Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, e Montserrat Magallanes, tenente de alcalde, mantiveron unha xuntanza, onte martes, no Centro de Saúde da localidade para coñecer de primeira man os problemas que están a sufrir, tanto os pacientes como os profesionais sanitarios, motivados pola falta de persoal.
Esta situación provoca que a cobertura médica no Centro de Saúde sexa mínima, ou deficiente en moitos casos, dándose situacións coma o desta mesma tarde de martes, na que, dos 3 médicos habituais, non vai a prestar servizo ningún, o que provocou a anulación de máis de 60 citas de pacientes, co conseguinte malestar.
Dende fai unha tempada a plantilla que presta servizo na Guarda viuse reducida, moitos dos días, á metade, dos 8 médicos que prestan servizo habitualmente, están consultando unha media de 4.
“
A Guarda atópase a unha hora de Vigo e isto fai que unha mala cobertura sanitaria poida provocar situacións de risco que, de non poñerlle remedio, acabarán traendo graves consecuencia para a saúde dos veciños
O alcalde da Guarda trasladou aos profesionais sanitarios que dirixirá unha queixa ao Conselleiro de Sanidade expresándolle, por un lado a mala cobertura sanitaria que está a sufrir a vila da Guarda e, por outro lado, as queixas dos profesionais debido a mala situación laboral que teñen. Hai que ter en conta que A Guarda atópase a unha hora de Vigo e isto fai que unha mala cobertura sanitaria poida provocar situacións de risco que, de non poñerlle remedio, acabarán traendo graves consecuencia para a saúde dos veciños. De feito, moitas persoas lle están trasladando persoalmente ao alcalde situacións particulares moi graves que están a sufrir.
Esta situación ven dada pola falta de cobertura de permisos, vacacións e baixas que o SERGAS está dando en Centros de Saúde como o da Guarda, o que provoca atrasos nas consultas e un incremento na carga de traballo dos profesionais. A sobredemanda do servizo está ocasionando ademais unha deficiente atención. Ata o momento O SERGAS non buscou unha solución a este problema o que ten como consecuencia que se veña agravando co paso do tempo.
Analizando os motivos que alega o SERGAS polos que non hai médicos suficientes para cubrir as baixas, vacacións ou permisos, hai que ter en conta que a situación precaria que están a sufrir os sanitarios en Galicia e en concreto na Guarda, está provocando que moitos deles busquen unha estabilidade laboral e se animen a marchar ao estranxeiro, onde teñen mellores contratos de traballo ou inclusive pasarse á sanidade privada.
Os responsables municipais acordaron cos traballadores do Centro de Saúde da Guarda dar un prazo dunha semana para resolver o problema ou, alomenos, comezar a facelo. Dentro dunha semana volverán a xuntarse para facer unha valoración das medidas que tome o SERGAS diante desta problemática que están a sufrir e, se non adoptan algunha medida, veranse obrigados a esixir solucións de forma máis contundente.
Dende o Concello da Guarda solidarízanse co persoal sanitario polas condicións de traballo e continuos cambios de turnos e sobredemanda que están sufrindo, unha situación laboral precaria que prexudica ao servizo.