10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ Noticia«Bertín», o 'avó' do CAAN xa desfruta no seu novo fogar

    «Bertín», o ‘avó’ do CAAN xa desfruta no seu novo fogar

    O animal que máis tempo levaba no centro, no que entrou sendo un cachorro en 2013, foi trasladado hoxe ao domicilio de Elisa, a muller que o adoptou na parroquia de Valongo, en Cerdedo-Cotobade

    Seis anos despois, a historia de “Bertín”, o avó do CAAN, por fin ten un final feliz. Este mestizo desfruta xa no seu novo fogar en Cerdedo-Cotobade, onde foi trasladado esta mesma tarde polo persoal do centro despois de pasar os seus primeiros seis anos de vida nas instalacións da Armenteira.

    O último chamamento feito pola presidenta da Deputación, Carmela Silva, a pasada semana durante a presentación da nova campaña de sensibilización do CAAN, tivo finalmente resposta cando Elisa, de 63 anos, tomou a decisión de adoptar a ‘Bertín’. Esta veciña da Raña, na parroquia de Valongo do devandito municipio pontevedrés, recibiu encantada ao can, acompañada de Mariña, a súa sobriña neta.

    “Estamos moi felices de que por fin “Bertín” teña un fogar por vez primeira na súa vida –indicou Carmela Silva–. A súa historia, e as que demos a coñecer nestes días, como o caso dos cinco cachorros arroxados a un colector en Vilanova, amosan que o problema do abandono de animais segue a ser grave. A nosa filosofía no CAAN é a do coidado e o benestar dos animais ata que academos a súa adopción, que permita que estean nun ambiente de cariño, atención e coidado”. Reiterou que ‘Bertín’ “é un can moi bo, cariñoso, que será unha delicia para a súa nova dona”.

    A historia dun abandono

    A historia de ‘Bertín’ é unha máis dos moitos cans e cadelas que seguen a ser abandonados. Sendo un cachorro, chegara con apenas un mes de vida ao CAAN o 11 de abril do 2013, tan só tres días despois da apertura do centro dependente da institución provincial. Este mestizo apareceu abandonado, aínda que en bo estado de saúde, na Praza Maior do municipio das Neves, onde o propio Concello foi que deu o aviso ao CAAN. Na Armenteira entrou como o can número 14 e, se ben ao principio era asustadizo e desconfiado, na actualidade tiña moi bo carácter, segundo destaca o persoal do centro.

    O veterinario xefe do CAAN, José Luis Pedreira, subliñou tamén que ‘Bertín’ “é o can máis especial que tiñamos”. “Ata agora nós fomos a súa familia, evidentemente non a máis adecuada, pero a que coñece”, indicou, para afirmar logo que é seguro que o animal se acostumará enseguida ao seu novo fogar: “a unha situación mellor nos adaptamos sempre, os animais tamén”.

    No centro atópanse preto de 450 cans á espera da adopción. Cara este Nadal, a Deputación acaba de lanzar unha nova campaña de sensibilización baixo o lema ‘Esteriliza, adopta’, que pretende facer fincapé na tenza responsable dos animais, así como na adopción fronte á compra. Esta campaña repartirá carteis e dípticos en toda a provincia, e busca implicar concellos, centros de ensino e Colexios de Veterinarios na tarefa de sensibilización fronte ao abandono.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.