxecto contratado polo PP que ten que ser modificado para poder obter a autorización previa de Patrimonio”.

Un monumento da Escola de Cantería homenaxeará en Melgaço ao galeguista Xosé Velo

A localidade portuguesa de Melgaço acollerá, este venres 6 de decembro, a inauguración do monumento en homenaxe ó político galego Xosé Velo Mosquera e ao propio pobo da vila portuguesa “por servir de acubillo ós galegos fuxidos durante a Guerra Civil e a posterior barbarie franquista”. A peza, un monólito de granito silvestre de 178 centímetros de alto por 126 de largo e 56 de fondo, foi elaborada polo alumnado da Escola de Cantería e xurdiu dun convenio entre a Fundación Lois Peña Novo e a Deputación de Pontevedra.

A pretensión do ente provincial e da asociación é poñer en valor a figura do político galeguista Xosé Velo, militante incansable e en contra das ditaduras que asolagaron España e Portugal durante o século XX. Deste xeito, no acto de presentación do monólito estarán presentes a deputada provincial Noemí Outeda; o presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manoel Batista Calçada e o presidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto, Luis Manuel García Mañá, que colaborou estreitamente na recuperación histórica do persoeiro galego.

O monólito conta cunha inscrición conmemorativa na que se lembra ó político nado en Celanova e a hospitalidade das terras de Melgaço, unha “porta á liberdade soñada, tronzada pola feroz persecución da sublevación fascista de 1936”, segundo o texto gravado na peza.

Xosé Velo foi un dos moitos que viviron a represión franquista durante gran parte da súa vida, posto que tras o golpe de Estado do 1936 foi encarcerado varias veces e obrigado a incorporarse ás liñas fascistas na División Acorazada Brunete ata 1938. Posteriormente, conseguiu saír cara Venezuela, a onde chegou en outubro de 1948. Así, unha das súas maiores fazañas foi secuestrar o buque de pasaxeiros de bandeira portuguesa “Santa María” para poñer o foco nas ditaduras de Salazar e Franco.

«Mozart á galega», un xeito diferente de amosar a música

O auditorio municipal Reveriano Soutullo de Ponteareas acolle, este venres día 6 de decembro ás 19 horas e con entrada totalmente de balde, o concerto ‘Mozart á galega’, unha actividade novidosa que correrá a cargo do frautista Luís Soto acompañado dun trío de cordas.

A formación integrada por Luís Soto á frauta traveseira, David García ao violín, Ionela Ciobataru á viola e Millán Abeledo ao violoncelo, está especializada na interpretación de cuartetos de Mozart para frauta e trío de cordas. 

A iniciativa presentada en Ponteareas por Luís Soto é pioneira ao permtir entender, crear e amosar dun xeito diferente a música ao mundo.

O Rosal prepárase para dúas grandes citas co balonmán

0

Os vindeiros días 27 e 28 de decembro, o Rosal acollerá unha nova edición da xa tradicional Handball Cup O Rosal, que nesta edición do 2019 pasa a ser “un trofeo transfronteirizo” ao contarse coa participación do Andebol Caminha.

Serán dous días de balonmán de canteira no que participarán os nenos e nenas das categorías alevín, benxamín e infantil que poderán gozar, ademáis do deporte, de xornadas de convivencia entre todos eles e elas. Para iso, a organización ten preparadas unha serie de actividades paralelas ao propio trofeo.

Doutra banda, o Acanor Atlético Novás segue a facer historia e o día 17 de decembro ás 20:45 h, disputará o partido de ida dunha nova fase da ‘Copa do Rei’ no Rosal.

A formación rosaleira terá como rival nesta eliminatoria ao Ángel Ximenez Puente Genil, equipo no que, na pasada tempada, militaba o actual pivote do Acanor Atlético Novas, o internacional uruguayo Gaby Chaparro.

A arte urbana chega ao Centro Penitenciario da Lama para “sementar pola igualdade”

Implicar a un grupo de mulleres internas no Centro Penitenciario da Lama dende a acción artística para promover unha actitude crítica fronte á desigualdade, foi o obxectivo fundamental da elaboración do graffiti presentado este mércores no penal pontevedrés, ó abeiro da campaña institucional da Deputación de Pontevedra con motivo do 25 de novembro ‘Sementando pola Igualdade’.

No acto de inauguración da peza de arte urbana nun dos muros do Centro participaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a directora das instalacións penitenciarias, María Teresa Delgado, a artista Iria Fafián que coordinou o graffiti, e unha representante das internas que o levaron a cabo. Así, esta obra de 8 metros de largo e 6 de alto, que amosa dúas mulleres apoiadas nas súas costas, simboliza o apoio, a confianza e, en definitiva, a sororidade, concepto do que partiu a artista coordinadora para vertebrar o mural. As mulleres internas, que colaboraron na elaboración e idealización do graffiti, plasmaron na parede as palabras ‘Respecto, forza, unión, loita e apoio’. Deste xeito, a peza colectiva, que procura sensibilizar acerca das desigualdades existentes entre mulleres e homes, está inserida nas accións levadas a cabo pola Deputación no mes de novembro.

A presidenta provincial, Carmela Silva, departiu coas mulleres internas que participaron na elaboración do graffiti, ás que agradeceu o seu compromiso con esta acción colectiva. “Cremos profundamente no poder transformador da arte para reivindicar as causas que merecen a pena como a loita pola igualdade e a súa capacidade de denuncia”, dixo Silva, quen mostrou a súa emoción pola colaboración das mulleres internas e a súa vontade para colaborar con esta acción artística.

Na presentación do mural do cárcere da Lama, as participantes recibiron bolsas da Escola María Vinyals que inclúen unha camiseta da campaña contra as agresións sexuais, os dípticos desta campaña, pulseiras de tea de ‘Mulleres en acción. Violencia Zero’ e un libro de María Vinyals.

A Guarda imparte un obradoiro de Agasallos de Nadal

0

O Concello da Guarda vén de anunciar a apertura do prazo de inscricións para o Obradoiro de Agasallos de Nadal que terá lugar o vindeiro 19 de decembro en horario de 18:00 h a 20:30 h.

Este obradoiro está destinado a todos os públicos a partires dos 12 anos e as persoas interesadas en participar se poden inscribir na Omix da Guarda no enderezo electrónico [email protected]

O Obradoiro está orientado á realización de agasallos de nadal empregando materiais reutilizados.

O Rosal acondiciona os parques infantís do Calvario e Pías

0

O Goberno do Rosal vén de realizar traballos de mellora nos parques infantís do Calvario e Pías, actuacións motivadas pola situación de deterioro no que se atopaban algúns dos xogos das anteditas áreas infantís.

Máis polo miúdo, no Calvario realizáronse arranxos no caucho e substituíronse a totalidade dos xogos infantís, mentres que para o parque de Pías adquiriuse un novo xogo de torre con tobogán para substituir o anterior que non se atopaba en boas condicións para o seu uso.

Ademais, adquiríronse tres muelles balancín para o mesmo recinto co obxectivo de ampliar o mobiliario infantil dos espazos públicos do noso Concello.

Todas estas melloras foron financiadas, por decisión do actual goberno, co reinvestimento de importes procedentes do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.

Mellora da rede viaria

Doutra banda, o Goberno local realizou labores de asfaltado na subida a Martín e nos Picóns de Arriba, en Eiras, cun importe total de 42.426,10 euros, tamén con fondos que o goberno actual decidiu reinvestir dos proxectos do Plan Concellos 2017 da Deputación de Pontevedra.

