7.9 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA arte urbana chega ao Centro Penitenciario da Lama para "sementar pola...

    A arte urbana chega ao Centro Penitenciario da Lama para “sementar pola igualdade”

    Carmela Silva asistiu á presentación do graffiti realizado por un grupo de internas, coa coordinación da artista Iria Fafián, nun dos muros do módulo de mulleres

    Implicar a un grupo de mulleres internas no Centro Penitenciario da Lama dende a acción artística para promover unha actitude crítica fronte á desigualdade, foi o obxectivo fundamental da elaboración do graffiti presentado este mércores no penal pontevedrés, ó abeiro da campaña institucional da Deputación de Pontevedra con motivo do 25 de novembro ‘Sementando pola Igualdade’.

    No acto de inauguración da peza de arte urbana nun dos muros do Centro participaron a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, a directora das instalacións penitenciarias, María Teresa Delgado, a artista Iria Fafián que coordinou o graffiti, e unha representante das internas que o levaron a cabo. Así, esta obra de 8 metros de largo e 6 de alto, que amosa dúas mulleres apoiadas nas súas costas, simboliza o apoio, a confianza e, en definitiva, a sororidade, concepto do que partiu a artista coordinadora para vertebrar o mural. As mulleres internas, que colaboraron na elaboración e idealización do graffiti, plasmaron na parede as palabras ‘Respecto, forza, unión, loita e apoio’. Deste xeito, a peza colectiva, que procura sensibilizar acerca das desigualdades existentes entre mulleres e homes, está inserida nas accións levadas a cabo pola Deputación no mes de novembro.

    A presidenta provincial, Carmela Silva, departiu coas mulleres internas que participaron na elaboración do graffiti, ás que agradeceu o seu compromiso con esta acción colectiva. “Cremos profundamente no poder transformador da arte para reivindicar as causas que merecen a pena como a loita pola igualdade e a súa capacidade de denuncia”, dixo Silva, quen mostrou a súa emoción pola colaboración das mulleres internas e a súa vontade para colaborar con esta acción artística.

    Na presentación do mural do cárcere da Lama, as participantes recibiron bolsas da Escola María Vinyals que inclúen unha camiseta da campaña contra as agresións sexuais, os dípticos desta campaña, pulseiras de tea de ‘Mulleres en acción. Violencia Zero’ e un libro de María Vinyals.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.