O Concello de Nigrán está a rematar a renovación de 215 metros de tubaxe de impulsión de augas residuais na Avenida de Portugal (A Ramallosa) poñendo fin aos problemas de constantes avarías na zona –dez neste último ano– debido ao mal estado das mesmas.
As obras, explica o Goberno que preside Juan González, foron acometidas de urxencia polo Concello “ante o perigo inminente dunha gran ruptura que puidese producir filtracións ao río” e supuxeron un custe de 63.897 €.

Os traballos constaron da substitución por tubaxe de polietileno de 250 mm de diámetro e posterior reposición do asfalto no carril afectado, o da marxe dereita en sentido a Vigo.
“Dada a situación ao borde do colapso, optouse pola substitución total de urxencia para evitar males maiores e por fin dunha vez aos constantes problemas”, resume o alcalde, Juan González.
Así, o colector de fundición rebasara a súa vida útil tras máis de 30 anos en funcionamento e o propio efecto do intenso tráfico rodado e da abrasión debilitaran profundamente a súa estrutura, producíndose constantes roturas coas consecuentes molestias aos veciños e posibles filtracións á contorna.