Estas melloras realizáronse, segundo indica a alcaldesa, “co obxectivo de mellorar o estado no que se atopaban estas vías e así atender ás peticións dos veciños e veciñas”.

«Bertín», o ‘avó’ do CAAN xa desfruta no seu novo fogar

Seis anos despois, a historia de “Bertín”, o avó do CAAN, por fin ten un final feliz. Este mestizo desfruta xa no seu novo fogar en Cerdedo-Cotobade, onde foi trasladado esta mesma tarde polo persoal do centro despois de pasar os seus primeiros seis anos de vida nas instalacións da Armenteira.

O último chamamento feito pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, a pasada semana durante a presentación da nova campaña de sensibilización do CAAN, tivo finalmente resposta cando Elisa, de 63 anos, tomou a decisión de adoptar a ‘Bertín’. Esta veciña da Raña, na parroquia de Valongo do devandito municipio pontevedrés, recibiu encantada ao can, acompañada de Mariña, a súa sobriña neta.

“Estamos moi felices de que por fin “Bertín” teña un fogar por vez primeira na súa vida –indicou Carmela Silva–. A súa historia, e as que demos a coñecer nestes días, como o caso dos cinco cachorros arroxados a un colector en Vilanova, amosan que o problema do abandono de animais segue a ser grave. A nosa filosofía no CAAN é a do coidado e o benestar dos animais ata que academos a súa adopción, que permita que estean nun ambiente de cariño, atención e coidado”. Reiterou que ‘Bertín’ “é un can moi bo, cariñoso, que será unha delicia para a súa nova dona”.

[su_slider source=”media: 9425,9427,9429,9428,9431,9430″ link=”lightbox” height=”400″ centered=”no” autoplay=”8000″ speed=”800″]

A historia dun abandono

A historia de ‘Bertín’ é unha máis dos moitos cans e cadelas que seguen a ser abandonados. Sendo un cachorro, chegara con apenas un mes de vida ao CAAN o 11 de abril do 2013, tan só tres días despois da apertura do centro dependente da institución provincial. Este mestizo apareceu abandonado, aínda que en bo estado de saúde, na Praza Maior do municipio das Neves, onde o propio Concello foi que deu o aviso ao CAAN. Na Armenteira entrou como o can número 14 e, se ben ao principio era asustadizo e desconfiado, na actualidade tiña moi bo carácter, segundo destaca o persoal do centro.

O veterinario xefe do CAAN, José Luis Pedreira, subliñou tamén que ‘Bertín’ “é o can máis especial que tiñamos”. “Ata agora nós fomos a súa familia, evidentemente non a máis adecuada, pero a que coñece”, indicou, para afirmar logo que é seguro que o animal se acostumará enseguida ao seu novo fogar: “a unha situación mellor nos adaptamos sempre, os animais tamén”.

No centro atópanse preto de 450 cans á espera da adopción. Cara este Nadal, a Deputación acaba de lanzar unha nova campaña de sensibilización baixo o lema ‘Esteriliza, adopta’, que pretende facer fincapé na tenza responsable dos animais, así como na adopción fronte á compra. Esta campaña repartirá carteis e dípticos en toda a provincia, e busca implicar concellos, centros de ensino e Colexios de Veterinarios na tarefa de sensibilización fronte ao abandono.

Tui transforma a Corredoira nun Mercado Sustentable de Nadal

0

Unha coidada ambientación inspirada nos mercados que se celebran en Centroeuropa será a que luza dende este xoves no Mercado Sustentable de Nadal que se vai celebrar no Paseo da Corredoira de Tui. Este céntrico Paseo acollerá os preto de 40 postos de madeira con carpa tipo ‘jaima’ e iluminación nos que se ofrecerá unha ampla variedade de produtos vinculados ao Nadal. Na decoración apóstase tamén pola reciclaxe, xa que se empregan restos das podas de árbores.

No Mercado Sustentable de Nadal poderemos atopar dende obxectos de agasallo, adornos, plantas, artesanía, xoiería, marroquinería, téxtil,… A gastronomía será outro dos atractivos destacado do evento xa que contará con distintos postos onde se poderán degustar viño quente, churros, crepes, chocolate, mazás caramelizadas… Amais o sábado ás 12 h está previsto un obradoiro de Menú Saudable de Nadal coa nutricionista Laura Rial no que se elaborará un aperitivo, un prato principal e unha sobremesa. 

A inauguración do Mercado está prevista para o xoves, 5 de decembro, ás 19 h. A partir de aí comeza un amplo programa de actividades que até o domingo contempla actuacións musicais e unha ludoteca infantil. O venres, sábado e domingo os postos abrirán de 11 a 14 h e de 17 a 21 h. Os tres días contarase cunha Ludoteca Infantil en horario de 11.30 h a 14 h e de 17 a 20.30 h no que os nenos e nenas presentando un tícket de compra do comercio local poderán participar en obradoiros de reciclaxe, cociña, actividades creativas, espectáculos de maxia.

O xoves tras a inauguración actuará a Banda de Gaitas ‘Lembranzas da Terra’ da Guillarei. O venres están previstas dúas actividades ao abeiro do programa Anima Eurocidade desenvolvido xunto con Valença e que conta cofinanciamento da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNP, AECT) – INTERREG VA.  Ás 18.30 h actuará a charanga Cantos Somos e ás 19.15 h será a quenda do Abominavel trío das Neves. Posteriormente ás 20 h grupo Inquedanzas da Asociación Aloia de Pazos de Reis.

O sábado actuarán Tokelau e a charanga A Tu Ritmo dentro de AnimaEurocidade, e o grupo O Mosteiro de Pexegueiro. Xa o domingo será a quenda do grupo folclórico Xuntanza de Randufe e do grupo de pandereteiras As Dabadía de Caldelas así coma dentro de Anima Eurocidade do Quarteto Accompagnato e da charanga A Tu Ritmo”.

Restricións no tráfico

Debido á celebración do Mercado Sustentable de Nadal o Paseo da Corredoira, dende o cruzamento coa rúa Rosa Bahamonde até o cruzamento coa rúa Ordóñez, pecharase ao tráfico dende hoxe mércores, 4 de decembro, ás 22 h até o domingo, 8 de decembro, ás 23:59 h.

Horario de apertura:

  • Xoves de 19 a 21h
  • Venres, sábado e domingo de 11.00 h a 14.00 h e de 17.00 h a 21.00 h

Ludoteca infantil

Venres, sábado e domingo de 11.30 h a 14.00 h e de 17.00 h a 20.30 h con obradoiros de reciclaxe, cociña, actividades creativas, espectáculos de maxia… Acceso con tícket de compra do comercio local

Xoves, 5 de decembro de 2019

  • Ás 19 h no Paseo da Corredoira inauguración
  • Animación na rúa
    • Ás 20 h no Paseo da Corredoira actuación da Banda de Gaitas “Lembranzas da Terra” da Asociación Lembranzas de Guillarei

Venres, 6 de decembro de 2019

  • Anima Eurocidade
    • Ás 18.30 h actuación da charanga Cantos Somos
    • Ás 19.15 h actuación de O Abominavel trío das Neves
  • Animación na rúa
    • Ás 20.00 h actuación do grupo Inquedanzas da Asociación Aloia de Pazos de Reis.

