Mércores, 12 Febreiro de 2025

«I Bimbi Apassionati» e «I Colori dell’Armonía», este domingo no Templo Votivo de Panxón

Trátase da primeira edición de «Música do Templo», unha oportunidade única para gozar da mellor música en directo nun espazo espectacular

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación especial de Nadal, ofrece este domingo ás 20:00 horas no Templo Votivo de Panxón a primeira edición de ‘Música do templo’, que estará composto pola actuación do coro infantil-xuvenil ‘I Bimbi Appassionati’ e do grupo de música antiga ‘I Colori Dell’Armonía’. Unha oportunidade única para gozar da mellor música en directo nun espazo realmente espectacular.

‘I Colori Dell’Armonía’, grupo especializado na interpretación historicamente informada de música dos séculos XVII e XVIII, tocará un total de catro sonatas de Arcangelo Corelli, Giovanni Battista Fontana, Johan Rosenmüller e Antonio Vivaldi respectivamente. O grupo naceu no 2010 en Porto dentro do ámbito académico da ESMAE. Está formado por Andoni Conde e Mariña García-Bouso (violíns) e Débora Valuja (cravo), contando con diferentes colaboracións segundo o programa previsto.

Pola súa banda, o coro infantil-xuvenil ‘I Bimbi Appassionati’ interpretará ‘Lubilate Deo y Ubi Caritas’ (Mark Patterson), ‘No lloréis mis ojos’ (Victorina Falcó), ‘Todos venid callandito’ (José Pacheco), ‘Hacia Belén va una burra’ (popular) e ‘Ave María’ (Giulio Caccini). Esta formación nace no 2018 da man da mezzosoprano de Nigrán Nuria Lorenzo. Dende entón xa deron numerosos concertos, os máis recentes na Sagrada Familia de Barcelona e Mosteiro de Montserrat. Actualmente estanse a preparar para participar nun concurso internacional en Romanía defendendo a España.