Venres, 24 Xaneiro de 2025

Un monumento da Escola de Cantería homenaxeará en Melgaço ao galeguista Xosé Velo

O monólito lembrará a figura do político galego exiliado durante o franquismo e recoñecerá a vila portuguesa como acubillo dos fuxidos do fascismo

A localidade portuguesa de Melgaço acollerá, este venres 6 de decembro, a inauguración do monumento en homenaxe ó político galego Xosé Velo Mosquera e ao propio pobo da vila portuguesa “por servir de acubillo ós galegos fuxidos durante a Guerra Civil e a posterior barbarie franquista”. A peza, un monólito de granito silvestre de 178 centímetros de alto por 126 de largo e 56 de fondo, foi elaborada polo alumnado da Escola de Cantería e xurdiu dun convenio entre a Fundación Lois Peña Novo e a Deputación de Pontevedra.

A pretensión do ente provincial e da asociación é poñer en valor a figura do político galeguista Xosé Velo, militante incansable e en contra das ditaduras que asolagaron España e Portugal durante o século XX. Deste xeito, no acto de presentación do monólito estarán presentes a deputada provincial Noemí Outeda; o presidente da Cámara Municipal de Melgaço, Manoel Batista Calçada e o presidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto, Luis Manuel García Mañá, que colaborou estreitamente na recuperación histórica do persoeiro galego.

O monólito conta cunha inscrición conmemorativa na que se lembra ó político nado en Celanova e a hospitalidade das terras de Melgaço, unha “porta á liberdade soñada, tronzada pola feroz persecución da sublevación fascista de 1936”, segundo o texto gravado na peza.

Xosé Velo foi un dos moitos que viviron a represión franquista durante gran parte da súa vida, posto que tras o golpe de Estado do 1936 foi encarcerado varias veces e obrigado a incorporarse ás liñas fascistas na División Acorazada Brunete ata 1938. Posteriormente, conseguiu saír cara Venezuela, a onde chegou en outubro de 1948. Así, unha das súas maiores fazañas foi secuestrar o buque de pasaxeiros de bandeira portuguesa “Santa María” para poñer o foco nas ditaduras de Salazar e Franco.