Sábado, 7 de decembro

  • Ás 12.00 h Obradoiro de Menú Saudable de Nadal coa nutricionista Laura Rial. Elaboración dun aperitivo, prato principal e sobremesa. 
  • Anima Eurocidade
    • Ás 18.30 h actuación de Trío Tokelau
    • Ás 19.15 h actuación da charanga A Tu Ritmo
  • Animación na rúa
    • Ás 20:00h actuación do grupo O Mosteiro da Asociación O Mosteiro de Pexegueiro

Domingo, 8 de decembro

  • Ás 13.00 h Animación na rúa. Actuación do grupo folclórico Xuntanza da Asociación Xuntanza de Randufe
  • Ás 18.30 h Anima Eurocidade. Actuación do Quarteto Accompagnato
  • Ás 19:15 h Anima Eurocidade. Actuación da charanga A Tu Ritmo”
  • Ás 20:00 h Animación na rúa. Actuación do grupo de pandereteiras As Dabadía da Asociación A Ínsua de Caldelas.

O alcalde da Guarda reclama do SERGAS a cobertura das baixas de persoal do Centro de Saúde

0

Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, e Montserrat Magallanes, tenente de alcalde, mantiveron unha xuntanza, onte martes, no Centro de Saúde da localidade para coñecer de primeira man os problemas que están a sufrir, tanto os pacientes como os profesionais sanitarios, motivados pola falta de persoal. 

Esta situación provoca que a cobertura médica no Centro de Saúde sexa mínima, ou deficiente en moitos casos, dándose situacións coma o desta mesma tarde de martes, na que, dos 3 médicos habituais, non vai a prestar servizo ningún, o que provocou a anulación de máis de 60 citas de pacientes, co conseguinte malestar.

Dende fai unha tempada a plantilla que presta servizo na Guarda viuse reducida, moitos dos días, á metade, dos 8 médicos que prestan servizo habitualmente, están consultando unha media de 4.

A Guarda atópase a unha hora de Vigo e isto fai que unha mala cobertura sanitaria poida provocar situacións de risco que, de non poñerlle remedio, acabarán traendo graves consecuencia para a saúde dos veciños

O alcalde da Guarda trasladou aos profesionais sanitarios que dirixirá unha queixa ao Conselleiro de Sanidade expresándolle, por un lado a mala cobertura sanitaria que está a sufrir a vila da Guarda e, por outro lado, as queixas dos profesionais debido a mala situación laboral que teñen. Hai que ter en conta que A Guarda atópase a unha hora de Vigo e isto fai que unha mala cobertura sanitaria poida provocar situacións de risco que, de non poñerlle remedio, acabarán traendo graves consecuencia para a saúde dos veciños. De feito, moitas persoas lle están trasladando persoalmente ao alcalde situacións particulares moi graves que están a sufrir.

Esta situación ven dada pola falta de cobertura de permisos, vacacións e baixas que o SERGAS está dando en Centros de Saúde como o da Guarda, o que provoca atrasos nas consultas e un incremento na carga de traballo dos profesionais. A sobredemanda do servizo está ocasionando ademais unha deficiente atención. Ata o momento O SERGAS non buscou unha solución a este problema o que ten como consecuencia que se veña agravando co paso do tempo.

Analizando os motivos que alega o SERGAS polos que non hai médicos suficientes para cubrir as baixas, vacacións ou permisos, hai que ter en conta que a situación precaria que están a sufrir os sanitarios en Galicia e en concreto na Guarda, está provocando que moitos deles busquen unha estabilidade laboral e se animen a marchar ao estranxeiro, onde teñen mellores contratos de traballo ou inclusive pasarse á sanidade privada.

Os responsables municipais acordaron cos traballadores do Centro de Saúde da Guarda dar un prazo dunha semana para resolver o problema ou, alomenos, comezar a facelo. Dentro dunha semana volverán a xuntarse para facer unha valoración das medidas que tome o SERGAS diante desta problemática que están a sufrir e, se non adoptan algunha medida, veranse obrigados a esixir solucións de forma máis contundente.

Dende o Concello da Guarda solidarízanse co persoal sanitario polas condicións de traballo e continuos cambios de turnos e sobredemanda que están sufrindo, unha situación laboral precaria que prexudica ao servizo.

Ponteareas abre o prazo para solicitude de bolsas ás e aos deportistas

A concellería de Deportes do Concello de Ponteareas vén de poñer en coñecemento de todos os interesados e interesadas que ata o día 10 de decembro, as e os deportistas federados de ponteareas poderán solicitar a axuda da bolsa que o Concello concede para a preparación das diferentes competicións nas que vaian participar.

Estas axudas, sinala a Concellería de Deportes, son compatibles con outras axudas públicas ou privadas que se concedan para a mesma finalidade.

As persoas interesadas poderán consultar as bases na páxina web do concello de Ponteareas na pestaña “axudas e subvencións” ou nesta ligazón.

Nahir Covelo sinalou que estas bases, publicadas xa no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO), “subvencionarán a participación en campionatos oficiais do Estado Español ou de nivel superior, convocatorias da selección galega ou española de especialidade ou probas de nivel competitivo superior aso campionatos galegos recoñecidas pola Federación correspondente”.

«Broken Peach» e «Peter Punk» protagonistas do acendido do alumeado de Nadal en Nigrán

0

O Concello de Nigrán celebra este venres 6 de decembro a festa de acendido das luces de Nadal coas actuacións de Peter Punk ás 17:30 h e o concerto de Broken Peach ás 19:00 h na Praza do Concello. Entre un espectáculo e o outro, o alcalde de Nigrán, Juan González, acompañado do presidente do Círculo Social Val Miñor en Buenos Aires, Alberto Lloret, será o encargado de premer o botón que dé comezo ao Nadal en Nigrán.

“Quixemos que a festa tivese un carácter familiar, o humor de Peter Punk gusta a nenos e maiores e Broken Peach son unha banda xa de referencia en Galicia que, polo seu repertorio atemporal, gusta a público de moi diferentes idades”, sinala González, quen incide en que, precisamente, premerá o botón de acendido Alberto Lloret como sinal de afecto do Concello de Nigrán a todos os seus veciños que residen fora do país.

O nigranés Isaac Rodríguez Miranda, Peter Punk, é un dos clowns de referencia en Galicia, novamente regresa á festa do acendido para divertir a nenos e maiores co seu humor traste e fresco sen comparación. O personaxe que encarna é un neno chegado do país de Nunca Máis que se resiste a medrar, un pallaso pillabán e irreverente que xa ten percorrido rúas, prazas e escenarios de toda a Península e máis alá, ata acumular máis de 1.000 funcións nas que espallou risos e tartazos solidarios mesmo en Palestina ou Idomeni.

Broken Peach, composto por catro voces femininas e batería, baixo e guitarra/piano, podería dicirse que é un espectáculo musical para nenos e maiores caracterizado polo eclecticismo musical, xa que viaxa desde o soul ata o rock, pasando polo gospel, funk, pop, etc. De estética elegante á par que extravagante, nesta cita en Nigrán traerán panxoliñas universais como ‘Jingle Bells’, ‘All I Want for Christmas Is You’ ou ‘girls just want to have fun’ e versións de temas clásicos do soul, rock, pop… Todo interpretado dende o seu particular prisma que mestura música e espectáculo. “Creamos para Nigrán un show no que van a gozar tanto os nenos coma os maiores”, finalizan.

A programación de Nadal continúa o sábado ás 17:00 horas cun Bingo Solidario no Auditorio Municipal (para participar é preciso aportar alimentos non perecedeiros) e posterior concerto de Argonat Band ás 20:00 horas. Xa o domingo, no Templo Votivo o Concello ofrece ás 20:00 horas o concerto de ‘I Bimbi Appasionati’ e o grupo de música antiga ‘I Colori dell’Armonía’.

