Luns, 20 Xaneiro de 2025

Concello do Rosal e acuBam estudan camiños de colaboración para potenciar o sector agrícola

A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, e a presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez, mantiveron unha reunión de cara a establecer un primeiro contacto e falar de cuestións, problemáticas e retos concretos nos que deben traballar conxuntamente de cara a potenciar o sector do agro.

Ambas comparten e acreditan nas potencialidades do sector agrícola no Concello e na Comarca e, nese sentido, na xuntanza mantida falaron sobre esta cuestión e outros temas relevantes como é «A Mostra de Cultivos do Baixo Miño».

Nestes intres, acuBam engloba ás empresas da comarca que traballan no agro desde diversos puntos: empresas hortícolas, viveiros ou productoras de flor cortada e todo o conxunto de empresas auxiliares nas que estas se apoian.

«Sen dúbida, debemos colaborar e sentar uns alicerces sólidos de comunicación entre o Concello do Rosal e acuBam.

“O Rosal caracterizouse sempre por ser horta do Baixo Miño” sinalou a rexedora local que amosou o seu convencemento que “entre todos debemos traballar na revalorización da horta, o agro e fomentar o aproveitamento da terra como medio de vida na propia educación dos nosos cativos”.

“Para iso é preciso que camiñemos xuntos e fagamos valer o sector agrícola do Rosal e da Comarca co obxectivo de facer forza e conseguir unha maior implicación da Xunta de Galicia”, afirma a alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís.