O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia presentou, o pasado 27 de novembro no Rexistro Xeral do Concello de Redondela, unha denuncia ao proxecto do Centro Cultural de Quintela, unha das actuacións “estrela” do programa electoral de Javier Bas. Nunha reunión previa mantida polo Colexio de Arquitectos coa alcaldesa Digna Rivas, os representantes do COAG manifestáranlle á rexedora local a súa intención de presentar a antedita denuncia.
Meses antes das eleccións municipais o Partido Popular do entón alcalde Javier Bas anunciaba “a bombo e platillo o que era o proxecto máis populista da campaña do PP”, sinala o Goberno local que preside a socialista Digna Rivas, o inminente inicio dunhas obras consistentes na instalación dun Centro Social en Quintela nunha actuación que non tiña máis intención que “enganar a veciñanza”. Tanto é así, apunta o Executivo local, que incluso os terreos “nos que supostamente íase a realizar a obra, lucían un cartel de obra, encargado e pagado con cartos da cidadanía polo propio Goberno do PP días antes das eleccións municipais”.
Non foi este o único cartel colocado con obras “para as que non había nin tan sequera proxecto e que só foron froito de sonos electorais”, explica o Goberno redondelán que pon como exemplo “os colocados na praza de Ponteareas por importe de 578,45 euros, e na Vía Verde e o Barrio das Artes por importe duns 1.500 euros”.
A entrada do novo Goberno deixou ao descuberto á realidade do procedemento. O día 17 de xuño, “data na que a obra, segundo o PP, debería estar iniciada, esta carecía da pertinente contratación de dirección de obra e coordinación de seguridade e saúde”, contrato tamén iniciado polo PP e que comprometía un pago de máis de 12.000 euros por un traballo de dirección de obra de 3 meses.
O Goberno que preside Digna Rivas salienta o feito de que eran tal as irregularidades “que foi a propia empresa adxudicataria da obra a que advertiu da dubidosa execución da mesma ao detectar deficiencias na propia redacción do proxecto e a carencia de requisitos formais que a obrigaban a adquirir uns módulos de marca concreta en contra do indicado na lei de contratos”.
Segundo indica a propia empresa, miráronse na obriga de renunciar a realizar a obra debido as modificacións das condicións económicas impostas pola empresa subministradora e as presións marcadas por esta, ao que había que engadir o insuficiente prazo de execución das obras.
Todo estes motivos foron os que fixeron que o actual Goberno paralizase o procedemento de cara a “iniciar un novo proceso aberto e transparente, comezando pola modificación do proxecto inicial con fin de adaptalo as prescricións técnicas necesarias e cun novo financiamento.
O novo proxecto do centro social de Quintela “será unha realidade o próximo ano 2020 grazas ao financiamento a través do Plan Concellos da anualidade 2020, posible trala renuncia á realización do proxecto de saneamento de Agrelo “outro proxecto contratado polo PP que ten que ser modificado para poder obter a autorización previa de Patrimonio”.