Deputación en Concello de Tomiño repasan a colaboración leal entre ámbalas dúas institucións

A colaboración constante entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Tomiño foi hoxe posta como exemplo de entendemento institucional pola presidenta, Carmela Silva. Fíxoo durante unha xuntanza que esta mañá mantivo coa alcaldesa, Sandra González, e na que ambas repasaron as actuacións desenvolvidas neste municipio durante o pasado mandato 2015-2019 e as que xa están en marcha. Un apoio da Deputación a Tomiño que totaliza 10,2 millóns de euros.

Carmela Silva destacou a calidade e cantidade dos proxectos e iniciativas desenvolvidas neste concello do Baixo Miño. Ao seu xuízo queda demostrado “o compromiso serio con Tomiño, un compromiso que parte da igualdade de trato e da premisa de reparto de fondos con criterios obxectivos e transparentes”. A presidenta provincial agradeceu a “relación fluída” coa alcaldesa e subliñou que neste clima de confianza mutua é posible analizar tanto as actuacións xa realizadas como as que quedan pendentes, buscando fórmulas e camiños para o seu financiamento.

O Concello de Tomiño recibe este ano do Plan Concellos (que se reparte entre tódolos concellos da provincia inferiores a 50.000 habitantes en función da súa poboación, extensión e dispersión territorial) un total de 1.268.865,17 euros. O Plan Concellos funciona cun modelo de transferencias, de xeito que son os concellos os que deciden e licitan as obras, o que convirte á Deputación de Pontevedra na que máis fondos transfire directamente aos municipios (un 30% do seu Orzamento xeral), moi por enriba da media das deputacións españolas, que queda no 16%. Ademais, como se subliñou durante a xuntanza de hoxe, Tomiño destaca pola súa capacidade de xestión, ao ser un dos concellos que máis ao día leva as certificacións das distintas axudas concedidas pola Deputación.

Gracias ás achegas do Plan Concellos, Tomiño puido recuperar recentemente o edificio Unión do Porvenir, mellorar a seguridade no camiño de entrada a Estas, mellorar a accesibilidade na Alameda de Goián, na Igrexa de San Xoán de Amorín e na praza de Figueiró ou acondicionar o campo de fútbol do Alivio, entre outras moitas obras. Ademais, logrou un proxecto dentro do plan de reequilibrio DepoRemse para a reforma da praza do Seixo, actuacións todas elas que teñen mellorado a calidade urbana neste municipio. En materia de Mobilidade, o investimento provincial chegou aos 3,2 millóns de euros e serviu para mellorar a unión entre a estrada provincial EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao paso polo núcleo urbano de Seixo. Ademais, estase a traballar na seguridade viaria da rotonda (pq 3,7) da EP-3101 Tebra-Cristelos.

A Deputación de Pontevedra é a que máis fondos transfire directamente aos municipios (un 30% do seu Orzamento xeral), moi por enriba da media das deputacións españolas, que queda no 16%

Por outra banda, no marco da Liña 2 do Plan Concellos, dedicada ao fomento do emprego, contratáronse a 99 traballadores (cunha media de 25 ao ano), sen esquecer que outras 18 persoas atoparon traballo no Concello no marco do Plan de Práctica Laboral, o Prácticum Depo e o DepoEmprega.

No marco do proxecto europeo Visit Río Minho: Preservación, Conservación e Valorización do río Miño Transfronteirizo, cofinanciadas polos fondos FEDER-POCTEP e a Deputación están en marcha dúas actuacións de relevancia. En concreto, trátase da mellora da accesibilidade e equipamento multifuncional para a dinamización do parque da fortaleza de San Lorenzo, en Goián, con 199.963,44 euros, e o proxecto construtivo dunha ponte internacional para peóns e bicicleta sobre o Miño, entre Goián e o Castelinho (Vilanova de Cerveira). O valor previsto deste proxecto, actualmente en fase de concurso de anteproxectos, é de 209.484 euros.

A Deputación impulsou tamén, durante o mandato 2015-2019, proxectos de iluminación led valorados en preto de 90.000 euros, investiu 226.000 euros en Cultura e outros 448.000 en programas de cohesión social que serviron para a organización de actividades, en colaboración con 23 asociacións, e nas que participaron 1.118 persoas. O impulso ao Deporte foi outro dos eixes da colaboración cunha asignación de 114.000 euros que serviu para dinamizar a actividade de 14 clubs e axudar a 13 deportistas individuais, dos que 9 contan con becas de élite (DepoDAN) ou promesa (DepoPromesa). Ademais, financiáronse 10 DepoEscolas Deportivas de balonmán, fútbol e patinaxe.

A Igualdade, con 35.000 euros, foi outra das liñas de colaboración a través dos cursos do programa Conectadas e os programas Violencia Zero, Cinema e Muller e Sorrisos Transformadores. Ademais disto, o Concello recibiu unha subvención para fomento da igualdade. Finalmente, houbo actuacións en materia de Medio Ambiente, Novas Tecnoloxías (das que, entre outras actividades, beneficiáronse 10 empresas), Comunicación e Turismo.

«Venres polo planeta» trasládase ao xoves 5 para actuar no monte de Prado

A actividade ‘Venres polo planeta’ do Concello de Ponteareas que busca, a través da Concellería de Mocidade que dirixe Miguel Bouzó, “cambiar o futuro indo máis aló das palabras e deseñando accións participativas”, adiántase esta vez ao xoves 5 de decembro, dada a festividade do Día da Constitución do venres 6.

Nesta ocasión todas as persoas que o desexen poderán continuar a limpeza do monte de Prado de 16 h a 18 horas. O punto de encontro será a igrexa de San Nicolao de Prado e todas e todos os interesados e interesadas tan só deberán confirmar a súa asistencia no número de teléfono 687 764 516 ou no enderezo electrónico [email protected]

Oia edita un libro dos «Bolechas» enfocado á igualdade e diversidade

0

O Concello de Oia vén de editar un novo libro dos ‘Bolechas’, unha historia creada expresamente para o municipio coa que os máis pequenos e pequenas poderán recibir información sobre igualdade e diversidade dun xeito ameno e cunha trama que se desenvolve en diversos puntos de Oia.

Baixo o título Os Bolechas. Un magosto moi diverso en Oia, os protagonistas desta nova historia aproveitan unha divertida festa de magosto para reflexionar sobre a igualdade de dereitos das persoas independentemente de cuestións de sexo, raza, cor, relixión, opinión, idioma ou país de nacemento.

En canto aos lugares onde transcorre o relato, destacan o barrio do Arrabal e o Mosteiro de Oia, os petróglifos de Pedornes e o mirador das Penizas, o parque infantil de Viladesuso, o Centro Cultural de Mougás, un muíño de Burgueira, a fonte de Santa Comba e os montes da Serra da Groba. Tamén aparecen colexios de Refoxos e Mestre Manuel García (coa súa emisora de radio escolar, Radio Arrabal).

Para a edición do libro o Concello contou cunha subvención da Secretaría Xeral da Igualdade que cubriu o 100 % do investimento (subvencións ás entidades locais para a promoción da igualdade, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, con cargo ao programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e polo Pacto de Estado contra a violencia de xénero).

Agasallo de Nadal

O Concello de Oia agasallará o novo libro a todos os nenos e nenas do municipio polo Nadal. Tamén porá a disposición algúns exemplares nas bibliotecas dos colexios.

Esta nova aventura dos entrañables personaxes creados por Pepe Carreiro é a terceira que transcorre en Oia. Previamente, o Concello editara Os Bolechas van a Oia (2017) e Os Bolechas. Oia, o Camiño Portugués da Costa (2018), aos que se suma agora o novo libro sobre igualdade e diversidade.

Ponteareas da un paso adiante na instauración da normalidade e a igualdade de xénero

“Ponteareas da un paso máis para acadar a igualdade e a normalidade”, así o resume a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Verónica Carrera, que puxo en marcha os cursos de linguaxe inclusiva programados no Plan de Igualdade e desenvoltos no marco da estratexia EDUSI financiada cos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e con fondos propios.

Ao longo do mes de decembro o funcionariado, o persoal laboral e a Corporación poderán participar nas clases de linguaxe inclusivo que buscan detectar erros cotidiás e aportar solucións aos mesmos co propostas e exemplos que farán que a sociedade avance e desterrarán tratamentos pouco axeitados herdados da sociedade patriarcal.

O concello de Ponteareas primará a alternancia de xéneros sen excluir ningún e dando visibilidade aos dous na documentación, instancias, solicitudes e tamén no trato ás persoas. “Buscaremos a igualdade e para iso é imprescindible dar visibilidade a mulleres e a homes e adaptar sempre a nosa comunicación á maioría ou ao colectivo que temos diante”, explica Verónica Carrera que adianta que a igualdade é cousa de todas e de todos, do conxunto da sociedade.

Un dos primeiros pasos, froito da primeira xornada celebrada onte no salón de plenos, será solicitar o cambio no nome do ‘pacto dos alcaldes’ que para Ponteareas debería ser ‘pacto das alcaldías’.

Nos cursos as participantes e os participantes debaten sobre cuestións diarias tan arraigadas que non apreciamos pero que discriminan. A partir de agora Ponteareas afronta unha renovación que conta co apoio de todas e todos conscientes desas barreiras invisibles que ocultan ao 50 % da poboación, ás mulleres.

Exemplos como ‘o solicitante…’ pasará a ser ‘a persoa solicitante’ para evitar prácticas discriminatorias a través da utilizacion do idioma non igualitaria para ámbolos sexos. O emprego de abtractos como ‘a dirección’ substituirá o común ‘o director…’ para marcar a atención nas funcións que se denotan e non nas persoas que as realizan.

O masculino como falso xenérico deixará de ser unha realidade e pasarase a empregar tamén o uso das barras ‘as propietarios e os propietarios’ e abandonaremos esa pereza na escrita e na lectura que prolongaba mensaxes herdadas dunha sociedade antropocéntrica.

Tamén se facilitarán recursos para as comunicacións informais e as nosas concelleiras e os nosos concelleiros darán exemplo de que todas e todos xuntos desenmascararemos actitudes que deben deixar de ser presente.

Pero o curso de linguaxe inclusiva foi máis aló. Verónica Carrera explica que a formación “tamén avanzou no sexismo social e no uso non sexista da imaxe nos medios de comunicación e ofrecéronse ferramentas e manuais para facilitar o traballo diaria do funcionariado e das persoas en xeral”.

Nigrán retoma o programa de maiores «Coñecendo a pé a nosa contorna»

0

O Concello de Nigrán retoma este xoves 5 de decembro o seu programa destinado aos maiores do municipio ‘Coñecendo a pé a nosa contorna’ cunha andaina polo camiño portugués pola costa dende A Ramallosa a Panxón na que, nesta ocasión, participarán alumnos do CEE de Panxón co obxectivo de que sexa unha actividade interxeracional. Este programa de lecer municipal está deseñado para promocionar o exercicio físico e a socialización entre a xente de idade, dúas cuestións fundamentais para manter unha vida saudable.

O Concello disporá dun autobús gratuito para o regreso a A Ramallosa e os interesados en participar deberán presentarse ás 9:30 horas (non é preciso inscrición previa) na ponte romana, onde rematará a andaina sobre as 12:00 horas. A duración aproximada será dunhas 2,5 horas e a dificultade é baixa. A actvidade incluirá visita ao Templo Votivo de Panxón e rematará cunha chocolatada ofrecida polo CEE de Panxón nas súas instalacións. Recoméndase levar roupa e calzado axeitado e auga.

Concello do Rosal e acuBam estudan camiños de colaboración para potenciar o sector agrícola

0

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e a presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez, mantiveron unha reunión de cara a establecer un primeiro contacto e falar de cuestións, problemáticas e retos concretos nos que deben traballar conxuntamente de cara a potenciar o sector do agro.

Ambas comparten e acreditan nas potencialidades do sector agrícola no Concello e na Comarca e, nese sentido, na xuntanza mantida falaron sobre esta cuestión e outros temas relevantes como é «A Mostra de Cultivos do Baixo Miño».

Nestes intres, acuBam engloba ás empresas da comarca que traballan no agro desde diversos puntos: empresas hortícolas, viveiros ou productoras de flor cortada e todo o conxunto de empresas auxiliares nas que estas se apoian.

«Sen dúbida, debemos colaborar e sentar uns alicerces sólidos de comunicación entre o Concello do Rosal e acuBam.

“O Rosal caracterizouse sempre por ser horta do Baixo Miño” sinalou a rexedora local que amosou o seu convencemento que “entre todos debemos traballar na revalorización da horta, o agro e fomentar o aproveitamento da terra como medio de vida na propia educación dos nosos cativos”.

“Para iso é preciso que camiñemos xuntos e fagamos valer o sector agrícola do Rosal e da Comarca co obxectivo de facer forza e conseguir unha maior implicación da Xunta de Galicia”, afirma a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.

O alumnado do IES Ribeira do Louro do Porriño aprenden primeiros auxilios

Un total de 159 alumnos e alumnas do Instituto de Ensino Secundario ‘Ribeira do Louro’ do Porriño están a recibir un curso de primeiros auxilios de nivel básico impartido por persoal do 061. Trátase dunha iniciativa formativa que promove o Concello porriñés a través da Concellería de Seguridade e Educación que dirixe Lourdes Moure.

Durante as clases que, se realizan entre hoxe e mañá mércores, os estudantes reciben formación teórica e práctica para saber reaccionar ante un atragantamento, unha hemorraxia, queimaduras ou unha parada cardiorespiratoria. A aprendizaxe inclue tamén a manobras de RCP (reanimación cardio pulmonar).

[su_image_carousel source=”media: 9366,9365,9364″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O alumnado asistente a este curso recibirá como agasallo un ‘ambu’ portátil co formato dun chaveiro co escudo do Concello do Porriño. O ‘ambu’ é un dispositivo manual para proporcionar ventilación ante una parada cardiorespiratoria.

Estes cursos formativos estederánse tamén ás Asociacións de Veciños do municipio que xa o solicitaran. Neste intre son Cans, Atios, Pontellas, A Forna-Budiño e San Benito-San Sebastián. Impartiránse en horario de tarde nas respectivas sedes destas AA. VV. comezando, mañá mércores en Atios, a partires das 17 horas.

A San Silvestre Solidaria volve a unir Salvaterra de Miño e Monção

Co lema ‘Veña facer exercicio físico, axudando o próximo’, o vindeiro día 28 de decembro ás 20 horas (19 h, hora portuguesa) terá lugar a saída da San Silvestre Solidaria que, un ano máis, unirá Salvaterra de Miño e Monção. Nesta edición, os participantes de máis idade, tanto na categoría masculina como feminina, recibirán un premio. O mesmo acontecerá co grupo máis numeroso que participe.

A San Silvestre Solidaria, promovida pola Eurocidade Monção– Salvaterra, terá un percorrido de cinco quilómetros polas rúas e prazas das dúas localidades fronteirizas ligadas, hai máis de dúas décadas, por unha ponte internacional sobre o río Miño.

Esta mañá, na sede da Eurocidade no Parque da Lodeira (Monçã0), os responsábeis de Deportes da Câmara Municipal de Monção e do Concello de Salvaterra de Miño, João Oliveira e Edgar Martinez, respetivamente, presentaron o cartel da presente edición salientando, ámbolos dous, “o crecemento dunha proba que xunta exercicio físico con axuda ás familias máis vulnerábeis”.

“A compoñente social é un excelente pretexto para os mozos de 8 anos e os seniores de 88 practicaren deporte” afirmou João Oliveira, expresándose na mesma liña Edgar Martinez ao sinalr que “o máis importante é gozar, facendo o ben xunto das persoas que o precisan”.

Ambos participan na proba, cuxa partida ten lugar na Praza do Concello, en Salvaterra, ás 20 horas (19 h HP), e a chegada na praza Deu-la-Deu, en Monção. As interesadas e interesados en participar nesta proba solidaria só terán que entregar un alimento non perecedoiro que, nunha fase posterior, será distribuído entre as familias con dificultades económicas de ambos os municipios.

Mini San Silvestre para nenos até aos 12 anos

Para que os máis cativos e cativas non queden excluídos desta iniciativa solidaria, arredor das 18:30 horas, terá lugar unha ‘Mini San Silvestre’ para nenos e nenas até aos 12 anos que terá lugar na Praza do Concello, en Salvaterra. A proba ten como obxectivo involucrar aos máis pequenos e pequenas nesta iniciativa deportiva e solidaria.

A organización fai un chamamento á participación á poboación das dúas marxes do río Miño, convidando as persoas de todas as idades a practicar deporte mentres axudan ás familias máis desfavorecidas de ambos os lados da fronteira.

As inscricións están abertas nesta ligazón ou no lugar da proba 30 minutos antes do inicio da mesma. Durante o percorrido, os participantes terán apoio dos bombeiros locais, encontrándose o tráfico rodado condicionado á acción de seguridade da Guarda Nacional Republicana e Garda Civil.

Carta aberta de Roberto Mera en relación coa súa compatiblidade como concelleiro de Ponteareas e avogado

Roberto Mera, concelleiro do Concello de Ponteareas e avogado, vén de remitir unha carta aberta dirixida, tanto aos medios de comunicación coma a opinión pública, de cara a rematar a polémica xurdida “sobre a miña compatibilidade entre o meu cargo no Concello de Ponteareas e o exercicio da avogacía”, sinala o concelleiro ponteareán.

En Comarcas na Rede, para dar por rematado o fío desta polémica e atendendo ao dereito a réplica, públicamos na súa integridade nesta ligazón a carta aberta remitida por Roberto Mera, así como a documentación aclaratoria que adxunta como é o recurso de resposición de Belén Villar sobre a compatibilidade; as alegacións de Roberto Mera ao recurso de Reposición de Belén Villar; o informe xurídico sobre o recurso de reposición de Belén Villar; certificación do Acordo Plenario do 26 de novembro sobre a compatibilidade e, por último, a queixa presentada ante a Valedora do Pobo pola concelleira do PP.

Preto de medio cento de actividades no programa de Nadal de Nigrán

0

O Concello de Nigrán arrancou, co inicio do mes de decembro, unha programación especial de Nadal que concentra preto de medio cento de actividades desde este pasado domingo día 1, no que se celebrou o mercado dos comerciantes da Ramallosa en Panxón, ata a cabalgata de Reis, o 5 de xaneiro, como punto final. As cinco mochilas vibratorias do Concello estarán a disposición de todas aquelas persoas que as soliciten para garantir así a accesibilidade nos diferentes concertos.

Así, tras celebrar o Día Internacional da Discapacidade hoxe martes 3, o venres 6 de decembro terá lugar o acendido das luces de Nadal na Praza do Concello coa actuación de Peter Punk e o concerto posterior da banda feminina de rock&soul Broken Peach.

Ao día seguinte celebrarase unha das novas iniciativas do Concello neste Nadal, un bingo solidario no Auditorio Municipal co concerto posterior de Argonat Band. Non será a única novidade na programación, o Concello ofrecerá sendos concertos no Templo Votivo do Mar en Panxón (‘Il Bimbi Appassionati‘ e o grupo de música antiga ‘I Colori dell’Armonía‘ o domingo 8 e a Coral Novos Aires o sábado 21) ou unha gala de teatro o día 28 e outra de Afaga o día 27, ademais, colaborará cos comerciantes na celebración das 12 badaladas o mediodía do 28 na Alameda de San Campio.

Como é preceptivo nestas datas, os nenos serán os protagonistas na programación non só na Cabalgata do día 5 de xaneiro, se non moi especialmente durante o periodo de vacacións escolares. O Concello, ademais de organizar a ludoteca de Nadal e ofrecer a visita dos paxes reais ou Papá Noel a tódolos colexios e a Praza Rosalía de Castro e Auditorio, ofrecerá diferentes sesións de contacontos os días 27 de decembro e venres 3 de xaneiro, e os musicais ‘A voar’ de Cé Orquestra Pantasma o domingo 29 e ‘Pedro e o lobo’, de Prokofiev, o xoves 2. Novamente, prográmase unha excursión a Perlim o xoves 26 (inscrición previa do 16 ao 20 de decembro) e o colexio Humberto Juanes realizará dous festivais solidarios o xoves 19 e venres 20.

Citas xa tradicionais como o baile de maiores (día 15) ou o pasarrúas da Rondalla de Parada (martes 24) e o concerto de corais (día 14) mantéñense na programación un ano máis xunto aos papanoeles surfeiros ou moteiros os dous o día 22 e o cine-club Alice Guy o 19.

No eido deportivo, os clásicos torneos solidarios multiplícanse co ‘Encesta un alimento’ do C.B. Nigrán (21 e 22), fútbol-sala (27, 28 e 29) e patinaxe (20) no Pavillón, o de xadrez Laroca no Auditorio (20, 21 e 22) e, finalmente, a carreira San Silvestre organizada polo Concello o sábado 28.

“En definitiva, deseñamos unha programación pensando en todas as idades e en todos os gustos para que ninguén se sinta fora”, resume o alcalde, Juan González.

Tomiño reforza a súa aposta polo Servizo de Axuda no Fogar

0

O Concello de Tomiño segue a facer unha aposta estratéxica polo Servizo de Axuda no Fogar, un servizo orientado ao coidado de persoas en situación de dependencia que o municipio oferta dende hai anos. Un servizo cualificado polo Goberno local que preside Sandra González como “indispensable” e que ano tras ano mellora coa formación continua e específica dos seus traballadores e traballadoras.

Esta semana, 19 auxiliares socio-sanitarios recibían de mans da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e da concelleira de Benestar, Cristina Martínez, os diplomas como participantes na segunda edición do curso de atención socio-sanitaria especializado en persoas con Alzhéimer e outras demencias, realizado nos meses de maio e xuño.

Foron en total 100 horas de formación, 40 teóricas e 60 prácticas, nas que as 18 mulleres e o home participantes aprenderon a entender as alteracións de conducta e emocionais máis habituais nestes casos e a como enfrontarse a elas, proporcionando aos usuarios e usuarias a mellor resposta posible e mellorar así a súa calidade de vida e a dos seus coidadores/as.

[su_image_carousel source=”media: 9348,9347,9346,9344,9343,9342,9341″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

A concelleira de Benestar salienta a disposición do Concello a continuar organizando accións formativas especializadas “que permitan dar resposta á demanda actual non só das 113 persoas usuarias do servizo, senón tamén do mercado laboral”.

“Son proxectos –salientou Martínez– de formación que non só melloran a competitividade dos profesionais, senón que tamén fan que aumente a percepción de calidade do servizo que teñen as persoas usuarias”. Por este motivo, o Concello xa está organizando coa empresa adxudicataria do servizo, IDADES S.L., novos cursos formativos para o vindeiro ano.

O programa de axuda no fogar inclúe servizos de fisioterapia, acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables, así como tamén material técnico como grúas de mobilización persoal, camas articuladas, andadores, cadeiras de rodas, cadeiras de ducha-baño e outros materiais necesarios para o coidado de persoas maiores ou enfermas.

Na actualidade, 40 auxiliares socio-sanitarios realizan un total de 40.000 horas mensuais para atender aos 113 usuarios e usuarias. O Concello de Tomiño investiu este ano 564.000 euros neste servizo.

A Guarda da a benvida ao Nadal este xoves

0

A Casa dos Alonsos acolleu, este martes, a presentación da axenda coa programación para este Nadal 2019/2020, cun programa cargado de actividades para nenos e maiores. O alcalde, Antonio Lomba, acompañado das concelleiras de Comercio e Cultura, Fátima Rodríguez e Montserrat Magallanes, respectivamente, era o encargado de facer público este programa que se alongará ata os primeiros días de xaneiro do 2020.

Tal e como quedou de manifesto A Guarda terá un Nadal moi especial este ano, repetindo a Pista de Xeo na Alameda da Guarda, incorporando un Mercado de Nadal na Praza de Avelino Vicente e un espazo para Obradoiros e actividades infantís na Praza de Juan Bautista e, xa para por o broche final, unha Cabalgata de reis magos moi especial.

As actividades programadas arrancan xa na xornada deste xoves co acendido do alumeado de Nadal, unha xornada que comezará a partires das 18:00 h na Praza do Reló con actuación de Mere-Clown co espectáculo ‘Aparvaolimpiadas’, o acendido do alumeado de Nadal e o concerto infantil de ‘Luis Vallecillo’.

Variedade de propostas para todas as idades

Entre as actividades culturais destacan, Animación e Ludoteca para nenos e nenas, Concertos para a mocidade, Cantos de Nadal e Concertos do Conservatorio. Doutra banda, salientouse na presentación deste programa “a implicación por parte das asociacións” que colaboran, como cada ano, na decoración das prazas na campaña Decora o Teu Nadal, acompañando aos Reis Magos na Cabalgata do 5 de xaneiro “ou organizando mercadiños solidarios, exposicións, chocolatadas e sorteos de chegues regalo”.

Maiores e pequenos poderán tamén este ano gozar da Pista de Xeo que quedará instalada na Alameda. Como novidade deste ano, a Guarda contará cun Mercado de Nadal na Praza de Avelino Vicente e, xa na Cabalgata de Reis outra das novidades será o acompañamento das carrozas por ‘La Fiesta Escénica’ cun percorrido dende a Alameda ata o Concello ás 18:00 h.

As rúas serán, este ano, os grandes escenarios da programación de Nadal co obxectivo, “de xerar un maior movemento de persoas pola vila, favorecendo a mobilidade das persoas polo casco urbano e incentivando as compras no comercio local”.

Pista de Xeo

A Alameda da Guarda contará novamente cunha Pista de Xeo que estará en funcionamento do 5 de decembro ao 19 de xaneiro.

O horario da Pista de xeo será de Luns a venres de 16:00 h a 21:30 h e as fines de semana de 12:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 21:30 h, cun horario especial para o 25 de decembro, 5 e 6 de xaneiro de 16:00 h a 21:30 h e os días 24 e 31 de decembro de 12:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 20:00 h.

Este ano establécese un sistema de puntos que permitirá facer promocións a través das empresas locais. Cada entrada para a Pista de Xeo terá un custo de 7 puntos e cada punto terá un valor de 1 €. Todos aqueles comercios que desexen dispor de puntos para a Pista de Xeo poderán mercar os que desexen na empresa colaboradora Informática San Benito no teléfono 986 60 89 20, tamén se poderán mercar ‘in situ’ na Pista de Xeo na Alameda da Guarda.

As empresas que se adhiran ao sistema de puntos deberán de manter o seu compromiso de dispor de puntos nos seus establecementos ao longo da duración da campaña de Nadal, do 5 ao 19 de xaneiro, o seu reparto entre os seus clientes queda á elección de cada comerciante, os puntos que non se consuman ao remate da campaña serán reembolsados. Cada local participante aparecerá nunha lona na propia pista de xeo e terá un cartel anunciador da campaña no seu establecemento. Tamén se disporá de espazos publicitarios no interior destas instalacións, un lugar para dar visibilidade aos servizos e produtos das empresas que desexen incluír publicidade alí.

Dende o Concello da Guarda lembrouse ao comercio e ao sector hostaleiro “o importante esforzo económico que supón traer novamente á Guarda unha Pista de Xeo”, polo que se pediu a súa colaboración e implicación para facer que o seu funcionamento sexa o agardado e se converta nunha tradición do Nadal Guardés.

Coa instalación desta Pista de Xeo preténdese incentivar o consumo e as estancias de visitantes na Guarda, nunha das épocas de maior afluencia e máis importantes para o tecido económico guardés como é o Nadal.

Aberto o prazo para os «IV Premios María Luz Morales» de ensaio sobre o audiovisual

Coa publicación das bases na páxina web da Academia Galega do Audiovisual, –que se poden consultar nesta ligazón–, ábriuse o prazo de presentación de traballos para os ‘Premios María Luz Morales’ de Ensaio sobre audiovisual, certame que busca recoñecer a figura da escritora e xornalista María Luz Morales Godoy e promover a investigación científica no ámbito audiovisual e que, nesta edición, terán como sede a Deputación de Pontevedra.

O premio foi presentado ó abeiro da feira Culturgal no que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou a importancia deste certame: “Tomamos agora o relevo destes premios que manifestan a grande revolución audiovisual que vive Galicia, con proxectos que están a recibir recoñecemento nacional e internacional”. Desta forma, os premios María Luz Morales naceron no ano 2017 e están organizados pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coas catro deputacións galegas.

Máis polo miúdo, os ensaios presentados ó certame poderán ser de dúas modalidades, ensaio escrito e videoensaio, e cada unha destas modalidades terá dúas categorías, unha que abarca calquera aspecto do audiovisual do ámbito internacional e outra na que se recollerán ensaios que estean relacionados especificamente co audiovisual galego. O premio para cada unha das catro categorías será de 1.200 euros e un trofeo conmemorativo. Ademais, os ensaios gañadores serán publicados na web da Academia Galega do Audiovisual, tanto en texto como en vídeo. Os traballos deberán entregarse por correo electrónico no enderezo [email protected] antes do 3 de maio do 2020.

A entrega de premios, na que se anunciarán os traballos gañadores, será acollida pola Deputación de Pontevedra en xuño de 2020. Deste modo, con este certame preténdese recoñecer a labor de María Luz Morales, que foi, tal e como explicou Silva, “pioneira do xornalismo cultural no século XX que en 1924 se fai cargo da crítica cinematográfica co pseudónimo masculino de Felipe Centeno, nome dun personaxe de Benito Pérez Galdós, porque daquela as mulleres tiñamos que asinar con nomes de homes”.

María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona, 1980) foi unha escritora e xornalista especializada na crítica de cinema e de teatro. Dirixiu o xornal ‘La Vanguardia’ durante a Guerra Civil, sendo a primeira muller na historia de España en ser directora dun diario estatal. Foi activista feminista, republicana e galeguista represaliada polo franquismo, e autora dunha extensa obra literaria. Considerada unha referencia da incorporación da muller á actividade xornalística e intelectual na España do século XX, mantivo a actividade xornalística ata os 91 anos de idade.

O PP asegura que nunca estiveron contra a compatibilidade de Mera, “só pedimos que se cumprira a Ley”

O Partido Popular de Ponteares “agradedeu a rectificación da Alcaldía de Ponteareas” levando novamente a Pleno o acordo da compatibilidade de Roberto Mera engadindo un novo punto “no que limita a compatibilidade do oficio de avogado de Mera”, tal e como os populares aseguran ter defendido dende o prinicipio.

O Partido Popular de Ponteareas asegura que “xamais se manifestou en contra destas compatibilidades” e que se rexeitou en xullo a proposta de compatibilidade de Roberto Mera, foi porque, segundo sinalan “supoñía un trato de favor e non se garantía que non se producisen conflitos de intereses”.

A decisión de poñer a cuestión en coñecemento da Valedora do Pobo, explica a portavoz popular Belén Villar, estivo motivada “polo ‘rodillo’ que aplicou o alcalde nese pleno e que contou co apoio do PSOE”.

Foi esta situación a obrigou a que por parte da alcaldía, sinala o PP, “decidírase limitar a compatibilidade para axustarse á lei”, levándoa de novo a pleno e engadindo un apartado no que se especifica que “o interesado deberá absterse de levar aqueles asuntos nos que poida menoscabar ou estrito cumprimento dos seus deberes como concelleiro con adicación exclusiva do Concello de Ponteareas ou poida comprometer a súa imparcialidade ou independencia como tal, debendo axustar a súa actuación, aos supostos de abstención previstos non artigo 23 dá li 40/2015, de 1 de outubro”.

Este punto, engadido no recente Pleno era, segundo o PP, o que levaban solicitando dende o primipio e o motivo polo que decidiron cambiar o seu voto e apoiar a compatibilidade, “xa que agora si cumpre coa lei”, apuntan.

Por último, o PP considera “vergoñento” que no canto de estar agradecidos o Goberno local salga criticando que agora voten a favor cando, aseguran, “deberían calar e explicar porqué non se limitou a compatibilidade desde o principio” sobre todo tendo en conta que, ese mesmo día, “aprobouse unha compatibilidade para un funcionario público, que tamén é avogado, e limitábanse as súas funcións”.

Os populares aseguran que o seu compromiso é facer “unha política construtiva” pero o seu traballo tamén é “fiscalizar a tarefa do alcalde e dos seus edís” polo que anuncian a súa frontal oposición a calquera “política de amiguismos”.

Clausura do curso de restauración de mobles e tapicería do «Depo en Marcha» en Ponteareas

A deputada de Cohesión Social, Olga García Ballesteros e o concelleiro de Mocidade do Concello de Ponteareas, Miguel Bouzó, entregaron os diplomas do curso de Restauración de Mobles e Tapicería ofertado pola Deputación de Pontevedra dentro do programa ‘Depo en Marcha’.

Un total de quince mulleres participaron neste curso desenvolto na Casa Cultural ‘Antorcha’, en Cristiñade aprendendo a realizar reparacións e restauracións de diferentes elementos de decoración e pezas para darlle unha segunda vida.

‘Depo en Marcha’ é un programa pensado para favorecer o envellecemento activo das persoas maiores da provincia de Pontevedra a través de distintos talleres que axuden a optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade co fin de mellorar a súa calidade de vida. Está dirixido a asociacións, federacións ou confederacións e fundacións que desenvolven diferentes actuacións e traballos no ámbito das persoas maiores.

O Pleno de Ponteareas rexeita o recurso contra a incompatibilidade de Mera cos votos de BNG, PSOE… e PP

O Pleno da Corporación Municipal de Ponteareas, celebrado o pasado martes, rexeitou o recurso presentado pola portavoz popular, Belén Villar, sobre a incompatiblidade de Roberto Mera para que puidera exercer o seu traballo de avogado. O recurso foi rexeitado cos votos do BNG, PSOE e, sorprendentemente, cos votos do PP, quen podendo retirar o mesmo preferíu mantelo e votar en contra.

Coa súa postura, sinala o Goberno local, “o PP aceptou agora a compatibilidade de Mera e que este poida exercer como avogado e concelleiro do Goberno sen ningún límite engadido aos que xa prevé a lei”. Nese cambio de postura, sinala o executivo local, “Villar pasou de afirmar que “dedicarse al ejercicio de la abogacía es completamente incompatible con sus funciones” a dar o visto bo a adicación exclusiva de Mera e a súa actividade de avogado”.

Para o goberno, a decisión da portavoz do PP “revela que fixeron xogo suxo durante meses con ataques persoais para desprestixiar a Mera, utilizando de forma fraudulenta á Valedora do Pobo e faltando ao respecto aos informes do secretario municipal”. Tralo Pleno, o Alcalde remitíu un certificado do acordo á Valedora do Pobo para que arquive a queixa presentada por Belén Villar. Segundo Represas “debe ser a primeira vez que a Valedora recibe unha queixa que aos poucos días é rexeitada pola mesma persoa que a presentou”.

No mes de xullo o Pleno de Ponteareas, co informe favorábel do asesor xurídico municipal, autorizou a Roberto Mera a compatibilidade entre as súas funcións como concelleiro de goberno e o exercicio da avogacía. O Partido Popular foi a única forza que votou en contra.

No mes de agosto Belén Villar recorría o acordo e presentaba unha queixa perante a Valedora do Pobo. Segundo o PP, a compatibilidade de Mera vulneraba a lei e debía ser anulado. No seu recurso e queixa Villar sinalaba que “es obvio que no es compatible el horario de concelleiro con una actividad privada de abogado” engandindo que “dedicarse al ejercicio de la abogacía es completamente incompatible con sus funciones”.

Segundo o PP, Mera debía escoller a adicación exclusiva no Concello ou á avogacía ou ben acollerse a unha adicación só parcial. Ademais, os populares denunciaban a existencia de conflicto de intereses entre o cargo de concelleiro e o exercicio da avogacía que segundo o PP afectaba ao deber de imparcialidade e independencia esixible ao edil no goberno local.

No seu recurso, Villar remataba advertindo que “la actividad privada consistente en el ejercicio de la abogacía, en el presente caso, no debería ser compatible con el desempeño por el Sr. Mera de su trabajo como concejal, toda vez que esa función pública que desempeña puede verse menoscabada”.

En novembro o asesor xurídico e secretario municipal emitíu un informe rexeitando os argumentos de Belén Villar e aclarando novamente que a compatibilidade da avogacía e o cargo de concelleiro é legal ao estar permitida pola lei e amparada por sentenzas xudiciais e que a dedicación preferente de Mera ao concello estaba asegurada. Respecto ao conflito de intereses o asesor xurídico sinala que as afirmacións de Villar “baséanse en suposicións” e recorda que a Lei de Réxime Xurídico do Sector Público xa establece as causas de abstención por razóns de parentesco ou profesionais que obrigan aos funcionarios e cargos públicos a non intervir nos asuntos nos que poidan ter intereses. O asesor xurídico incluso decide introducir no acordo esa referencia ao deber de abstención por lei, a pesares de “que resulta obvia”, concluindo que por elo “o recurso debe ser rexeitado”.